C.D. BAIO 4 – S.D. FISTERRA 0
Despois da semana de temporais o domingo chegou a calma, ou non. Veu outro temporal de goles no derbi que enfrontou ao CD Baio coa SD Fisterra, que rematou coa contundente vitoria por 4 goles a cero a favor dos locais, aínda que realmente non foi tanta a diferenza polo visto no terreo de xogo. Máis de 400 persoas nas bancadas do Platas Reinoso, cunha boa tarde climatolóxica despois do visto días anteriores, e a presenza de gran cantidade de xente chegada deste terras fisterrás, entre ela vellas glorias baiesas como Manín, Dito, Ayala, Cachuso, Sergio ou Bareta.
A primeira parte foi moi igualada, con apenas ocasións de gol e intermitentes chegadas ás áreas, e non foi ata os minutos finais cando se presenciaron as mellores oportunidades. No minuto 34, unha boa combinación no medio do campo baiés, acaba cunha parede de Martín MC, que deixa a Bieito ante Iván Bouzón, pero o seu frouxo disparo atrápao o meta fisterrán. Foi o prolegómeno do primeiro gol, nunha xogada na que Iván Rojo cede para a chegada de Álex Figueiras, que de tiro colocado á escuadra marcaba o seu primeiro gol co equipo baiés. Puido empatar o Fisterra nunha xogada a balón parado, pero o remate de cabeza de Andrés é sacado nunha grande intervención por parte de Dani.
O segundo tempo comezou co intento do míster fisterrán de reforzar o centro do campo, no que fora superior o Baio no primeiro, pero non tivo moito máis perigo que as xogadas a balón parado, pero con tímidos remates de Adrián Makaay de chilena, que non inquietaron a Dani. E axiña chegou o segundo gol baiés, nun balón sobre Martín MC, que se foi en velocidade e marca de tiro cruzado ante Iván Bouzón (min.55). Este gol deulle máis tranquilidade ao equipo local, que lle permitiu xogar co paso do tempo, controlando o balón en todo o momento e sufrindo pouco na súa área. Nos minutos finais chegaron dous goles máis, obra de Martín MC. O primeiro naceu nun gran pase de Sergio para a galopada de Damián pola banda, que lle gaña por velocidade ao lateral fisterrán e centra ao segundo pau, onde Martín MC controla e bate a Iván Bouzón (min.87). E o último tamén nun fenomenal pase de Josiño en profundidade para Martín MC, que marca tras regatear ao porteiro visitante (min.89) e conseguir así o seu hat-trick.
Vitoria clara do CD Baio que foi superior ao Fisterra, aínda que como dixemos non por tanta diferenza como sinala o marcador final, pero que dominou no control do xogo e non sufriu en demasía nas xogadas a balón parado, que é un dos fortes do equipo fisterrán. Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Álex Varela, Damián (Pablo 88), Álex Figueiras, Peke (Sergio 80), Bieito, Martín MC, Iván Rojo (Josiño 88) e Santi Díaz (Moreno 70). Pola SD Fisterra xogaron: Iván Bouzón, Fabián, Andrés Vigo, Julito, Rubia, Aarón, Breixo (Piti 46), Dani Martínez (Roa 46), Pablo Lestón (Jesús 58), Bruno e Adrián Makaay (Mané 72). Con este marcador o Baio iguala a puntos co Fisterra, na terceira posición, e queda a un punto do Flavia, equipo que visitaremos a vindeira semana.

