S.D. FISTERRA 2 – C.D. BAIO 2
Tocamos coa punta dos dedos a posibilidade de meternos de cheo polas prazas altas, pero un gol no último minuto do desconto impediuno. Con todo, moi bo partido do CD Baio no Ara Solis ante unha SD Fisterra, que se mostrou moi superior no primeiro tramo do partido creando moitas ocasións de perigo co seu potente xogo aéreo. Moi bo ambiente para ver un grande encontro con sabor a fútbol costeiro, e as preto de 500 persoas que o viviron en directo non saíron decepcionadas co espectáculo, aínda que aos dous equipos lles quedou o amargo gusto de que puideron vencer.
Co vento a favor saíu moi enchufado o equipo local, con balóns colgados á área desde o primeiro minuto, e xa no primeiro córner, remata Aarón no segundo pau e Bruno remacha en boca de gol para levar o delirio ás bancadas locais. Deixou un pouco tocado o gol ao cadro baiés, que non lograba ter o balón, e chegar arriba con perigo. O Fisterra seguía coa súa presión e impúñase en todas as disputas, e cada balón á área baiesa era sinónimo de que algo podía pasar. Xa fose de lanzamento de falta, de córner ou de saque de banda, as altas torres locais facíanse sitio para rematar á portería. As boas intervencións de Dani permitíronlle ao Baio seguir no partido, sacando algunha man prodixiosa. Tamén tivo o Baio o aliado no poste, pois nun erro no despexe da defensa baiesa, permitiulle a Makaay presentarse ante Dani e tras superalo picándolle o balón, este petou no traveseiro e no rexeite Dani estivo máis rápido que Bruno, que chegaba para empurrala. A partir da media hora de xogo, o Baio logrou desfacerse do dominio e ir aproximándose pouco a pouco á meta de Iván Bouzón, pero tamén faltaba claridade nos metros finais para sacar máis perigo, que ao final reduciuse a un par de libres directos e algún disparo desde a frontal. Coa mínima renda para os locais chegouse ao descanso.
Todo mudou na reanudación, aínda que o Fisterra tería unha boa ocasión nun novo saque de falta que cabecea Aarón á base do poste e non aproveita Makaay o rexeite, pero o Baio foise facendo dono do balón e pechando ao Fisterra atrás. Movendo o balón de banda a banda, fixo o equipo baiés correr ao fisterrán e as ocasións empezaron a chegar, pero Iván Bouzón estivo moi seguro ante Martín MC e Santi Díaz cando dispararon en posición franca de gol. As penetracións por banda facían moito dano na zaga local, pero faltaba un pé que empurrase o balón, ante as internadas de Damián ou Porti. Notou o esforzo o cadro fisterrán e o último cuarto de hora estivo á mercede do Baio, que logrou o gol do empate nunha nova internada por banda, neste caso de Isaac, que atopou a Iván Rojo desmarcado en boca de gol para que marcase o 1-1. Non se conformou o cadro baiés e foi polo partido e logrou remontalo cunha nova internada por banda dereita, neste caso de Santi Díaz, que rematou ante Bouzón, pero o balón quedoulle a Martín MC que non perdoou. E cando o partido parecía resolto, o enésimo balón colgado á área dos locais, consegue despexar de puños Dani, pero rebota o balón nun dianteiro local e quédalle franco a Dani Martínez para envialo ao fondo das redes e poñer o definitivo empate. Un resultado que premia cada parte de cada equipo, pero que como dixemos deixa un sabor agridoce nos dous conxuntos, que viron que puideron sumar os tres puntos e queda con un.
Pola SD Fisterra xogaron: Iván Bouzón, Julito, Breixo, Andrés Vigo, Rubia, Aarón, Roa (Pichino 92), Jesús (Cote 55), Capelo (Dani Martínez 92), Bruno (Pablo Lestón 55) e Adrián Makaay. Polo CD Baio xogaron: Dani, Rubio, Yago, Peke, Damián (Santi Díaz 58), Norberto, Álex Figueiras (Isaac 75), Bieito, Porti, Iván Rojo e Martín MC. Con este resultado o Baio perde a oportunidade de achegarse aos podio ligueiro, e segue mantendo a distancia cos dous primeiros e ten xa o Flavia dous puntos máis lonxe, conxunto que a vindeira semana visitará o Platas Reinoso.

