Mimetismo

C.D. BAIO 0 – S.D. TORDOIA 1

Mimetizarse co equipo rival é o sino do CD Baio nas últimas xornadas. Así tanto lle fai fronte a rivais da parte alta como desaparece do campo ante contrincantes das prazas baixas, por difícil que pareza. Onte tivemos un exemplo máis desta transformación que pode vir dada por un complexo de superioridade ou inferioridade, segundo o caso, que no que nos ocupa pode definirse como síndrome de gañar sen baixar do autobús. Nunha tarde de domingo moi fría e cunha forte chuvia que caeu sobre todo na primeira parte, un centenar de espectadores congregáronse e aguantaron durante noventa minutos un dos peores partidos vistos no Platas Reinoso nos últimos anos. O partido acabouno gañando o Tordoia, como o puido gañar o Baio, porque ocasións de gol houbo, pero máis por deméritos defensivos que por acertos atacantes.

O equipo tordoiés presentábase practicamente en cadro, con apenas dous xogadores do B no banco, e mantivo a máxima de manter a portería a cero. Puido vir abaixo ese plan cando as dez minutos un mal despexe de Álex é completado cunha cesión de Alemán cara o seu porteiro, que consegue desviar coa punta da bota Iván Rojo, pero o balón váiselle por riba da portería dun xa superado Santi. Pero sería ao cuarto de hora cando unha indecisión na área baiesa, cando un polo outro non sacou ninguén o balón, o que aproveitou Dubra para meter o pé e introducir o balón na portería baiesa. Non reaccionou o cadro local, aturdido por un gol que nunca pensaba que fose chegar, e non tivo outra ocasión destacada ata os últimos dez minutos. No min.35 un córner a favor do Tordoia, converteuse nunha ocasión clamorosa para o Baio, ao recoller Martín MC o rexeite da súa defensa e meter en profundidade para a carreira de Santi Díaz, que se atopou unha autoestrada desde campo propio ata a área rival, pero no último tramo a autoestrada tiña pozas pola moita choiva e quedoulle o balón atrás e deulle tempo á defensa a abortar a oportunidade. Un minuto despois, nun dos poucos balóns entre liñas que conseguiron meter os medios baieses, puxeron a Isaac ante o porteiro Santi, pero este consegue sacar o balón a córner. E veu a réplica nas botas de Dubra, que recolleu un balón no extremo e sen impedimento ningún foise desprazando en horizontal ata a frontal da área onde soltou un zurdazo axustado ao poste, que só unha man salvadora de Dani evitou o segundo (min.37). E antes de chegar ao descanso, un dous contra un no extremo permítelle a Adrián Lema internarse na área e dar o pase da morte cara a Santi Díaz, que remata en boca de gol, pero sobre a raia consegue sacar un defensa, co porteiro xa batido.

A segunda parte seguiu polo mesmo camiño, pero o Tordoia xa se pechou definitivamente atrás, e con dez homes diante do porteiro o Baio non atopou nunca o camiño cara ao gol. Nin os cambios nin as variantes tácticas tiveron efectos prácticos, e as ocasións de perigo eran escasas pois a acumulación de homes na frontal da área non permitía florituras. Con todo, mediado este período tivo un par de ocasións o conxunto baiés, a primeira nun balón que lle chegou a Santi Díaz, só diante do porteiro, pero o seu intento de vaselina foi ás mans de Santi (min.65), e un minuto despois un disparo desde a frontal de Rubio, que saíu lambendo o pau. Desesperábase o conxunto baiés, impreciso e nervioso, querendo marcar o segundo antes que o primeiro, ante un Tordoia que non tiña problema e sacaro  balón para campo baiés cantas veces fixese falta. O único perigo viña de balóns sobre as caídas a banda de Martín MC, pero o dianteiro baiés tampouco tivo o día. Os últimos intentos de mandar balóns en longo sobre a área do Tordoia eran caramelos para a defensa, e incluso nun rexeite puido marcar Dubra o seu segundo gol, pero non logrou superar a Dani no man a man (min.93). Con esta ocasión chegouse ao remate dun encontro, que só polo incerto do marcador fixo que os afeccioandos aguantasen a tarde fría.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Mario, Norberto (Adrián Lema min.31), Pablo Novo, Fachal (Martín min.56), Moreno (Rubio min.56), Bieito, Martín MC, Iván Rojo e Santi Díaz (Ramón min.71). Pola SD Tordoia saíron: Santi, José, Alemán, Nico, Álex, Chino, Andrade, Toño, Dubra, Che, Maki (Brais min.91).

O RESTO DA XORNADA

Vitorias pola mínima dos dous primeiros clasificados en partidos influenciados pola Festa do Cocido. Á última hora da tarde enfrontáronse no Hospitalillo o Agolada e o Bertamiráns, que levou o equipo da casa, cun gol xusto antes do descanso de Aitor, ao que replicou Cacho ao comezo do segundo tempo, pero Pacheco poñería o definitivo 2-1 mediado este período que lle permite ao Agolada manterse no alto da clasificación. En horario matinal, celebrouse o derby entre o Piloño e o Silleda, que rematou cun solitario gol de Fran conseguido a pouco para o descanso, e que lle vale aos cruceños para seguir o ronsel dos veciños dezanos. Tropezou o Bastavales no seu campo, e puido ser peor, porque o Unión adiantouse con dous goles de Juanma no primeiro tempo, pero reaccionarían os locais no segundo e Beiroa e Jorge en propia meta a cinco minutos para final puxeron o empate final. Non lle afectou o cocido ao Lalín, que tamén en horario tardío, se desfixo axiña do Chaián, grazas a un gol tempraneiro de Brais e outro de Rubén a pouco para o descanso; ao final Richi acudiu á súa cita co gol e puxo o terceiro e definitivo.

Partido interesante na Alta no que empataron o Puebla e o Flavia, con goles na primeira parte: adiantou David Pérez aos de Camilo Perol e Changui puxo a igualada pasada a media hora; aínda que os locais xogaron cun home menos o último cuarto de hora non habería máis goles. Derby tamén en Fisterra, onde recibían a un San Lorenzo necesitado de puntos, pero a vitoria quedou no bando local, a terceira consecutiva pola mínima, neste caso grazas a un gol de Víctor no primeiro tempo, que lles permite aos fisterráns seguir escalando postos na clasificación. Quen non consegue saír do pozo é o At. Ribeira (un punto nos últimos seis partidos) e onte perdía na súa visita a Cordeiro, a quen lle chegou un gol de Sergio para quedar cos tres puntos. Tamén o Sigüeiro leva unha xeira parecida aos ribeirenses (un punto de quince) e onte caía con estrépito ante un Soneira que volvía ás boas sensacións tras o tropezo da semana pasada, e os goles de Basti, no primeiro tempo, e de Nazo e Chapela, na reanudación déronlle os tres puntos para seguir enganchados no tren dos perseguidores.

Oito xornadas leva o Agolada sen perder, o que fai que siga á fronte da clasificación, cun punto máis que o Piloño. Os dous aumentaron a vantaxe sobre o terceiro,, que segue sendo o Bastavales, agora a catro do líder, e con só un de diferenza co Lalín, cuarto. O trío perseguidor destes só puido empatar, e Flavia, Puebla e Unión, e ven como se lles achega o Soneira, pero os catro aínda teñen a cabeza a certa distancia. Pola parte baixa, perderon os dous últimos, San Lorenzo e Silleda, mentres que terceira praza é agora para o At. Ribeira, que se ve superado polo Tordoia, que ocupa a praza de arrastre, pero ten moi preto ao Sigüeiro, e tamén ao renacido Fisterra e ao Baio, e incluso ao Chaián; iso si, tendo en conta que At. Ribeira e Baio xa xogaron o partido da xornada suspendida que todos os demais xogarán a vindeira semana. En canto aos goleadores, só marcou Richi (Lalín) de entre os primeiros clasificados, polo que aumenta a súa vantaxe sobre o seu compañeiro Camba a tres e sete sobre Madiop (At. Ribeira) e Viturro (Puebla). A vindeira semana, toca recuperar a xornada perdida, e o entroido deparará visitas dos primeiros clasificados a terreos dos últimos, así o líder Agolada visitatá ao San Lorenzo e o Piloño ao  Sigüeiro; igualmente o Lalín irá a Fisterra, mentres que o Bastavales terá unha dura proba en Valga co Cordeiro. Pode ser o Soneira- Puebla o máis igualado en principio e pola parte baixa o Silleda-Tordoia pode aclarar moitas dúbidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *