AT. RIBEIRA 2 – CD BAIO 1
No partido aprazado da 15ª xornada da 1ª Galicia o Atlético Ribeira impúxose ao CD Baio por 2-1, nunha tarde fría, pero que a chuvia e o vento respectaron o acontecer do partido, que foi presenciado por apenas 50 persoas, a meirande parte chegadas desde Baio. Foi un encontro atípico acorde con estas datas, que os locais souberon levar para as súas redes aproveitando dous erros defensivos dos baieses na primeira parte e aguantando as embestidas dos visitantes no segundo, no que o porteiro Sergio se converteu no salvador dos seus.
Os primeiros minutos de partido foron de control de balón por parte dos dous equipos e as chegadas á área eran con bastante timidez. Pasado o cuarto de hora, estiráronse máis os dous conxuntos e nunha contra baiesa, un balón en profundidade pola banda sobre Santi Díaz e o centro deste é rematado a gol por Bieito, pero o liña invalídao por discutible fóra de xogo (min.18); o saque desta infracción supuxo o ataque frenético dos locais, que acabou no primeiro gol do partido convertido por Madiop, que, aproveitando unha descolocada defensa baiesa, marcou só ante Dani (min.18). Intentaron reaccionar os visitantes, pero aí foi cando se comprobou a importancia das baixas en ataque de Martín MC e Iván Rojo, pois as xogadas combinativas non atopaban rematador. Puido empatar Moreno cun forte lanzamento desde a frontal, pero o porteiro Sergio conseguiu rexeitar o balón (min.29). Pero pouco despois chegaría o segundo, logo de que un balón en longo dividise a defensa baiesa, e deixase en posición franca a , que disparou Yago e Dani conseguiu rexeitar pero o balón chegoulle a Adam, que puxo o 2-0 no marcador (min.31). Intentou acurtar distancias o equipo baiés antes do descanso, e tivo a súa oportunidade logo de que Santi Díaz levase un balón dividido e rematase colocado ao pau longo, pero o porteiro local luciuse cun paradón (min.40).
Tras o descanso, o Baio saíu decidido ao ataque e vivíronse os seus mellores momentos, embotellando ao rival e merecendo en varias ocasións o gol. A primeira oportunidade veu nun novo lanzamento colocado de Santi Díaz, que desviou Sergio coa punta dos dedos a córner (min.49); e tres minutos despois viría unha dobre ocasión, nacida nun lanzamento cerrado de Rubio que xa superado o porteiro sacou un defensa baixo paus, e o balón chégalle a Santi Díaz na frontal da área que lanza un forte disparo e o porteiro lúcese sacando o balón da escuadra. Foi o prolegómeno ao gol baiés, que chegou dun penalti, que converteu fenomenalmente Peke (min.53) -e non Adrián Lema, como puxo o colexiado na acta nun dos varios erros que ten esta-. O gol baiés supuxo unha pequena liorta, que acabou cunha dobre expulsión de Gude e Santi Díaz -aínda que o árbitro nun primeiro momento expulsara por erro a Peke-, que fixo que os dous equipos xogasen máis de media hora cun home menos, pero na práctica fixo que o Baio se fose dun partido que tiña onde quería ata ese momento. Non soubo achegarse co perigo co que o fixera nos primeiros minutos deste período, ante un equipo local que se pechou atrás para aproveitar a velocidade de Madiop nas contras. Con todo, tivo o empate o conxunto visitante nunha boa xogada de Adrián Lema, pero tras recortar ao defensa na beira da área pequena o seu lanzamento foi detido milagreiramente polo porteiro local, sacando unha man que apagou os berros de gol da afección baiesa (min.80). Os últimos intentos foron á desesperada, con máis corazón que cabeza, e o Ribeira tivo nas botas de Treus a sentenza tras pase de Madiop, pero o seu lanzamento foise desviado (min.85).
Co resultado de 2-1 chegouse ao remate, o que supón a primeira derrota de Diego Díaz no banco, ante un Ribeira que non foi superior, pero que aproveitou moi ben as súas armas, ante un Baio que adoeceu en moitas ocasións de firmeza defensiva, e que non tivo fortuna para converter as ocasións das que dispuxo. Os ribeirenses achéganse a un punto do Baio na clasificación, antes de afrontar a última xornada da primeira volta a vindeira fin de semana, na que os baieses volverán á Barbanza para enfrontarse ao Unión de Asados.
Polo cadro baiés xogaron: Dani, Isaac, Yago, Mario, Adrián Lema, Martín (Fachal min.46), Peke, Moreno, Rubio (Pablo Novo min.57), Bieito e Santi Díaz.

