Pablo Torreira: “Son unha xeración difícil de repetir en anos posteriores”

 

Pablo Torreira Corral (A Coruña, 27 de agosto de 1984), chegou a Baio este verán para guiarnos unha nova temporada en Primeira logo de conseguir unha moi sufrida salvación. Despois dunha dura pretemporada, presentámosvos ao noso líder e compartimos as súas sensacións de cara ao comezo de liga desta fin de semana:

 

Para que te coñeza a xente, cal é a túa experiencia no mundo do fútbol? Poderías resumir o teu currículum deportivo?

Levo 9 anos adestrando; estiven 6 no Imperátor, tanto en cadetes e xuvenís coma no primeiro equipo, e estes dous últimos compaxinei o San Tirso e o Ural xuvenil. Como xogador tiven unha lesión grave e non puiden seguir.

Defínete como adestrador: que tipo de fútbol che gusta para os teus equipos? Que tratas de transmitir aos teus xogadores?

Serio, traballador e intento facerlle ver ós xogadores que con canta maior “profesionalidade” se tomen o fútbol, maior é a posibilidade de éxito. Gústame que os meus equipos fagan un xogo vistoso pero o primordial é ganar; seguramente este ano xoguemos moi ben na casa e fóra seremos máis prácticos.

Que é o primeiro que valoras nun xogador? Que lles esixes?

Compromiso e que o dean todo os minutos que estean sobre o campo. Valóroos non só como xogadores, pois dende o primeiro día intento incidir nos malos hábitos de protestas, falar mal a un compañeiro, etc. Sei que é complicado porque vai no carácter de cada un, pero penso que é moi importante de cara a fóra; están representando a un club.

Cales son as principais bases deste proxecto? Que esperas?

Espero que poidamos ser regulares. A base do equipo é xente da casa que penso que está na idade perfecta para dar un paso á fronte, que deben facer reflexión e darse conta que son unha xeración que é difícil que se repita en anos posteriores, acompañados polos xuvenís que acaban de subir e xogadores que non son da casa pero que dan un salto cualitativo importante á plantilla como son Fedello, Álex, Iván Rojo e Damián.

Como viches o equipo na pretemporada? Era o que esperabas ou levaches algunha sorpresa que che rompese os esquemas?

O equipo vino cunha predisposición moi boa ó traballo que debe durar toda a temporada, os bos resultados chegan cando se traballa ben. Unha das sorpresas…en especial Sergio. Creo que ten moitas cualidades para que dentro dun par de anos sexa un xogador moi importante en Baio, ten que crelo e traballar día a día para conseguilo. Do resto máis ou menos xa tiña referencia, falei moito con Félix e cadrou case todo o que falamos.

Que futbolista consideras un exemplo para as novas xeracións?

Iniesta por todo o que transmite fóra e dentro do campo, cando gana e cando perde. É unha pena que agora non o poidamos disfrutar, porque transmite tódolos valores que debe haber no fútbol. Por algo o aplaudían en todos os campos.

E adestrador?

Adestradores apréndese de todos, non so dos profesionais: dos rivais, de categorías inferiores, superiores…aprendes día a día. Xa sei o que vai pasar, pero se me teño que quedar ca idea futbolística de un quedaríame coa de Guardiola por todos os éxitos que tivo o fútbol español (selección española, etc) duns anos para aquí grazas a el. Pero, como dixen, intento quedarme e aprender de todos, dende os de primeira ata os meus rivais.

Coñecías o CD Baio antes de vir?

Coñecíao por Félix porque fixemos os tres niveis de adestrador xuntos e sempre me falou marabillas del, tanto do club como da directiva: que era un club no que deixaban traballar, que non se metían no tema deportivo, que aos xogadores lle gustaba moito adestrar…

Gustaríache dar unha mensaxe á afección?

Diríalles que apoiasen ao equipo o máximo posible, non só aos de Baio senón tamén aos de fóra que tanto aportan e axudan a mellorar.

 

3 Comments on “Pablo Torreira: “Son unha xeración difícil de repetir en anos posteriores””

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *