Vitoria cómoda para retomar sensacións

C.D. BAIO 4 – S.D. TORDOIA 1

No partido xogado na tarde de sábado o CD Baio volveu á senda da vitoria e do bo xogo cunha cómoda vitoria, que puido ser máis ampla a teor das ocasións de un e outro conxunto, pero ao final un 4-1 ante a SD Tordoia que asegura o cuarto posto xa de forma matemática. A pesar de xogarse o sábado houbo unha boa entrada no Platas Reinoso, cunhas 150 persoas na bancada, que viron a un Baio superior e un Martín MC que segue unido ao gol.

Despois duns minutos de tanteo axiña o Baio foi o dono do balón e do partido e foron chegando as ocasións de gol. A máis clara veu dunha boa xogada de Damián por banda esquerda que cede para Santi Díaz, que a porta baleira lanza un forte chut que se vai ás nubes (min.15). Un minuto despois, unha falta botada por Martín MC é rexeitada por Juanjo e o balón cáelle a Yago que dispara pero o porteiro tapa ben e desvía a córner. Foi no minuto 23 cando se abriu a lata ao marcar Moreno un bo gol dun disparo desde a frontal da área. Non lograba o Tordoia conectar cos seus dianteiros, e perdía moitos balóns na liña media, que facía que o Baio se presentase en terreo rival moi facilmente. E nunha recuperación foi como chegou o segundo gol dos locais, ao recuperar Yago un balón e filtrar un gran pase para Martín MC que o deixou só ante o porteiro tordoiés, e marcou tras regatealo (min.28). E antes do descanso chegou o terceiro, cunha nova xogada individual de Porti, que se foi de varios rivais e cando se dispoñía a disparar foi derrubado dentro da área, e o correspondente penalti transformouno Martín MC (min.43) para poñer o 3-0 co que se chegou ao descanso.

Iniciouse o segundo período co Baio pechando calquera tipo de reacción visitante, ao lograr o cuarto gol, o terceiro na súa conta particular, Martín MC ao fusilar a Juanjo (min.49). Puido ampliar a súa conta o dianteiro baiés en varias ocasións, en balóns cedidos por Isaac ou por Josiño, pero non logrou conectar o remate. Foron moitas as contras levadas polo cadro local que puideron incrementar a conta, mentres o Tordoia non lograba crear ocasións ante un seguro Julián. Intentouno Denís cun disparo desde fóra da área que atrapou ben o porteiro local, e foi o propio dianteiro visitante o que lograría o gol da honra ao enganchar unha volea na frontal e o balón entra pegada ao poste (min.84). Nos minutos finais mesmo puido marcar o porteiro suplente Dani, tras entrar como dianteiro polo lesionado Álex Figueiras, pero nin el nin MC aproveitaron a ocasión. Ao remate vitoria clara para o CD Baio par poñer fin a unha xeira de malos resultados.

Polo CD Baio xogaron: Julián, Isaac, Yago, Peke, Damián, Álex Figueiras (Dani 79), Bieito, Moreno (Josiño 67), Porti (Pablo 63), Santi Díaz (Sergio 51) e Martín MC. Pola SD Tordoia: Juanjo, Damián, Seo, Jorge Liñares (Martín Torres 46), Dubra, Nico (Prego 72), Felipe, José Liñares (Rubén Fariña 62), Elías (Juanjo Freire 72), Dani Pena e Denís. A vindeira semana o CD Baio desprazarase ata Valga para enfrontarse ao Cordeiro no antepenúltimo partido de liga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *