Adiantado á tarde do venres o CD Baio xuvenil disputará a 25ª xornada visitando un dos primeiros clasificados na Liga da Costa, o Fisterra SD. Tras as raras sensacións que deixaron os dous últimos encontros dos baieses, coa dolorosa derrota en Camariñas, de onde viñeron goleados, e a gran vitoria e bo xogo ante Os Miúdos, un conxunto que levaba unha boa xeira de resultados. Así que este venres teremos a incógnita de que Baio atoparemos. E enfronte estará o Fisterra SD, que actualmente é terceiro na clasificación, empatado co segundo Esteirana, con 51 puntos (aínda non descontamos os puntos que perderá do seu enfrontamento co Outes desta segunda volta, polo que na realidade é superado tamén polo San Lorenzo). Os fisterráns só deixaron de gañar dous partidos como locais, curiosamente cos seus rivais directos: un empate coa Esteirana e unha derrota co San Lorenzo. Acumula catro partidos seguidos sen perder, pero o empate no campo do Sofán na última xornada foi unha sorpresa da que intentarán resarcirse. Aínda que suman 76 goles a favor, son os que menos suman do grupo cabeceiro, sen que tampouco destaquen entre eles pola súa fortaleza defensiva. Os seus máximos goleadores son Aarón e Dani, con 12 goles, un máis dos que leva Isaac, un fixo xa co equipo sénior, e dous máis que Iván. Evidentemente, o cadro fisterrán parte como favorito neste partido, pero os xogadores baieses teñen unha boa oportunidade para demostrar a súa valía e facer un bo partido ante un gran rival.
XUVENIL (1ª AUTONÓMICA – GRUPO 2)
FISTERRA S.D. – C.D. BAIO
Venres 16 de febreiro; 18:00 horas.
Saída de Baio ás 16:15 horas.
Campo: Ara Solis (Fisterra).
Árbitro: Óscar Santos Rodríguez.

