Previa CD Baio-Sigüeiro FC

A Historia

 

C.D. BAIO

TOTAL LIGAS + COPAS
P. X. P. G. P. E. P. P. G. F. G. C.
1857 722 433 702 3046 3052
TOTAL LIGAS
1628 627 377 624 2602 2679
1ª AUTONÓMICA
456 181 124 151 684 659

Na quinta xornada da Primeira Galicia o CD Baio recibe no Platas Reinoso ao Sigüeiro FC. O club representativo do concello de Oroso disputa coa actual a súa 15ª temporada na 1ª Rexional, categoría máxima que disputou. O resto da súa traxectoria hai que situala na Liga do Sar e na 3ª Rexional. A primeira vez que competiu na 1ª Rexional foi na campaña 1984-85, na que foi subcampión do Grupo II, o que supón a súa mellor clasificación da súa historia. Repetiu na 1985-86 no mesmo grupo, para despois continuar as cinco seguintes no Grupo II-A, unha especie de Liga do Sar na 1ª Rexional. Xa con esta categoría cun único grupo provincial na temporada 1991-92 o Sigüeiro foi penúltimo e descendeu. Volvería á 1ª Rexional provincial na 2002-03, pero volveu descender nesa campaña. E as seis últimas temporadas, desde a 2013-14 ata a actualidade, participa na 1ª Autonómica semiprovincial. No seu palmarés figuran dúas Ligas da 2ª Rexional, nas temporadas 2001-02 e 2012-13, e dúas Copa do Sar, na 1996-97 (ao gañarlle ao Conxo, 1-0) e na pasada campaña, 2017-18 (gañoulle ao Laro, 5-2).

Esta é a sexta temporada na que coinciden os dous conxuntos, todas elas na 1ª Autonómica.  A primeira foi na temporada 2002-03, no Grupo I provincial;  o 15 de decembro de 2002, en Sigüeiro, o partido acabou con vitoria baiesa (1-3), mentres que o primeiro encontro en Baio foi o 27 de abril de 2003, e o equipo baiés goleou a un xa descendido Sigüeiro (8-2). Na temporada 2013-14 volveron coincidir despois de que os dous ascendesen na temporada anterior, e o Sigüeiro levou a vitoria de Baio (0-2). Moitos goles no enfrontamento da temporada 2014-15, con vitoria local (4-3), e nova vitoria do Baio (2-1) na temporada 2015-16 nun partido disputado no campo de San Andrés por obras no Platas Reinoso. A campaña pasada o Sigüeiro levou a vitoria do Platas Reinoso grazas a un solitario gol (0-1). Polo tanto, tres vitorias baiesas e dúas orosás nos cinco enfrontamentos disputados en Baio, mentres que as estatísticas xerais os datos favorecen ao cadro baiés, con seis vitorias, un empate e tres derrotas. 15 goles a favor e 9 en contra dos baieses no seu campo, mentres que as cifras xerais suman 25 a favor por 15 en contra.

 

O partido do domingo

Despois da irregular temporada pasada, na que o Sigüeiro FC, ao igual que o Baio, conseguiu afastar o fantasma do descenso nas últimas xornadas, esta campaña o equipo orosán cambiou por completo. Coa volta de Tomás Mougán ao banco do Sigüeiro, ata 12 xogadores abandonaron a disciplina do equipo, e chegaron nove xogadores, moitos deles con pasado recente na 3ª División. Para a defensa chegaron Juan Caneda (Dubra), Jacobo (Estudiantil; ex-Bertamiráns) e Ferreiro (Xuventude Oroso xuvenil); para o centro do campo, Íñigo (Ordes; ex-Bertamiráns), Juan Castro (Negreira; ex-Estradense, Bertamiráns, Ordes), Brais Rodríguez (Flavia; ex-Estudiantil, Bertarmiráns) e Calderón (Flavia; ex-Bertamiráns, Estudiantil, Grixoa); e para a dianteira viñeron Adán (Negreira; ex-Bertamiráns, Lalín, Santa Comba, Bergantiños…) e Astray (Negreira; ex-Estradense, Bertamiráns, Bergantiños). Nin que dicir ten que a conexión Tomás Mougán-Bertamiráns influíu nestas incorporacións. Xunto a eles continúan os porteiros Dani e Souto, e os Bautista, Aitor, Borja, Jesús, Chema, Álex Pri, Parcero ou a súa estrela, o veteranísimo Juanito. Unha mestura de veteranía e de xuventude nos 19 homes que compoñen o plantel, pero sobre todo prima a calidade, o que fixo que sumen por vitorias todos os seus partidos. Oito goles a favor e tan só un en contra nos encontros gañados ao Chaián (0-2), Praíña (1-0), Dumbría (1-3) e Esclavitud (2-0). O central Juan Caneda, con tres tantos, é o máximo goleador do equipo, o que dá mostra da importancia das xogadas a balón parado; con un gol están Brais, Astray, Adán e Parcero (un quinto foi en propia meta).

 

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

C.D. BAIO – SIGÜEIRO F.C.

Domingo 30 de setembro; 17:00 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: Brais Rosende Cancela.

Asistentes: Manuel Iglesias Bazarra / Aitor Escourido Álvarez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *