Dous 7 con moito gol: Adrián Makaay e Martín MC

O pasado domingo no campo Platas Reinoso de Baio coincidiron dous deses dianteiros que marcan época, deses que deixan un pouso na historia do fútbol da Costa. Dous xogadores que foxen da imaxe do típico dianteiro de antano: grande, alto, rematador, que non sae da área…, e tanto é así que nin sequera xogan co 9 na camiseta, senón que o prefiren facer co 7. Evidentemente, estamos falando de Adrián López López e de Martín Fuentes Santos, ou, dito doutro xeito, de Adrián Makaay e de Martín MC.

Eles dous forman parte desa xeración de goleadores costeiros que naceron a finais da década dos oitenta e comezos dos noventa, un grupo no que poderiamos encadrar tamén a Pablo Muíño (1987), David Blanco (1988), Javi Suárez (1989), Róber Pladur (1990) ou a Alejo (1992). Un grupo de sete que leva sobre unha década marcando goles cada sete días nos seus diferentes equipos, xogadores que acumulan actualmente cerca de 200 goles ligueiros nas súas contas persoais, e os anos que aínda lles quedan por diante para seguir marcándoos.

Adrián López López “Makaay” naceu en Fisterra en 1988 e leva unha ducia de temporadas como xogador sénior pasando por diferentes equipos e distintas categorías. Desde que saíu do Montañeros, pasou polo Laracha, o Dumbría en varias etapas e categorías, o Arousa da Preferente Sur, o Soneira e, por suposto, o Fisterra. Leva ata o momento, e se as contas das crónicas xornalísticas non fallan, un total de 174 goles (71 na Preferente, 61 na 1ª Autonómica e 42 na súa única temporada na Liga da Costa).

Martín Fuentes Santos “MC” naceu en Baio en 1990 e leva dez campañas como xogador sénior, todas elas no mesmo club, no CD Baio, cinco na 1ª Autonómica e outras tantas na Liga da Costa. Hai un par de meses cumpríronse os 10 anos do seu primeiro gol na liga, sendo aínda xuvenil, o 7 de setembro de 2008 marcáballe ao Sofán no Platas Reinoso, para iniciar unha conta que suma a día de hoxe 175 goles, 64 na categoría provincial e 111 na liga costeira.

Moito se pode falar deles, pero cremos que xa de todos os afeccionados son coñecidos. Simplemente, quedemos cun dato: 350 goles. Unha cifra que fala ás claras de dous xogadores que viven por e para o gol, pero como dixemos non son os clásicos dianteiros de sempre, son futbolistas totais, que xogan para o equipo, que baixan ao medio do campo para crear a xogada, que combinan na busca da mellor opción, son, en definitiva, futbolistas que fan equipo. Por iso están chamados a quedar na memoria colectiva do noso fútbol, porque eles levan por Galicia o nome do fútbol da Costa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *