C.D. BAIO 0 – FLAVIA S.D. 5
Tarde chuviosa a vivida o domingo que non impediu que moita xente se congregase no Platas Reinoso para ver un interesante partido entre o CD Baio e o Flavia SD. Un partido entretido e competido, que non obstante, quedou practicamente resolto antes do descanso ao aproveitar o cadro padronés as súas tres ocasións de gol. O Flavia acabaría levando os tres puntos e a goleada amosando que este ano lle ten tomada a medida ao cadro baiés, e demostrando que conta con grandes xogadores en todas as súas liñas.
Os primeiros minutos do encontro foron de toma de contacto, sen quereren arriscar en exceso os dous equipos, pero aínda así movíase o balón con fluidez nos dous conxuntos, sen que houbese grandes ocasións de gol. Romperíase a igualdade cunha xogada individual de David Pérez, que sorteou varios rivais partindo da banda e desde a frontal lanzaba un colocado disparo ante o que non puido facer nada Dani (min 27). Intentouno o Baio pero non conseguía chegar con claridade, pois David Triñanes amosaba por que é un dos mellores centrais da categoría e varría todo o que chegaba cerca da área. Puido chegar, con todo, o gol nunha internada de Santi Díaz, pero o seu centro é cortado por Checho ante a chegada de MC e o balón vaise a córner lambendo o pau. Sería o propio Checho o puxese o segundo gol no marcador ao rematar un córner pouco despois (min.38). Puido recortar distancias Bieito cun balón que lle queda na frontal en posición vantaxosa, pero o seu disparo vaise alto cando xa se cantaba o gol. Pero o que chegaría, xusto antes do descanso, foi o terceiro dos visitantes nun balón perdido polo Baio na saída desde atrás que aproveitou Uxío para bater a Dani logo de recortar a un defensa (min.44). Con este marcador chegouse ao intermedio, coa sensación de que o peixe estaba vendido.
Saíu con folgos o cadro baiés na reanudación, e intentouno de varias maneiras, pero quedou demostrado que non era o día, pois cando non atinaban os defensores padroneses, non estaban lúcidos os locais para sacar tallada. Nin as internadas de Damián por banda esquerda tiñan resposta positiva dentro da área e cando se chegaba á hora do partido chegou a sentenza que acabou por matar os locais, pois un centro desde a esquerda de Álex Pérez rematábao Uxío impoñéndose no salto aos defensores (min.58). Non parou de intentalo o Baio pero os minutos foron transcorrendo sen que a situación mudase, e nin arriscando en defensa se lograba variar o marcador. Este intento baiés trouxo un par de contras perigosas dos padroneses; na primeira delas Dani faría unha grande intervención ante Álex Pérez que se presentara só ante el. Na segunda Damián logrou regatear a Dani e marcar a porta baleira e poñer o definitivo 0-5 no marcador (min.88).
Polo CD Baio xogaron: Dani, Rubio (Isaac 60), Yago, Peke (Sergio 66), Damián, Norberto, Álex Figueiras, Bieito, Iván Rojo (Porti 60), Santi Díaz (Moreno 66) e Martín MC. Polo Flavia SD xogaron: Diego Perol (Busto 78), Elías, Checho, David Triñanes, Andrés Seijas, Víctor, Padín (Caneda 70), Jorge Rama (Damián 56), Álex Pérez (Salva Arufe 72), David Pérez (Kevin 52) e Uxío. Con esta derrota o Baio deixa en mínimas as posibilidades de mellorar o seu cuarto posto e os once puntos que lle leva ao quinto fan que poida certificar esa posición definitivamente a vindeira semana no derbi que ten que xogar no Municipal de Vimianzo fronte ao Soneira SD.

