Previa CD Baio-Flavia SD

A Historia

C.D. BAIO

TOTAL LIGAS + COPAS

P. X.

P. G.

P. E.

P. P.

G. F.

G. C.

1882

739

438

705

3105

3076

TOTAL LIGAS

1652

641

382

629

2647

2704

1ª AUTONÓMICA

480

195

129

156

733

684

O domingo o CD Baio recibe no Platas Reinoso a un clásico do fútbol galego, o Flavia SD; club fundado en 1964, tras varias denominacións en 1979 adoptou a actual, e con ela converteuse nun dos clubs galegos máis destacados: 9 temporadas na 3ª División e 16 na Preferente así o testemuñan. Non imos repetir o seu historial porque xa o fixemos na primeira volta, simplemente temos que recordar os seus títulos para ver a magnitude desta institución. No seu palmarés figuran unha liga de Preferente (1984-85), outra de 1ª Rexional (2003-04) e tres Ligas do Sar (1967-68, 1969-70 e 2002-03); pero onde destacou foi na Copa do Sar, xa que é o club con máis títulos, nada menos que oito (67-68, 77-78, 78-79, 03-04, 06-07, 07-08, 14-15 e 15-16).

Esta é a undécima temporada que coinciden os dous conxuntos, as tres primeiras na Rexional Preferente e as demais na 1ª Rexional. O primeiro enfrontamento entre eles tivo lugar o 9 de setembro de 1984, en Padrón, con vitoria local, mentres que o primeiro partido que disputaron en Baio foi o 20 de xaneiro de 1985, e nel o Flavia volveuse impor por 1-3 -o conxunto padronés ascendería á 3ª División, da que acababa de baixar-. A seguinte confrontación foi na temporada 1988-89, e no Balsiño produciuse un empate (1-1); e a terceira na Preferente foi na campaña 1996-97, e aquí gañou o Baio, xa no Platas Reinoso, por 2-1. Os tres seguintes enfrontamentos foron na 1ª Rexional provincial, e as tres consecutivas: na 1999-2000 gañou o Baio (2-0), na 2000-01 volveu gañar o Baio (1-0) e na 2001-02 impúxose o Flavia (0-1). Haberá que esperar ata a campaña 2013-14 para que se volvesen atopar, na 1ª Autonómica semiprovincial, e novamente serían tres temporadas seguidas: nesa primeira gañou o Baio (2-1), ao igual que na seguinte (2-0), mentres que os padroneses se impuxeron na terceira (0-3). A última visita tivo lugar a temporada pasada, a 2017-18, e o partido xogado en Baio rematou con empate (1-1). Xa que logo, as estatísticas mostran uns datos favorables ao Baio nos encontros disputados como local, con cinco vitorias e dous empates nos dez encontros (12 goles a favor e 11 en contra); mentres que as estatísticas xerais amosan unha maior igualdade, pois os dous suman cadansúas oito vitorias, ás que hai que sumar cinco empates (o Baio marcou 23 goles e o Flavia 29).

O partido do domingo

O Flavia SD está demostrando un ano máis que se trata dun conxunto temible, e esta temporada está loitando por un título que se está poñendo excesivamente caro. Reforzárase o conxunto padronés no verán con xente moi nova, para dar o contrapunto a varios veteranos que formaban no seu conxunto, e no transcurso da campaña viñeron novas incorporacións de calidade como son o dianteiro Uxío (Negreira) e o veterano centrocampista Chiño (Xuv. Cambados). Pero a base do equipo segue estando nos de sempre, nos Perol, Triñanes, Checho, Padín, Álex Pérez, Víctor… Conta Camilo Perol actualmente con 19 fichas sénior, aínda que duranta a temporada xa utilizou 23 xogadores (pois tivo 4 baixas, porque non conta con equipo xuvenil). Tan só dous xogaores participaron en todos os partidos de liga, David Triñanes e Carlos Padín, aínda que este foi suplente nun deles. Nun partido menos participaron o porteiro Diego Perol e Álex Pérez (este tres veces desde o banco); e xunto a eles son fixos no once os Víctor, Andrés Seijas, David Pérez ou Checho, ao igual que o foi Uxío desde que chegou. Bo número de veces apareceu de saída tamén Óscar, ao igual que Jesús; Salva Arufe e Jorge Rama combinaron as súas aparicións no once coa saída desde o banco; e desde aquí saen habitualmente os Damián, Kevin, Marcos ou Jorge Martínez. Diego Busto só xogou un partido na portería e Chiño leva un mes no equipo combinado titularidades con suplencias.

Na actualidade ocupa o 3º posto, con 62 puntos, logrados mediante dezanove vitorias (Fisterra 1-2, Soneira 3-0, Cordeiro 3-1, Chaián 3-1, Praíña 0-3, Dumbría 4-0, Esclavitud 1-2, Baio 3-0, Val do Ulla 4-0, Esteirana 4-0, Bastavales 1-3, Lalín 1-2, Fisterra 2-0, Soneira 2-3, Tordoia 2-1, Unión 3-1, Praíña 3-1, Dumbría 0-2 e Esclavitud 5-0) e cinco empates (na casa, Lalín 1-1; fóra, Sigüeiro 1-1, Bertamiráns 1-1, Cordeiro 2-2 e Chaián 0-0), e perdeu catro partidos (Piloño 4-0, Tordoia 1-0, Unión 2-1 e Piloño 0-1). Como visitante sumou 25 puntos dos 62, con 7 vitorias, 4 empates e 3 derrotas. Marcou 22 goles como visitante dos 62 que leva (é o máis goleador do grupo), mentres que fóra encaixou 17 dos 24 que suma en total. O Flavia leva oito xornadas sen perder (seis vitorias e dous empates), e de feito desde a xornada 7ª tan só perdeu un partido (na casa co Piloño). Nos seus 10 últimos partidos como visitante gañou sete e empatou tres. O seu máximo goleador é David Pérez, con 14 goles, seguido de Uxío, con 13, e completa o tridente dos Pérez, Álex Pérez, con 11 goles. O defensa Checho suma 6 e Padín 4, con 3 están Marcos e Óscar, con 2 Damián e Andrés Seijas, e con 1 Jorge Rama, Jesús, Chiño e outro máis en propia meta.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

C.D. BAIO – FLAVIA S.D.

Domingo 7 de abril; 17:00 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: Marco Gil Soriano.

Asistentes: Genaro Gallo Escudero / Alejandro Fontenla Pérez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *