Esta fin de semana de descanso das Primeiras Galicia, aproveitouse para xogar a xornada aprazada por culpa do temporal do 10 de decembro, correspondente á 15ª xornada. Tan só se disputara no Nadal o partido entre o Atlético Ribeira e o CD Baio, que rematara con vitoria local (2-1). Os demais partidos do Grupo 2 celebráronse entre o sábado e o domingo de entroido, polo que xa temos ao día a competición e con iso a clasificación actualizada con todos os equipos cos mesmos puntos. Así, tras 21 partidos disputados o Baio cae ao 14º posto, un por riba do posto de arrastre, tras seis xornadas seguidas sen gañar (tres empates e tres derrotas), que fan que se vise superado tras estes encontros atrasados por Fisterra e Tordoia.
Na liga, non cederon os tres primeiros que se impuxeron a domicilio, aínda que con máis dificultade da prevista algún deles. En Verdillo, o pechacancelas San Lorenzo recibía ao líder Agolada con Juni no banco, e poñíalle as cousas difíciles no embarrado campo das Pedreiras, a pesar do temperán gol de Jemba; non puideron sentenciar os visitantes ata dez para o final cun novo gol do hondureño, tras unha boa xogada persoal, pero aínda lle meteu o medo no corpo Parafita ao marcar de testarazo tras saque de córner a dous para o final. Aguantaron ben as acometidas finais dos verdilleses e o Agolada segue no máis alto logo de nove xornadas sen perder (7 vitorias e 2 empates). Mesmo marcador, e mesmas circunstancias, se deu no choque do Piloño, que acudía a Sigüeiro escaso de efectivos (só dous suplentes, incluída a recente fichaxe Pablo -Zona Vella-), e tivo que esperar ata o último cuarto de hora para marcar, grazas a un gol de Zequi, que aumentaría o hoxe suplente Víctor cinco minutos despois; pero os de Oroso non se renderon e Pablo Mato volveunos meter no partido con cinco minutos por diante, mais non puideron puntuar, polo que acumulan xa seis xornadas nas que non gañaron, sumando un único punto. Menos apuros pasou o terceiro do podio, o Bastavales na súa visita a Valga, na que o Cordeiro vía como Beiroa marcaba a pouco para o descanso, outro Adrián, Pereira, poñía o segundo mediada a reanudación e finalmente Luis Rey no desconto pechaba a conta, para continuar outra boa xeiras dos de Brión (5 xornadas sen perder, delas só un empate).
Sobe á cuarta praza o Flavia grazas á súa vitoria pola mínima en Chaián, cun gol de Álex Pérez ao cuarto de hora do segundo tempo, e superan pola golaveraxe os padroneses ao Lalín, que empataba o sábado na súa visita ao renacido Fisterra. Adiántabanse os do Deza cun gol temperán de Camba, pero non sentenciaron e ao cuarto de hora do segundo tempo, o xuvenil Isaac marcaba o seu primeiro gol na categoría. Achégase a eles o Unión, que no partido goleador da xornada, impúxose ao Bertamiráns, que saíu durmido ao campo de Vilas, pois aos dez minutos xa levaba tres no lombo (o primeiro de Juanma e un dobrete de Saviola); recortou distancias Julio Díaz mediada a primeira parte, pero antes de chegar ao descanso volveu incrementar as diferenzas Álex Conde, quixeron meterse no partido os visitantes co gol de Kevin á volta dos vestiarios, pero non foron quen e mesmo apañaron outro de Néstor no tramo final. Quen non se dan metido nos postos altos son o Puebla e o Soneira, e co empate conseguido tras o seu enfrontamento do sábado en Vimianzo, ven como os de arriba escapan un pouquiño máis; partido trepidante no Municipal que puido gañar calquera, cun Soneira que aproveitou un córner para adiantarse na primeira parte cunha cabezada de Aarón -un pesadelo para os barbanzáns no balón parado-, pero coa entrada de Espi tras o descanso, o Puebla conseguiu o empate cun penalti cometido sobre o sonense que transformou Viturro, e nos minutos finais varias ocasións para os dous que milagreiramente non logrou converter ninguén. E no partido quente da zona baixa, o Tordoia levou os tres puntos do Outeiriño ante un Silleda que acumula xa once xornadas sen gañar (só dous empates); os goles chegaron no segundo tempo: adiantouse o Tordoia cun gol do central Nico, empatou Richi de penalti, e novamente outro central como Chino puxo o 1-2 definitivo.
Así pois, o Agolada segue unha semana máis de líder, cun punto de vantaxe sobre o Piloño, e catro sobre o Bastavales. O cuarto queda agora a sete puntos, posición que comparten Flavia e Lalín, e cun punto menos está o Unión. O Puebla, a pesar de levar 10 xornadas sen perder, ocupa o sétimo posto a nove do líder, e con dous puntos menos está o Soneira. Pola parte baixa, segue o San Lorenzo pechando a clasificación, con 12 puntos, e o Silleda é penúltimo con 13. A outra praza de descenso directo ocúpaa o At. Ribeira, con 18, e o Sigüeiro está no posto de arrastre, con 20. Só un por arriba dos orosáns está o Baio, e dous por riba o Tordoia e o Fisterra, e tres o Chaián. Na táboa de goleadores, o actual pichichi, o lalinense Richi non marcou e segue con 18, pero si o fixo o seu perseguidor e compañeiro Camba, que suma agora 16. Tamén marcou o terceiro, Viturro (Puebla), que está con 12; queda con 11 Madiop (At. Ribeira), e con 10 segue Jaco López (Chaián) e chega Saviola (Unión). A vindeira semana dous grandes enfrontamentos co Unión-Piloño e o Flavia-Lalín, mentres que o líder Agolada visita ao Tordoia e o Bastavales ao Chaián. Pola parte baixa tamén hai dous grandes enfrontamentos co Atlético Ribeira-Fisterra e o Baio-Sigüeiro.

