Remontada no Cortizo

C.D. LALÍN 1 – C.D. BAIO 2

Tarde invernal a vivida no histórico campo do Manuel Anxo Cortizo, que a pesar da moita choiva aguantou ben o terreo de xogo, e houbo bo ambiente nas bancadas, a pesar do frío, e coma sempre con boa presenza de afeccionados baieses, algúns deles xa chegados de mañá á capital do Deza para comer co equipo. Tras os dous empates da temporada pasada entre estes dous conxuntos, nesta ocasión chegou a vitoria baiesa, con remontada incluída, nun partido no que os visitantes foron dominadores boa parte dos minutos.

Empezou moi forte o cadro local, coa sorpresiva presenza do central Rucho como dianteiro centro, que foi sobre o que xirou o xogo nos minutos iniciais, e o que dispuxo de dúas grandes ocasións. A primeira nun remate no segundo pau, que se lle vai fóra (min.7), e a segunda nun remate de cabeza no primeiro pau, que peta no traveseiro e saca a defensa baiesa (min.9). Tras os agobios do primeiro cuarto de hora foise asentando o equipo vistante no terreo de xogo e chegando con á meta local.  Tamén o Lalín dispuña do seu perigo, sobre todo nas botas de You, que aproveitaba moi ben as deixadas de Rucho. Pero pouco a pouco foise facendo dono do encontro o Baio, pero non lograba concretar disparos de verdadeira perigosidade, aínda que un centro-chut de Isaac, envelenouse e tivo que sacalo coa punta dos dedos DJ da escuadra (min.33). Estaba mellor o equipo baiés no último tramo do primeiro período, pero as súas ocasións morrían en disparos inocentes. Polo tanto, chegouse ao intermedio co marcador inicial, á espera do que sucedese na continuación.

E na reanudación volveuse ver o mesmo que no comezo do partido, co Lalín enchufado e froito diso chegou o primeiro gol. Xogada por banda de You e centro á área, e Rucho cabecea a pracer ante Dani (min.49). Pero o Baio non se veu abaixo e reaccionou axiña, aproveitando unha gran recuperación de Damián en área contaria, e o seu pase da morte convérteo Iván Rojo no gol do empate (min.53). Seguía You facendo das súas e un disparo seu é detido fenomenalmente en primeira instancia por Dani pero o rexeite tivo que ser sacado por Álex Varela de debaixo dos paus (min.58). A pesar do susto, era o Baio quen seguía a controlar o partido e chegando con máis perigosidade á área rival. E froito desa presenza en campo rival chegou o segundo gol, cunha combinación na beira da áerea e un balón sobre Martín MC, que está máis rápido que DJ para levar o balón e o porteiro derrúbao, sinalando o colexiado o correspondente penalti. Do lanzamento encargouse o propio Martín MC, poñendo en vantaxe ao cadro baiés (min.67). Non se botou atrás o equipo baiés, senón que seguiu buscando a meta rival ante os cambios do míster local que buscou en Richi o revulsivo. Tivo a sentenza o Baio nunha gran xogada de Iván Rojo por banda, que centra ao segundo pau, e remata Martín MC fóra en posición forzada cando chegaba Santi Díaz para empurrala (min.73). A pesar de levar toda a artillería ao ataque o Lalín non conseguía penetrar na defensa baiesa, e a desesperación levaba aos locais a intentalo de disparos desde lonxe que acaban nas bancadas. Controulou o balón nos últimos minutos o Baio, non permitindo que o cadro local se aproximase á súa meta, e baixo unha intensa choiva chegouse ao remate co triunfo do Baio.

Polo CD Lalín xogaron: DJ, Dani Gómez, Tibu (Richi 69), Rubi, Abraham, Cubi, Ernesto (Ferreiro 60), Guillermo, You (Fer 86),  Rego (Penela 92) e Rucho. No CD Baio xogaron; Dani, Isaac, Peke, Álex Varela, Damián, Norberto, Álex Figueiras (Moreno 77), Bieito, Martín MC, Iván Rojo (Pablo 77) e Santi Díaz (Josiño 77). Con esta vitoria o Baio ocupa a quinta praza, empatado co cuarto, o Tordoia, e o Lalín baixa ata o 13º posto. A vindeira semana gran derby no Platas Reinoso, coa presenza da SD Fisterra, un dos mellores equipos desta liga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *