C.D. BAIO 2 – S.D. PILOÑO 1
Tarde de outono, con ceos cubertos e lixeiros orballos, que non impediron que houbese máis de 150 afeccionados nas bancadas, que viron un gran partido de CD Baio que superou ao Piloño en gran parte do encontro, e acabou levando unha vitoria pola mínima que se antolla escasa á vista das moitas e claras ocasións das que dispuxo. Comezou a previa co recordo a Fachal en forma de camisetas dos seus compañeiros, para alegrarlle estes malos momentos logo de confirmarse a grave lesión de xeonllo.
Tras uns minutos de alternativas a primeira grande oportunidade chegou nas botas de Martín MC, que se presentou ante Sergio e intentou batelo por alto, pero a súa vaselina foise fóra (min.9). Respondeu axiña o cadro cruceño, cun centro lateral que rematou no segundo pau Zequi, pero Dani despexou o balón a córner (min.11). No minuto 24 produciuse un gol fantasma, logo dunha xogada de contraataque baiés que levou Martín MC que cede para o remate de Iván Rojo, que dispara e saca un defensa baixo paus, aínda que houbo protestas por entender que o defensa o fixo dentro da portería. Volveuna ter Iván Rojo pero o seu man a man sacábao Sergio co pé a córner (min.30), e no lanzamento dese córner, Álex Varela aproveita unha prolongación dun rival para cabecear só no segundo pau e marcar o 1-0 (min.31). Aínda estaba o Baio celebrando o gol e chegou o empate, logo dun córner pechado que saca de puños Dani, e na frontal o ex-EF Lalín Martín Taboada tivo tempo de controlar e disparar e bater a porta baiesa (min.32). Intentou o Baio volver a recompoñerse do pau sufrido, e logrou facerse de novo co control do partido, pero axiña chegou o descanso.
Mesma historia na segunda parte, que axiña sufriu un serio contratempo, coa expulsión de Tuco, logo dunha dura entrada sobre Norberto (min.55). E axiña chegou outro golpe para os visitantes, pois Martín MC aproveita un pase ao oco, para regatear a Sergio e marcar a porta baleira (min.59). Nin a entrada de Dani Méndez fixo que o Piloño conseguise poñer en risco a vantaxe local, pois o único perigo viña de lanzamentos de falta botadas por Marc, que non chegaron a bo porto. Contemporizou o Baio agardando as contras e o Piloño intentouno arriscando en defensa, pero os xogadores baieses non estiveron finos no último pase para aumentar a vantaxe. A piques estivo de facelo Santi Díaz, que tras un slalom desde campo propio rematou colocado, pero o porteiro Sergio logrou desviar co pé e o rexeite cáelle a Martín MC na frontal que dispara contra o poste (min.89). Chegouse ao remate do encontro co triunfo baiés que lle permite refacerse do mal partido da semana pasada e acabar co invito Piloño.
Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Álex, Damián, Norberto (Sergio 89), Peke, Rubio (Santi Díaz 61), Bieito, Iván Rojo (Moreno 75) e Martín MC. Pola SD Piloño xogaron: Sergio, Tuco, Otero (Terri 85), Maceiro, Dani (Javi 66), Imanol, Marc, Manu García, Martín, Zequi, Víctor (Dani Méndez 57). A vindeira semana o CD Baio volve xogar no Platas Reinoso, ante outro invito, neste caso o líder indiscutible e máximo favorito ao título, o Sigüeiro CF.

