Previa CD Baio-SD Fisterra

A Historia

C.D. BAIO

TOTAL LIGAS + COPAS

P. X.

P. G.

P. E.

P. P.

G. F.

G. C.

1863

727

435

701

3058

3057

TOTAL LIGAS

1634

630

379

625

2608

2686

1ª AUTONÓMICA

462

184

126

152

694

666

Na undécima xornada da Primeira Galicia o CD Baio recibe no Platas Reinoso a un gran coñecido, un veciño, e fonte inesgotable de xogadores -algúns deles triunfantes coa camisola branquiazul-, como é a SD Fisterra. O club fisterrán foi, coma o Baio, un dos fundadores da Liga da Costa, e desde esa temporada 1963-64, os fisterráns disputan coa actual a súa 52ª temporada, pois deixou de competir en catro campañas. Logo da súa fundación, o Fisterra compite en tres ligas da Costa, para retirarse na cuarta edición; volve na quinta, pero non disputará a sétima; de novo retorna na oitava, e dase de baixa na décima e undécima. A partir da 1974-75 xa competirá de xeito ininterrompido. As tres primeiras na Liga da Costa, para xogar na Preferente da 1977-78 á 1979-80. Por unha reforma das categorías logra o ascenso á 3ª División (é o segundo club da Costa que o logra, tras o Noia; despois virían Bergantiños, Malpica ou Santa Comba). Dous anos estivo en categoría nacional, para baixar para a Preferente na 1982-83, categoría na que estivo ata a 1987-88. As tres campañas seguintes estivo na Liga da Costa da 1ª Rexional, e as dúas seguintes na da 2ª Rexional. Na campaña 1993-93 volve xogar na 1ª Rexional provincial, categoría na que se mantería ata a temporada 1999-2000. Tras dous anos na Liga da Costa, volve xogar na 1ª Rexional provincial na 2002-03, pero volve para a liga costeira na que vai botar as seguintes nove campañas. Xoga na 2012-13 na 1ª Autonómica semiprovincial, pero xa volve descender para a seguinte a Liga da Costa, na que se mantivo ata que na 2015-16 logra o ascenso de novo á 1ª Autonómica na que milita por terceiro ano consecutivo. En definitiva, o Fisterra SD competiu dúas temporadas na 3ª División, 8 na Preferente, 29 na Liga da Costa e leva 13 na 1ª Autonómica. Nestes anos foi campión da Liga da Costa en catro ocasións (1976-77, 1992-93, 2001-02 e 2015-16) e tres veces da Copa da Costa (1978-79, 1996-97 e 2016-17), sendo ademais finalista deste trofeo nas campañas 1963-64, 1969-70, 1975-76, 1992-93 e 1997-98.

Esta será a vixesimosétima temporada na que coincidan os dous conxuntos, catro delas na Preferente, catro na 1ª Rexional provincial e o resto na Liga da Costa. O primeiro enfrontamento tivo lugar o 10 de maio de 1964 en terras fisterrás, con clara vitoria local (7-1), para xogarse o primeiro partido en Baio o 28 de xuño dese ano e con vitoria tamén local (1-0). Nas súas dúas seguintes visitas o Fisterra gañou no Balsiño (0-2 e 1-2), para empatar na seguinte que foi a 1967-68 (3-3). Despois virían catro triunfos consecutivos dos baieses (4-1, 10-2, 4-2 e 2-1) -o categórico 10-2 da temporada 1970-71 habíao devolver o Fisterra no Ara Solis na 75-76-. Nesta última e na seguinte os fisterráns marcharon cos puntos de Baio (1-3 e 2-3) para emprender o seu meteórico ascenso de categorías. Non volveron cadrar os dous equipos ata a 1984-85, na Preferente, con vitoria baiesa (2-1); nas dúas seguintes gañou o Fisterra (0-1 e 1-2), e na cuarta e definitiva nesta categoría volveu impoñerse o Baio (4-1). Na 1989-90 e 90-91 o Baio goleou na Liga da Costa da 1ª Rexional (5-0 e 4-0), igual que no primeiro enfrontamento da 1ª Rexional, que tivo lugar na 1994-95 (4-0); os dous seguintes anos que cadraron foi nesta categoría e o Baio volve vencer (1999-2000: 2-1 e 2002-03: 3-0). Os seguintes enfrontamentos foron na Liga da Costa, de xeito consecutivo desde a campaña 2006-07, na que gañou o Baio (2-0), un empate deuse na seguinte (1-1), e vitorias dos baieses nas tres seguintes (3-1, 2-0 e 2-0), para golear o Fisterra na 2011-12 (1-4). Tras uns aniños separados, na 2017-18 volveron cadrar na 1ª Autonómica e o partido disputado no Platas Reinoso rematou en empate (1-1). En definitiva, as estatísticas dos partidos xogados en campo baiés amosan que o Baio saíu vitorioso en case dous terzos das veces que se enfrontaron (16 das 26, con sete vitorias forasteiras), marcando o dobre de goles que o Fisterra (65 por 32). Se nos atemos aos enfrontamentos totais as estatísticas están máis igualadas, con 20 vitorias baiesas e 21 fisterrás, con 11 empates; o Baio logrou marcar 99 goles e o Fisterra 115.

O partido do domingo

A SD Fisterra mantén boa parte do bloque que disputou a temporada pasada, pero fixo ata nove incorporacións que lle deron un salto de calidade que o sitúan a día de hoxe como un dos mellores equipos do grupo. Os cambios comezan pola presenza de Ángel Canosa no banco, e na recuperación de moitos xogadores que volveron ao seu club de orixe, fundamentalmente desde o Dumbría. Son novidade entre as 24 fichas sénior coas que conta o club, Iván Bouzón, Julito, Aarón e Adrián Makaay (procedentes do Dumbría), Coté e David Marcote (Corcubión), o recuperado Adrián Castro e os xuvenís que subiron ao primeiro equipo, Dani Martínez e Gabriel Padín. O adestrador fisterrán usou no que vai de campionato 21 xogadores, todos eles sénior, destacando a Iván Bouzón e Andrés Vigo, que disputaron todos os minutos dos 10 partidos; Adrián Makaay e Pablo Lestón tamén xogaron nos 10 partidos, aínda que Pablo foi suplente nunha xornada. 9 veces titulares foron igualmente Rubia, Aarón e Roco, mentres que Julito, Roa e Bruno o foron en 8 ocasións. Estes dez xogadores poden considerarse fixos, logo, nas aliñacións fisterrás, mentres que Breixo, Coté, Fabián ou Dani Martínez reparten fundamentalmente a outra praza de titular. Algún destes tamén adoita saír do banco se non é da partida, ao igual que o fan Piti, Jesús, David Marcote, Mané, Edu, Gabriel Vigo ou Adrián Castro.

Na actualidade ocupa o 2º posto, con 21 puntos, logrados mediante seis vitorias (Soneira 0-1, Unión 3-0, Chaián 0-3, Praíña 3-1, Dumbría 1-2 e Esclavitud 3-1) e tres empates (Piloño 1-1, Tordoia 2-2 e Cordeiro 1-1), perdendo tan só un partido (Flavia 1-2). Acumula 8 xornadas sen perder e logrou a vitoria nos últimos 5 encontros. Suma máis puntos como visitante que como local, pois fóra do Ara Solis logrou 11 puntos, e tan só encaixou 3 dos 9 goles que recibiu. Tamén marca menos fóra da casa, 8 tantos dos 20 que leva na actualidade. O seu máximo goleador é Adrián Makaay, con 8 goles, seguido por Bruno, con 4, e Pablo Lestón, con 3; suman 1 gol Breixo, Julito, Aarón, Dani Martínez e Andrés Vigo.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

C.D. BAIO – S.D. FISTERRA

Domingo 11 de novembro; 16:15 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: Sergio Bermúdez Seoane.

Asistentes: Genaro Gallo Escudero / Jairo Esmorís Lema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *