A Historia
|
C.D. BAIO |
|||||
|
TOTAL LIGAS + COPAS |
|||||
|
P. X. |
P. G. |
P. E. |
P. P. |
G. F. |
G. C. |
|
1867 |
729 |
436 |
702 |
3065 |
3060 |
|
TOTAL LIGAS |
|||||
|
1638 |
632 |
380 |
626 |
2615 |
2689 |
|
1ª AUTONÓMICA |
|||||
|
466 |
186 |
127 |
153 |
701 |
669 |
Na décimoquinta xornada da Primeira Galicia o CD Baio recibe no Platas Reinoso ao Cordeiro CF. O club representativo do concello de Valga foi fundado en 1969, e cumpre na actual a súa 50ª temporada competindo. A pesar da súa condición de club pontevedrés, sempre disputou os campionatos encadrado na delegación de Santiago, polo que a Liga do Sar foi o seu espazo natural. Tras 13 campañas nesta liga (ou na xa denominada 2ª Rexional), vai ascender á 1ª Rexional semiprovincial, na que estará 4 temporadas, para seguir, logo da división deste grupo en dous (Costa e Santiago), na 1ª Rexional cinco campañas máis. Na 1990-91 desfanse estes grupos da 1ª Rexional e o Cordeiro encádrase na 2ª Rexional, na que vai xogar dúas temporadas, para caer ao inferno da 3ª Rexional na 1993-94. Volve subir ao ano seguinte e tras 11 campañas na 2ª Rexional, proclámase campión na 2004-05 e sobe á 1ª Rexional provincial. Non lle foron ben as cousas nesta categoría e é pechacancelas e volve descender. 7 campañas máis estivo na 2ª Autonómica ata que na 2012-13 se proclama de novo campión e ascende á 1ª Autonómica, de novo semiprovincial, na que suma coa actual a sexta temporada consecutiva. En definitiva, son 16 temporadas na 1ª Rexional (5 delas como Liga do Sar), 33 na 2ª Rexional e 1 na 3ª Rexional. Neste tempo conseguiu os campionatos de liga da 1ª Rexional Grupo 2A na 1987-88 (perdeu a promoción de ascenso á Preferente co Camariñas), e dous da 2ª Rexional (2004-05 e 2012-13).
Esta é a sétima temporada na que coinciden os dous conxuntos, todas elas na 1ª Rexional. A primeira confrontación foi o 8 de xaneiro de 1984, e no campo do Balsiño o Baio impúxose por 3-0. Haberá que agardar ao novo século para a segunda visita dos de Valga a Baio, e foi na temporada 2005-06, na 1ª Rexional provincial, coa particularidade de que se xogou dúas veces o partido: a primeira o 23 de outubro, e rematara con empate (1-1), pero no encontro producírase un grave erro do colexiado -no minuto 65 co marcador 0-1-, ao anular un gol aos locais marcado de penalti sinalando libre indirecto contra os baieses, en vez do correcto que era a repetición do lanzamento. O Baio reclamou ante o Comité de Competición e este decretou a reanudación do partido o día 8 de decembro desde o minuto 65 co lanzamento do penalti por parte baiesa; pero o Baio erraría o penalti e recibiría dous goles máis (0-3). Os seguintes enfrontamentos foron máis recentes. Na 2013-14, na 1ª Autonómica semiprovincial, o Baio impúxose ao equipo de Valga por 3-1. Tamén se impuxo na temporada seguinte, na 2014-15, aínda que de maneira máis apertada (2-1), mentres que na 2015-16 o partido rematou en empate (0-0). A última visita foi a temporada pasada, 2017-18, e o Baio impúxose pola mínima (1-0). Polo tanto, as estatísticas amosan un superioridade do Baio sobre o Cordeiro nos partidos xogados en terras baiesas, con catro vitorias, un empate e unha derrota para os locais, con 9 goles a favor e 5 en contra. Nas estatísticas xerais, o Baio gañou dous terzos dos doce partidos xogados, con un empate e tres vitorias do Cordeiro.
O partido do domingo
O Cordeiro CF mantense unha temporada máis na 1ª Galicia, e faino mantendo a regularidade que o caracteriza. Só 11 xogadores continúan da campaña anterior, con baixas significativas que eran fundamentais no equipo como Pablo Castro, Gabriel, Tourís, Jesús ou Álex Rodríguez. Para palialas chegaron oito fichaxes, como o porteiro Alberto Cascallar (Caldas), Marcos Lorenzo (Céltiga), Lucas Ces (Outes), Jonathan e Moisés que estaban sen equipo, e do xuvenil subiu Antón Brea, xa moi usado a campaña anterior. Iniciada a competición chegaron Rubén García (Dodro) e Marcos Baldomero (At. Ribeira). En total, son 19 as fichas sénior das que dispón José Luis González Eiras, aínda que xa utilizou a 22 xogadores, pois tres xuvenís son fixos nas súas convocatorias. De feito, un deles, Rivadulla, foi o único do plantel que saíu de titular en todos os partidos. Un partido menos saíron de inicio dous clásicos como Magariños e Manu García; e os mesmos partidos xogou Antón Brea, aínda que unha vez foi suplente. Once veces no once estiveron Alberto Cascallar e Isaac, unha máis que Mateo e o xuvenil Iván Fuentes; mentres que Marcos Lorenzo e Yago Brea fixérono en nove ocasións. Marcos Baldomero tamén principia os partidos practicamente desde que chegou, e outros como Jonathan, Pablo Rial, Bustelo e Juanillo repártense os outros postos. Menos oportunidades tiveron Lucas Ces, Rubén Bodaño ou o porteiro xuvenil Juan Busto; mentres que desde o banco adoitan saír Anxo, Rubén García, Xenxo e, en menor medida, Moisés.
Na actualidade ocupa o 11º posto, con 17 puntos, logrados mediante cinco vitorias (Bertamiráns 2-1, Bastavales 2-0, Piloño 0-1, Unión 3-0 e Praíña 3-1) e dous empates (Fisterra 1-1 como local; e Lalín 1-1 como visitante), e perdeu sete partidos (Esteirana 2-1, Flavia 3-1, Soneira 0-1, Tordoia 3-2, Chaián 3-0, Dumbría 3-1 e Esclavitud 1-2). Hai moita diferenza entre os puntos colleitados en Valga cos sumados como visitante, pois só 4 deses 17 puntos foron logrados lonxe do Municipal de Baño, aínda que foron en campos tan difíciles como o do Piloño e o Lalín. Neses sete encontros como visitante marcou outros tantos goles, mentres que encaixou máis do dobre, 15, cando no cómputo xeral leva 19 goles a favor por 21 en contra. O seu máximo goleador é Antón Brea, con 7 goles, seguido por Manu García, con 3; os outros nove goles repártense entre oito xogadores do equipo -Bodaño, Lucas, Bustelo, Jonathan, Marcos Lorenzo, Isaac, Yago e Rivadulla- e outro dun rival en propia meta.
PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2
C.D. BAIO – CORDEIRO C.F.
Domingo 9 de decembro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Diego Seoane Sánchez.
Asistentes: Daniel Naya Rey / David Seoane López.

