A Historia
|
C.D. BAIO |
|||||
|
TOTAL LIGAS + COPAS |
|||||
|
P. X. |
P. G. |
P. E. |
P. P. |
G. F. |
G. C. |
|
1864 |
728 |
435 |
701 |
3062 |
3057 |
|
TOTAL LIGAS |
|||||
|
1635 |
631 |
379 |
625 |
2612 |
2686 |
|
1ª AUTONÓMICA |
|||||
|
463 |
185 |
126 |
152 |
698 |
666 |
Na duodécima xornada da Primeira Galicia o CD Baio viaxa ata Padrón para xogar fronte ao Flavia SD. O equipo padronés foi fundado en 1964 baixo a denominación Padrón Frente de Juventudes, que en 1967 mudou por Padrón S.D., e xa desde 1979 adoptou o actual nome en recordo do antigo club desta vila. Participou sempre na Liga do Sar ata que se converteu en Flavia SD, que comezou a subir de categoría. Foron 14 temporadas na Liga do Sar ata que se produce unha subida fulgurante: na 1978-79 xoga na 1ª Rexional, na 1979-80 na Preferente, e na 1980-81 está xa na 3ª División, categoría na que vai botar catro anos seguidos. Volve descender á Preferente, pero axiña volve á 3ª División, na que estará tres anos. Tres temporadas máis na Preferente e na 1991-92 xoga de novo na 3ª División, mais será esa campaña pois volve á Preferente outros tres anos, para xogar por última vez na 3ª División na 1995-96. A partir de aquí descenso seguido, primeiro á Preferente e despois á 1ª Rexional; nesta categoría provincial bota cinco temporadas ata que descende á Liga do Sar. Xoga nesta liga na 2002-03, pero á seguinte xa está na 1ª Rexional e á seguinte outra vez na Preferente, na que durará sete campañas. Na 2011-12 xoga na 1ª Autonómica provincial e a partir da seguinte na semiprovincial, na que acumula sete campañas coa actual. En resumo o Flavia SD leva 9 temporadas competindo na 3ª División, 16 na Prefetente, 1 na 2ª Rexional e esta será a 13ª campaña na 1ª Rexional ou Autonómica. Ten un gran palmarés, pois gañou unha liga de Preferente (1984-85), outra de 1ª Rexional (2003-04) e tres Ligas do Sar (1967-68, 1969-70 e 2002-03); pero onde destacou foi na Copa do Sar, xa que é o club con máis títulos, nada menos que oito (67-68, 77-78, 78-79, 03-04, 06-07, 07-08, 14-15 e 15-16).
Esta é a undécima temporada que coinciden os dous conxuntos, as tres primeiras na Rexional Preferente e as demais na 1ª Rexional. O primeiro enfrontamento tivo lugar o 9 de setembro de 1984, e o Flavia impúxose no seu campo ao Baio (3-0), para remataren os padroneses como campións de liga esa temporada. Houbo que agardar ata a 1988-89 para que volvesen cadrar, e o Baio logrou gañar no Souto, igual que o fixo na súa seguinte visita, na campaña 1996-97. Na temporada 1999-2000, os dous equipos estaban na 1ª Rexional e non houbo goles no partido xogado en Padrón, gañou o Flavia na 2000-01 e de novo empate sen goles na 2001-02. Despois de moitos anos sen enfrontarse volveron coincidir na 2013-14, e de novo se produciu un empate, neste caso a uns. A última vez que o Baio gañou no Souto foi na 2014-15 e fíxoo por 1-4, devolvendo o equipo padronés a goleada na 2015-16 cun contundente 6-2. Na última visita, na 2017-18, tamén gañou o Flavia, neste caso por 2-0. Así pois, as estatísticas dos partidos xogados en Padrón amosan unha igualdade, con catro triunfos locais e tres visitantes, con tamén tres empates. A mínima vantaxe que ten o Flavia no seu campo tena o Baio nas estatísticas xerais, con oito vitorias por sete derrotas.
O partido do domingo
O Flavia SD mantén algo máis da metade do bloque que disputou a temporada pasada, pero tamén se deron unha serie de cambios significativos. Sufriu varias baixas de xogadores -algúns levaban varias campañas vestindo a camiseta celeste-, como é o caso de Chile, Esparís, Magariños, Brais Rodríguez, García, Rego, Gabi, Calderón ou Adrián Camiño. Para palialas chegaron varias fichaxes, catro delas desde o Compostela Xuvenil: Óscar, Marcos, Álex Forján e Jorge Rama; do Cordeiro chegaron Diego Busto e o veterano Jesús; do Bamio veu Vasco e do Dodro Gabi. Iniciada xa a campaña estes dous últimos abandonaron o equipo e ficharon a Jorge Martínez (Unión) e Uxío (Negreira), para completar as 20 fichas sénior quet teñen hoxe en día. Comezou a temporada con Martín Busto como adestrador, pero tras a xornada 8ª renunciou a continuar no banco, e foi substituído por Ritxi Escobar -irmán do ex-xogador Vasco-, que veu desde Catoira. Usaron os dous adestradores un total de 21 xogadores, sendo o central David Triñanes o único que foi titular nas once xornadas, e ademais xogou todos os minutos. Tamén xogaron en todos os partidos os veteranos Carlos Padín e Jesús no centro do campo, liña na que tamén foron titulares en dez partidos Víctor e Álex Pérez e o porteiro Diego Perol. Pode completar o cupo de xogadores fixos no once o central Salva Arufe, con nove titularidades, polo que quedarían catro prazas sen ocupante fixo. Dúas delas son nos laterais, polos que pasaron Óscar, Andrés Seijas e Checho, con menos veces para Álex Forján. As outras dúas prazas están na dianteira, na que David Pérez foi máis veces titular, e a recente fichaxe Uxío saíu sempre no once desde que chegou ao equipo, pero Jorge Rama, Damián e Marcos tamén tiveron oportunidades desde o inicio e senón saíron con asiduidade desde o banco. Do banco tamén saen Kevin ou Jorge Martínez e menos minutos xogaron o porteiro Diego Busto ou o defensa Eugenio.
Na actualidade ocupa o 2º posto, con 22 puntos, logrados mediante sete vitorias (Fisterra 1-2, Soneira 3-0, Cordeiro 2-1, Chaián 3-1, Praíña 0-3, Dumbría 4-0 e Esclavitud 1-2) e un empate (Lalín 1-1), perdendo tres partidos (Piloño 4-0, Tordoia 1-0 e Unión 2-1). Acumula 4 xornadas gañando, as tres últimas co novo adestrador. Como local, suma catro vitorias e un empate, polo que logrou 13 dos seus 22 puntos. É o segundo equipo máis goleador, con 22 goles, e encaixou 12, pero os seus números goleadores como local asustan máis, por logoru 14 goles e tan só encaixou 3. Os máximos goleadores son, con 6 goles, David Pérez e Uxío -este en só 4 xornadas-, mentres que Álex Pérez e Óscar levan 2, e con 1 figuran Checho, Marcos, Damián, Jesús e Padín; con outro máis en propia meta.
PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2
FLAVIA S.D. – C.D. BAIO
Domingo 18 de novembro; 16:15 horas.
Saída de Baio ás 14:00 horas.
Campo: Municipal do Souto (Padrón).
Árbitro: Miguel Ángel Vilas Lorenzo.
Asistentes: Iván Martínez Sequedo / Santiago Boedo Varela.

