Previa: Praíña Sp. C. – C.D. Baio

 

C.D. BAIO

TOTAL LIGAS + COPAS

P. X.

P. G.

P. E.

P. P.

G. F.

G. C.

1853

720

432

701

3043

3049

TOTAL LIGAS

1624

625

376

623

2599

2676

1ª AUTONÓMICA

452

179

123

150

681

656

Principia unha nova temporada para o CD Baio, a 56ª da súa historia e a 14ª na 1ª Autonómica. E comeza coa ilusión de mellorar o feito a campaña anterior, na que o sufrimento polos posibles arrastres foi unha constante nas últimas xornadas, pero finalmente o equipo deu un paso adiante e rematouse nun tranquilizador 11º posto. Novas caras para este ano que comeza, coa chegada dun novo míster, Pablo Torreira, e seis fichaxes: Álex (Tordoia), Damián (San Tirso) e Pablo (Nantón), aos que se suman Julián, Regueira e Sergio, que soben desde o equipo xuvenil. E na primeira xornada terán enfronte ao Praíña Sp. C., rival que acaba de ascender por vez primeira á categoría provincial, polo que vai ser o primeiro enfrontamento na historia dos dous clubs.

O Praíña Sporting Club fundouse en 1970 en Pontevea (Teo) e desde entón non deixou de competir nas 49 temporadas que acumula coa actual. Principiou a súa andaina na campaña 1970-71 na 2ª categoría da Liga do Sar, na que estivo catro temporadas, proclamándose campión a última delas (1973-74). Ao ano seguinte xa se crearon as categorías tal e como as coñecemos hoxe en día, e o Praíña foi incluído dentro da 2ª Rexional, na que estivo dúas campañas antes de descender á 3ª Rexional. Cinco temporadas despois proclámase campión (1980-81) e volve á 2ª, na que bota tres anos consecutivos. Tan só dous anos na 3ª e novo ascenso á 2ª, na que logra aguantar 6 temporadas. Catro campañas na 3ª Rexional, con dous títulos: na 1993-94 (non ascende) e 1995-96. Apenas bota dous anos na 2ª Rexional e volta á 3ª, na que quedará nada menos que oito temporadas, ata que na 2005-06 se proclama de novo campión. Novamente só bota dous anos na 2ª e retorna á 3ª, na que tras cinco campañas e un novo título na 2012-13 regresa á 2ª Autonómica. Aquí estivo tamén cinco temporadas, tras as que por fin conseguiu o ascenso á 1ª Autonómica. Estivo a piques de logralo na 2016-17, na que se proclamou subcampión, pero non o conseguiu na liguiña de ascenso, pero si que o fixo na 2017-18 co título de campión. En definitiva, o Praíña é un equipo que, tras os seus inicios na Liga do Sar (4 temporadas na 2ª categoría), estivo alternando a 2ª Rexional (20 temporadas) coa 3ª Rexional (24 temporadas), para acadar o histórico ascenso á 1ª Galicia. Un título da 2ª da Liga do Sar, 5 da 3ª Rexional e outro da 2ª Rexional son a bagaxe en forma de trofeos.

O equipo que vai atopar enfronte o Baio nesta xornada é bastante similar ao da temporada pasada, pois mantén o bloque con xogadores como Luis, Román, Marcos, Álex López, Ibán, Diego Salgueiro, Pegaso, Tito, Álex Touceda ou o goleador Lucas (ex do San Marcos, Estudiantil e Sigüeiro, e pichichi do Grupo 5 da 2ª Rexional o ano pasado con 34 goles). As baixas de xogadores como Breixo, Hugo, Melgarejo, Javi Touceda ou Solla foron cubertas con ata oito fichaxes: o porteiro ex do Villestro Vicente Caneda, do Bastavales chegou Toni, do Estradense Gato, o veterano Fafu volve á que foi a súa casa, Borja Bosinwa chega do Chaián, dous rapaces novos, Róber e Adrián Ferreiro, do xuvenil do Conxo, e Javi Sánchez vén do San Mamed. Todos eles quererán dar unha boa impresión no seu debut na categoría, e adaptarse pronto a unha categoría que se antolla esta temporada máis complicada que sempre, na que non hai un claro favorito por arriba (aínda que as quinielas aposten polo superreforzado Sigüeiro, sen esquecer o Piloño, Dumbría, Flavia, Lalín, Soneira, Fisterra, etc.) e na que por abaixo poden caer moitos ao pozo polos posibles arrastres, xa que na Preferente hai bastantes equipos desta zona.

PRAÍÑA SP. C. – C.D. BAIO

Domingo 2 de setembro, 19:00 horas

Campo: Municipal Juan Amado (Reis-Pontevea)

Árbitro: Miguel Ángel Vilas Lorenzo

Asistentes: Mario Sanín Seoane / Sergio García Otero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *