Tres puntos para empezar ben

PRAÍÑA SP.C. 0 – C.D. BAIO 1

Tarde de moita calor nas terras teenses a pesar da hora tardía na que comezou o encontro, pero aínda así os paróns para beber algo de auga foron necesarios para que os futbolistas puidesen disputar este partido. Pouco máis dun centenar de afeccionados nas bancadas, moitos deles baieses, para presenciar o debut desta temporada e do equipo local nesta categoría. Acudía o cadro baiés con importantes baixas na parte defensiva (Álex, Damián, Norberto e Fachal), mentres que o Praíña non podía contar co seu goleador Lucas.

O pouco fútbol que se viu chegou no primeiro cuarto de hora, na que o Baio co control do balón chegaba con perigo á área rival. Dúas grandes xogadas de Javi Suárez por banda dereita acabaron con dous pases medidos, pero mentres no primeiro o remate colocado por Bieito foi atallado por Luis (min.10), no segundo Martín MC, de cabeza, lograba marcar o primeiro gol do partido (min.12). Pouco a pouco foise botando atrás o conxunto baiés, non sabemos se temeroso da improvisada defensa que tivo que colocar Pablo Torreira, co centrocampista Peke de central e o renqueante Pablo no lateral, pero o Praíña foille perdendo o medo á categoría e achegándose á área baiesa. Non levaron demasiado perigo os seus ataques, moitos deles rematados con lanzamentos desde fóra da área, e tan só unha internada do ex do San Mamed Javi, intranquilizou a Dani.

A segunda parte continuou co dominio do Praíña, cun Baio que por momentos perdeu o sitio no campo, pero os cambios introducidos polo míster visitante foron reforzando o centro do campo e impedindo as progresións do cadro local. Con todo, non levaba perigo nas contras o cadro baiés, o que tamén tranquilizaba aos locais para incrementar a súa presenza en ataque, e pouco a pouco o Baio foise pechando na súa área facendo bo a renda obtida. Non pasaba excesivo perigo, e de feito a única ocasión veu dun forte lanzamento de Álex desde fóra da área que rebotou no pau traveseiro (min.80). Balóns colgados á área que despexou a defensa baiesa ou eran atrapados por Dani foron os últimos intentos dos locais de sacar algo positivo no seu debut, pero ao final os tres puntos foron para Baio.

Polo cadro local xogaron: Luis, Ibán (Róber 54), Álex López, Diego Salgueiro, Toni, Dani (Román 54), Álex Touceda, Adrián (Fer 66), Fafu, Javi Sánchez e Marcos (Alberto 78). Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Peke, Pablo (Regueira 59), Rubio (Moreno 71), Bieito, Santi Díaz (Sergio 59), Iván Rojo (Josiño 86), Javi Suárez e Martín MC. A vindeira semana teremos derby no Platas Reinoso, coa visita do CF Dumbría, coincidindo coas festas baiesas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *