Previa Cordeiro CF-CD Baio

A Historia

C.D. BAIO

TOTAL LIGAS + COPAS

P. X.

P. G.

P. E.

P. P.

G. F.

G. C.

1885

740

438

707

3109

3083

TOTAL LIGAS

1655

642

382

631

2651

2711

1ª AUTONÓMICA

483

196

129

158

737

691

O CD Baio viaxa este domingo ata o concello de Valga para enfrontarse ao Cordeiro CF, club fundado en 1969, polo que cumpre na actual a súa 50ª temporada competindo. A pesar da súa condición de club pontevedrés, sempre disputou os campionatos encadrado na delegación de Santiago, polo que a Liga do Sar foi o seu espazo natural. Desas 50 campañas en competición, 16 temporadas son na 1ª Rexional (5 delas como Liga do Sar), 33 na 2ª Rexional e 1 na 3ª Rexional. Neste tempo conseguiu os campionatos de liga da 1ª Rexional Grupo 2A na 1987-88 (perdeu a promoción de ascenso á Preferente co Camariñas), e dous da 2ª Rexional (2004-05 e 2012-13).

Esta é a sétima temporada na que coinciden os dous conxuntos, todas elas na 1ª Rexional. O primeiro partido que disputaron foi o 8 de xaneiro de 1983, no Balsiño, e o Baio gañou con claridade (3-0); mentres que o primeiro xogado en Valga foi o 13 de maio de 1984, e volveu gañar o equipo baiés (1-2). Habería que agardar dúas décadas para que volvesen atoparse, e foi na temporada 2005-06, na 1ª Rexional Provincial, e o Baio volveu gañar en terras pontevedresas (0-2), mais ao remate os dous descenderían á 2ª Rexional. E os dous volveron subir logo da temporada 2012-13 e coincidirían nas tres campañas seguintes. Seguindo coa tradición, o Baio levou a vitoria do campo de Baño, tanto na 2013-14 (1-2) como na 2014-15 (0-2), para certificar a regra do 2. Foi nas dúas últimas visitas nas que o Cordeiro logrou impoñerse ao Baio: na temporada 2015-16 fíxoo por goleada (4-0) e na 2017-18 venceu por 2-0. As estatísticas dos partidos xogados en Valga son aínda favorables aos baieses, con catro vitorias e dúas derrotas, con igual número de goles (oito) para cada un; nas do total o Baio impúxose en 9 dos 13 partidos xogados, con tres derrotas e un empate; son 22 goles a favor e 14 os encaixados.

O partido do domingo

O Cordeiro CF leva unha temporada irregular, que fai que a estas alturas non teña aínda certificada a permanencia pola cantidade de arrastres que pode haber. O equipo reforzouse no verán con ata seis futbolistas novos, e mediada a temporada chegou desde o Negreira Samuel. O míster José Luis Gonzáles Eiras conta actualmente con 21 fichas sénior, e utilizou un total de 29 xogadores, oito deles xuvenís. Tan só un xogador, o xuvenil Manu Rivadulla, participou en todos os partidos da liga, e fíxoo ademais en todos como titular. Un partido menos xogou Manu, mais tres deles foron como suplentes. Xunto a eles podemos considerar fixo a Magariños, e despois tan só o porteiro Cascallar e Mateo superan os dous terzos dos encontros como titulares. Algo máis da metade dos encontros saíron no once Jonatan, Marcos Baldomero, Marcos Lorenzo e mesmo o xuvenil Iván. O dianteiro Antón era fixo ata lesionarse, e a fichaxe Samuel tamén o é desde que chegou. Outros xogadores que disputaron un bo número de encontros de saída foron Isaac, Rubén Bodaño, Moisés, Bustelo ou Yago. Con máis participación desde o banco están Rubén García, Juan Touriño, Lucas Ces, Pablo, Xenxo ou Anxo. Cinco xuvenís tiveron unha presenza case testemuñal, e outro deles, o porteiro Juan Busto chegou a xogar 8 partidos como titular.

Na actualidade ocupa o 12º posto, con 37 puntos, logrados mediante dez vitorias (Bertamiráns 2-1, Bastavales 2-0, Piloño 0-1, Unión 3-0, Praíña 3-1, Bertamiráns 1-2, Soneira 0-1, Tordoia 3-1, Piloño 6-1 e Esclavitud 1-3) e sete empates (na casa, Fisterra 1-1, Sigüeiro 0-0, Flavia 2-2 e Chaián 1-1; fóra, Lalín 1-1, Bastavales 1-1 e Praíña 0-0), e perdeu catorce partidos (Esteirana 2-1, Flavia 3-1, Soneira 0-1, Tordoia 3-2, Chaián 3-0, Dumbría 3-1, Esclavitud 1-2, Baio 5-1, Val do Ulla 3-2, Esteirana 0-1, Lalín 1-4, Fisterra 2-1, Unión 2-1 e Dumbría 0-1). Sumou 22 puntos como local por 15 como visitante, xogando un partido máis fóra; na casa gañou seis partidos e perdeu cinco, e conseguiu empatar catro, curiosamente contra os tres primeiros clasificados. Os seus últimos dous partidos como local non os conseguiu gañar, mais vén de impoñerse no difícil campo do Esclavitud. A súa clasificación complicouse cando mediada a liga só logrou unha vitoria en once partidos, o que o foi relegando a postos baixos, que sen chegar ao descenso directo si o ten colgando dos arrastres. Leva na liga un total de 44 goles a favor e 47 en contra, mais os seus números goleadores son mellores nos partidos xogados no Municipal de Baño, pois neles marcou 25 tantos e só encaixou 17. O seu máximo goleador é Manu, con 12 goles, seguido por Antón, que levaba 8 cando se lesionou xusto despois de xogar en Baio; levan 4 a nova fichaxe Samuel e Marcos Lorenzo, e 3 Jonatan e Moisés. Ata nove xogadores máis lograron marcar, iso si, un cada un: Isaac, Rivadulla, Magariños, Baldomero, Touriño, Bodaño, Lucas, Bustelo e Yago, ademais de outro marcado en propia meta por un rival.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

CORDEIRO C.F. – C.D. BAIO

Domingo 5 de maio; 18:00 horas.

Saída de Baio ás 15:30 horas.

Campo: Municipal (Baño-Valga).

Árbitro: Carlos Villaverde Mogo.

Asistentes: Elisabet Brea Cumplido / Iria García Liste.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *