Martín MC non necesita presentación entre a afección baiesa. Apenas recorda cando comezou a adestrar neste club, pois estima que tería uns cinco ou seis anos, entidade que nunca abandonaría a pesar das atractivas ofertas que recibe ao final de cada temporada. Con 28 anos cumpridos fai uns días e unha longa cifra de goles e récords históricos neste club, encabeza unha nova era que comeza este domingo xa sen os grandes capitáns dos últimos anos.
Como viches o equipo na pretemporada? Mellor ou peor do que esperabas?
O equipo vino moi ben, con moita ilusión e ganas de traballar, creo que foi unha pretemporada dura pero que o imos agradecer moito ao longo da temporada. En canto aos partidos, houbo resultados moi bos como o empate co Montañeros e Sofán ou, mesmamente, o Trofeo do Concello.
Neste mes e medio de preparación, notaches que o nivel e o grupo se resentisen coa retirada de Martín, Ramón e Mario despois de tantos anos? Cres que imos ver un Baio moi diferente?
Todos sabemos que eran tres xogadores moi importantes, sobre todo polo que aportaban ao grupo. Diferente non, pero sabemos que algúns xogadores temos que dar un paso á fronte para minimizar unha pérdida como a deles.
Ademais de capitán es o segundo xogador máis vello do equipo xa que, a pesar de cumprir recentemente os 28 anos, a media de idade do CD Baio é de 23. Como afrontaredes a temporada sendo un grupo tan novo? Cres que se acusará o exceso de xuventude?
Estamos traballando moi ben e temos moitísima ilusión en facer unha gran tempada. A pesar de ser un grupo novo levamos varios anos xuntos e non se ten porque notar ese exceso de xuventude.
Como prognosticas que será a nosa temporada? Cal cres que debe ser o obxectivo?
Non me gusta marcar un obxectivo, temos que ir partido a partido e o primeiro obxectivo é gañarlle ao Praíña; como seempre digo, este grupo é moi competitivo e gustaríanos acabar o máis arriba posible.
Vendo os equipos que se están formando en Primeira, cales cres que serán os favoritos ao título?
Non sei moi ben como se están reforzando os equipos na zona de Santiago, pero esta Primeira é moi igualada e non é fácil dicir un candidato. Os equipos costeiros reforzáronse moi ben e seguro que algún esta loitando polo título.
A nivel individual, como afrontas a temporada que vai comezar? Márcaste algunha cifra de goles como obxectivo?
Con moitas ganas a verdade, o ano pasado fastidioume perder 2 meses e, aínda que ao final acabei cunha boa cifra de goles, nunca puiden ter esa continuidade que che fai que cada vez esteas mellor fisicamente. O meu obxectivo é estar o mellor posible para axudar ao equipo; non me marco unha cifra, o importante é que saquemos os partidos adiante.
Con 28 anos recentemente cumpridos xa es un futbolista clave na historia do club. Saberías calcular cantos partidos ou goles acumulas con esta camiseta?
A verdade é que non o teño calculado, pero para iso temos a Chema Rei que é un auténtico fenómeno de datos e números.
A pesar do interese doutros clubs sempre apostaches por seguir na túa casa, motivo polo que compartiches vestiario con moitas xeracións. Cal dirías que foi o mellor xogador co que cadraches? E adestrador?
O mellor xogador sen ningunha dúbida é Martin, vía o fútbol un pouco antes que o resto. Adestrador sempre digo que aprendín algo de cada un e aquí tivémolos moi bos, pero se teño que nomear a alguén sería a Félix. Tivemos moi bos momentos con el, tanto en números como en xogo.
E rivais? Houbo algún rival co que che gustaría ter compartido vestiario?
Si, sempre hai moi bos amigos cos que non houbo sorte de compartir vestiario. Á cabeza venme Cespón, Álex Figueiras ou Javi…pero hai máis, claro.
Tiveches algún futbolista como referente pola súa forma de ser ou xogar?
O meu referente futbolístico no Baio foi Martin; no fútbol profesional, o meu ídolo de sempre foi Valerón e tamén Raúl.
Cal é o teu mellor recordo como futbolista? E o peor?
O mellor recordo que teño por agora son o título da Liga da Costa e o ascenso anterior. O peor foi o ano que descendemos de Primeira.
Sempre fuches feliz xogando ao fútbol ou nalgún momento tiveches tentacións de deixalo? Como se superan os malos momentos?
Para min xogar ao fútbol é imprescindible, pero si que é certo que no ano que descendemos non daba superado as lesións musculares e si que che pasan moitas cousas pola cabeza. Os malos momentos penso que se superan con traballo, se se traballa ben os bos momentos teñen que chegar por si solos.
Que futbolista consideras un exemplo para as novas xeracións? E adestrador?
Hai varios, mesmamente os que se retiraron son un exemplo para as novas xeracións. Respecto ao adestrador, ás novas xeracións diríalle que aínda que haxa adestradores que non gusten, hai que traballar e aprender o máximo posible de cada un.
Na pasada temporada, ademais, adestrabas aos nosos xuvenís xunto con Bieito. Como foi a experiencia? A túa forma de ver o fútbol cambiou dende que experimentaches a perspectiva do adestrador?
Foi unha experiencia moi boa, íamos con moita ilusión e creo que conseguimos un grupo competitivo. Non cambiou a miña forma de ver o fútbol, pero si que te das conta que ser adestrador non é tarefa fácil, ás veces non se valora pero hai un traballo por atrás moi importante.
Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?
Á afección creo que pouco se pode pedir. Solo que sigan animando, sobre todo, como ao final de liga o ano pasado, que imos dalo todo para estar o máis arriba posible e que por traballo e esforzo non vai ser. Forza Baio!

