Perder no Souto pásalle a calquera

FLAVIA S.D. 3 – C.D. BAIO 0

Boa entrada no Municipal do Souto para presenciar o partido entre o Flavia SD e o CD Baio, nunha tarde dominical con bo tempo e co campo en boas condicións para a práctica do fútbol. Chegaba o equipo baiés moi mermado fisicamente con varias baixas e algúns homes tocados, o que non foi óbvice para que o Flavia fose superior e gañase o partido con xustiza.

Principiou o encontro co equipo local levando a iniciativa, descargando o xogo sobre Álex Pérez, e nas xogadas a balón parado nas que o guante de Padín puxo en perigo en varias ocasións a meta defendida por Julián. Tras uns vinte minutos de continuo acoso padronés, pouco a pouco o Baio foi igualando a contenda, e chegando á meta defendida por Diego Perol. Tivo a súa grande oportunidade nun lanzamento desde a frontal de Bieito, pero o porteiro local enviou a córner nunha magnífica intervención. Pero á media hora chegou o gol local, que veu dun balón baixado na área por Uxío, que, tras desfacerse da defensa, lanza un duro disparo coa zurda que entra na porta baiesa logo de bater no traveseiro (min.29). Non se veu abaixo o cadro baiés e plantou cara pero sen demasiada profundidade, polo que a vitoria mínima do equipo dirixido por Camilo Perol foi o resultado co que se chegou ao descanso.

Intentou saír máis enchufado o Baio na reanudación, co Flavia máis acazapado, e foi nunha contra onde chegou o segundo gol, pois David Pérez logrou levarse un balón por banda e aproveitando o esvarón de Norberto meterse na área e fusilar a portería baiesa tras regatear a Julián (min.50). Non cesou no seu empeño o cadro baiés, pero non tivo moita fortuna para combinar no ataque ante un equipo local xa pechado atrás e buscando contras rápidas. E de feito, tiveron máis oportunidades de perigo, que tiveron a súa finalización positiva no min.68, cando nunha contra Óscar chega á frontal e dispara raso, e Julián logra rexeitar o balón, pero este cáelle a un David Pérez que seguía a xogada e marca a porta baleira. Co partido sentenciado e o Baio moi mermado fisicamente, o Flavia tivo algunha oportunidade máis que non logrou aproveitar, ben pola boa actuación de Julián, ben por non estaren atinados os dianteiros locais. Neses minutos finais temos que sinalar o debut esta temporada do xuvenil Raúl, aínda que non tivo a sorte de marcar.

Pola Flavia SD xogaron: Diego Perol, Óscar, Checho, David Triñanes, Andrés, Víctor (Damián 73), Jesús (Jorge Martínez 81), Padín, Álex Pérez, David Pérez (Jorge Rama 82) e Uxío (Kevin 86). Polo CD Baio xogaron: Julián, Isaac, Norberto, Álex Varela (Moreno 47), Pablo (Sergio 65), Álex Figueiras, Peke, Bieito, Iván Rojo (Josiño 73), Santi Díaz (Raúl 73) e Martín MC. Con este resultado o Baio cae á quinta praza, mentres que o Flavia segue segundo, agora máis preto do líder Sigüeiro. A vindeira semana teremos derbi no Platas Reinoso coa visita do Soneira SD.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *