Volver a gañar

BERTAMIRÁNS FC 2 – CD BAIO 4

Tarde primaveral a deste domingo nas terras da Amaía, a ideal para a práctica do fútbol, e aínda que non se deu cita moito público no Municipal de Bertamiráns, con poucos máis dun centenar de espectadores na bancada, a maioría chegados de Baio, os asistentes puideron ver unha hora dun partido entretido. O Baio encaraba o encontro coa mente posta en volver á senda da vitoria tras as dúas derrotas precedentes, e fíxoo con solvencia, cun marcador máis curto do que se viu no terreo de xogo.

Principiou o partido co equipo local moi enchufado, necesitado de puntos para saír da zona baixa, pero era o Baio o que controlaba o balón e as chegadas, pero as contras do equipo local tamén xeraban perigo. Non concretaron os visitantes as súas primeiras chegadas, e si o fixo o Bertamiráns ao irse por banda Espiña e centrar ao primeiro pau, onde Cacho se adiantaba á defensa para bater a Dani (min11). E non tardou en chegar o empate, tras un lanzamento de córner e varios rexeites o balón quédalle franco a Yago, que fusila a Fon (min15). Os goles non variaron o signo do partido, cun equipo local pechado atrás buscando as contras a partir do seu mellor home, Julio Díaz, mentres o Baio dominaba o balón na busca de ocos na defensa local. Insitiu o Baio, xa totalmente dono do partido no tramo final da primeira parte, controlando mellor as rápidas transicións locais, e atacando con perigo, con balóns ás costas dos laterais, ou ben con  roubo de balón na saída dos locais, pero o gol non chegaba. Fíxoo a través dun penalti cometido sobre Moreno, que Martín MC transformou con tranquilidade (min42). E aínda puido volver marcar o dianteiro baiés en dúas ocasións antes do descanso, na primeira o balón váiselle alto, e na segunda tras controlar co peito e superar cun sombreiro ao defensa, o seu intento de vaselina ao porteiro vaise lambendo o traveseiro.

Mesma decoración no inicio do segundo período, controlando ben o Baio as acometidas locais, que tiñan escaso éxito a pesar dos intentos de Julio Díaz pola súa banda, pero a defensa mostrouse moi segura. O Baio controlaba o partido a través do balón, pero as protestas continuas do bando local nese tramo con todo o mundo, co veterano Cacho á cabeza, fixeron que os baieses se fosen un pouco do encontro e perdesen o control. Foi man de santo o gol de Iván Rojo, que empuxou co peito un rexeite do porteiro en boca de gol para reconducir a situación (min.64). A expulsión de Cacho pouco despois foi xa definitivo para a sorte do partido (min.68), e máis cando Martín MC marcou o cuarto gol (min. 74) tras varios intentos fallidos. A partir de aquí o partido entrou nun sinsentido de protestas por parte local, e con varias ocasións por parte visitante que non logrou materializar. No min. 77 o colexiado expulsaba a Espiña, e pouco despois o Bertamiráns lograba acurtar diferenzas grazas a un zapatazo desde fóra da área que se coou pola escuadra de Dani (min.80). Os minutos do lixo non serviron para que o Baio marcase máis goles, e iso que tivo ocasións ata o último minuto, no que os locais perdían outro home (Jorge Paz) e outro máis co partido acabado (Fon Pouso). Vitoria folgada e balsámica para encarar as vindeiras xornadas, e ir asegurando esa cuarta praza en vista de que os de arriba non fallan.

Polo Bertamiráns FC xogaron: Fon Pouso, Saúl (Dani López 69), Jorge Paz, Martín Meijide, Manu Bouzas (Borja 67), Juan Vázquez, Adrián Alvite (Ángel Casalderrey 75), Cea (Joel 75), Espiña, Julio Díaz e Cacho. Polo CD Baio xogaron: Dani, Rubio (Raúl 85), Peke, Yago, Damián (Pablo 7), Norberto (Sergio 75), Álex Figueiras, Bieito, Moreno (Isaac 65), Iván Rojo e Martín MC. Con este triunfo o Baio mantén a distancia cos tres primeiros e incrementa a seis a vantaxe sobre o quinto. Agora o parón ligueiro do entroido traeranos a disputa da fase previa da Copa da Costa. O vindeiro domingo iremos xogala a Corcubión, e en quince días volve a liga ao Platas Reinoso coa visita da Esteirana.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *