De tres en tres

S.D. TORDOIA 0 – C.D. BAIO 3

Tarde ventosa e chuviñenta a vivida en Gorgullos este domingo na que máis de 100 espectadores viviron a vitoria do CD Baio ante a SD Tordoia nun choque igualado, con moitas oportunidades e que se resolveu de lado visitante ao aproveitar as súas. Segue o Baio sen encaixar goles nos seus encontros en Gorgullos, e esta vez manter a porta a cero valeulle para levar os tres puntos, que dadas as dificultades físicas polas que pasaban varios xogadores e polas que pasaron outros no trancurso do encontro, supoñen un gran golpe moral para afrontar os encontros que restan da primeira volta.

Comezou o partido xa sen pausa, e no primeiro minuto Martín MC íase en velocidade cara á porta rival, pero perdeu a oportunidade ao enredárselle o balón nos pés e chegar a defensa a conxurar o perigo. Dous minutos despois, era Denís o que se plantaba ante Dani, pero o seu lanzamento rexeiábao o meta baiés e logo a defensa conxuraba o perigo. Mediado o período o propio Denís tiña un novo man a man ante Dani, e outra vez o gardameta conseguía desviar o disparo. O Baio dominaba o balón, pero non lograba facer xogadas de perigo para a meta de Santi. Pola súa parte o Tordoia, chegaba en contras nas que Elías amosaba o seu perigo, e nunha delas rematou cun disparo desde a frontal de Maki que se foi alto. Sen goles no marcador chegouse ao remate do primeiro tempo.

Continuou a mesma dinámica no comezo do segundo período, co Baio dominando o balón e o Tordoia esperando. Pero axiña chegaría o primeiro gol, cun centro de Álex Figueiras desde a banda, que controla Bieito, que cede para que Iván Rojo marque por baixo ante Santi (min.56). Golpe duro para os locais, que sufriron para crear oportunidades a partir de aquí. Tivo que entrar Sergio no lugar do mancado Norberto, e nada máis saír tivo a súa oportunidade nun balón morto na área local, pero o seu disparo mordido atallouno Santi (min.68). Pouco despois unha falta sacada rapidamente por Álex Figueira sobre Martín MC, permitiulle a este encarar a Santi, pero o seu disparo fóiselle a rentes do pau (min.75). E a falta de cinco minutos, un balón sobre Martín MC na área, este revólvese entre tres defensas, que acabaron por derrubalo e o conseguinte penalti, lánzao o propio Martín MC, que ve como Santi llo detén, pero o rexeite cáelle ao propio Martín MC, que marca por alto (min.85). E tres minutos despois o mesmo Martín MC aproveitaba un pase para presentarse ante Santi e marcar de disparo cruzado e poñer o definitivo 0-3.

Marcador avultado para o igualado que estivo o encontro pero que lle permite ao Baio subir unha posición e alcanzar a cuarta praza. Pola SD Tordoia xogaron: Santi, Martín (Miguel Mallo 85), Nico, Seo, Dubra, Damián (Dani Padín 85), Che, Elías, Denís, Dani Pena (Rubén Fariña 72) e Maki. Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Peke (Josiño 85), Damián, Norberto (Sergio 67), Álex Figueiras, Bieito, Rubio, Iván Rojo e Martín MC (Pablo 89). A vindeira semana o Baio vai recibir no Platas Reinoso ao Cordeiro CF.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *