A seriedade sempre xoga a favor

 C.D. BAIO 2 – SIGÜEIRO F.C. 0

Tarde de sol aínda que ventosa, que non impediu que se achegase numeroso público ao Platas Reinoso, cunhas 150 persoas nas bancadas. Visitaba o campo baiés o líder da categoría, que contaba o seus partidos por vitorias, pero por segunda semana consecutiva o CD Baio acabou coa condición de invicto do seu rival. O Sigüeiro FC conseguiu formar un gran plantel, con xogadores de moita calidade cun pasado recente na 3ª División moitos deles, pero isto non foi suficiente para levar nada positivo do Platas Reinoso, nun partido con escasas oportunidades de gol, e no que a pólvora de Martín MC fixo que os puntos quedasen na casa.

O encontro foi disputado, de poder a poder, e aínda que o trivote Chema, Juan Castro e Brais movían ben o balón, non conseguían crear ocasións de perigo, e só o balón parado, con balóns sobre o central Juan Caneda parecía ser o camiño máis curto do Sigüeiro na busca do gol. Pero apenas puxeron en apertos a Dani, que estivo sempre moi seguro, e tamén para atallar os centros de Íñigo desde a banda esquerda. O Baio, pola súa parte, sempre na busca de Martín MC, que tivo algunha oportunidade, aínda que tampouco moi clara. Todo cambiou no minuto 35, cando Álex recupera o balón no seu campo, e rompe en campo rival, abrindo a banda para Iván Rojo, que axiña filtra o pase para Martín MC, que se presenta ante Souto, a quen bate de tiro cruzado, e o balón entra logo de petar no pau.

O segundo tempo principiou polo mesmo camiño, pero axiña o Sigüeiro sacou pólvora do banco, e a saída de Adán para formar dupla atacante con Astray, pero o equipo baiés estivo moi serio e non concedeu a máis mínima oportunidade, minimizando ademais a posibilidade de que os visitantes dispuxesen de balóns parados, un dos seus puntos fortes. Tamén o Baio procuraba saír de vez en cando cara á meta rival, e tivo algún disparo de fóra da área de Iván Rojo e Martin MC. Novos trocos do Sigüeiro para intentar modificar a situación, e a pesar de conseguir pechar ao Baio o balón non chegaba con perigo á área de Dani. Cando o tempo esmorecía, chegou a expulsión do porteiro Souto por insultos ao árbitro e o segundo gol do Baio. Un balón roubado en campo propio por Martín MC fai que se vaia só cara á portería rival, e tras desfacerse do porteiro marca o definitivo 2-0 (min.93).

Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Álex, Damián (Pablo 95), Norberto, Peke (Moreno 76), Rubio (Santi Díaz 76), Bieito, Iván Rojo (Sergio 92), Martín MC. No Sigüeiro FC formaron: Souto, Jesús, Juan Caneda, Borja, Aitor (Adán 55 (Álex Pri 82)), Chema, Juan Castro (Jorge 80), Íñigo, Calderón (Ferreiro 54), Brais Rodríguez e Astray. Coa vitoria baiesa, o Sigüeiro segue no alto da táboa, mentres o Baio se coloca na terceira posición, empatado co segundo Piloño, con dous puntos menos. A vindeira semana terceira partido a domicilio e terceiro rival que acaba de ascender, neste caso a UD Val do Ulla, que de momento é o mellor dos novos equipos do grupo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *