Vitoria prácida ante un manso Cordeiro

C.D. BAIO 5 – CORDEIRO C.F. 1

Boa tarde dominical no meteorolóxico a vivida en Baio e boa presenza de afeccionados nas bancadas do Platas Reinoso, con máis de 200 espectadores. CD Baio e Cordeiro CF disputaron un partido que non tivo máis historia unha vez que o cadro local se adiantou no marcador, deixando ao remate unha vitoria clara, que puido ser máis ampla polas moitas ocasións das que dispuxeron os xogadores baieses.

Presentábase o Cordeiro con moita xente nova nas súas ringleiras e viuse a mercede do equipo local durante boa parte do encontro. E mesmo foi un autogol o que abriu a lata, pois un centro ao segundo pau metíao nas propias redes o ex do Bertamiráns e Outes, Lucas Ces, de cabezazo (min.22). Quedou tocado o cadro valgués e puido aumentar enseguida o Baio por medio de Iván Rojo, cun disparo que saca Busto cos pés, e Martín MC, que envía lambendo o pau, tras desfacerse do porteiro visitante. Pero o segundo si que chegou antes do descanso, ao cabecear Álex Varela no segundo pau un córner botado por Álex Figueiras (min.40). E tivo o terceiro Damián nun lanzamento de falta, que petou no traveseiro. Xa no desconto tivo o Cordeiro a súa primeira chegada perigosa, cun disparo desde fóra da área que desvía Dani, e o rexeite cáelle a Antón Brea, que non aproveita e atrapa de novo Dani.

Mesmo panorama no segundo tempo, que trouxo os primeiros trocos por lesións nos locais, que fixeron que baixase un pouco o ritmo. Pero axiña chegou a sentenza, cun erro defensivo do Cordeiro que aproveitou Martín MC para regatear a Busto e marcar a porta baleira (min.57). Caeu na relaxación o Baio, permitindo que os visitantes se achegasen á área de Dani, aínda que con pouca pólvora. Tan só un remate frouxo pero ben colocado de Antón que bateu na cepa do poste foi o máis destacado das súas intentonas. Pero esta ocasión espertou aos baieses, que volveron gozar de ocasións, como a que tivo Josiño, que sacou co pé Busto, pero pouco despois o propio Josiño será o que asista para Santi Díaz, que se interna na área e bate ao porteiro visitante (min.81). E Martín MC redondeou a goleada cun tanto fabricado nunha reviravolta na área e disparo cruzado coa zurda ao fondo das redes (min.85). Botouse atrás o Baio ao quedar con dez pola lesión de Álex Varela cos trocos feitos, e o Cordeiro aproveitouno para marcar no tempo de desconto o seu gol nun penalti que transformou Antón Brea (min.92).

Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Álex Varela, Damián (Pablo 66), Álex Figueiras (Santi Díaz 56), Peke (Sergio 46), Bieito, Rubio, Martín MC e Iván Rojo (Josiño 75). Polo Cordeiro CF: Juan Busto, Lucas Ces (Iván Longo 69), Magariños, Anxo (Daniel 69), Rivadulla, Iván Fuentes, Manu García, Pablo Castro (Hugo 42), Rubén García, Isaac (Marcos Baldomero 54) e Antón Brea. Con este triunfo o Baio aséntase na cuarta praza recortando puntos cos que o preceden, Flavia e Sigüeiro, mentres o Cordeiro se mantén no 11º posto, pois non gañou ningún dos equipos da parte baixa. A vindeira semana teremos que visitar o Barbanza para enfrontarnos ao Unión de Asados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *