O Baio foi o cordeiro

CORDEIRO C.F. 4 – C.D. BAIO 0

Antepenúltima xornada de liga e o CD Baio desprazouse a Valga para xogar ante o Cordeiro CF un partido de trámite, e serviu de cordeiro para que o lobo local o devorase e levase os tres puntos que tanto necesita para intentar fuxir dos arrastres que esta temporada se antollan moi numerosos. Moita xente nas bancadas para animar ao equipo local nunha calorosa tarde, aínda que tamén houbo representación visitante entre os seareiros.

O partido en si foi soporífero, cun ritmo de xogo moi baixo e o Baio intentando levar o control do partido ante un Cordeiro que se mantivo repregado atrás, tendo un respecto pola calidade do cadro baiés. Pero o equipo visitante non se mostrou moi perigoso e as súas chegadas non creaban demasiado perigo ante a meta local. A mellor ocasión veu dunha internada de Porti polo carril central e cando se presentaba ante o porteiro a xogada foi anulada incomprensiblemente pola xuíza de liña por un sorpredente fóra de xogo posicional de MC que non participara na xogada. O primeiro disparo a porta que fixo actuar a un porteiro chegou no minuto 40 e foi do cadro local, e Julián non tivo problemas para atrapar o balón.

A segunda metade comezou polo mesmo camiño, pero aos cinco minutos chegou o primeiro gol local, ao aproveitar no segundo pau Moisés un balón que fora prolongado desde o primeiro e bateu a Julián. Dez minutos despois veu o segundo, e de novo tras un córner que petou no traveseiro e tras unha serie de rexeites de novo Moisés remata de chilena e coloca o balón pegado ao poste. Intentou o Baio chegar á meta rival pero non lograba entrar en contacto con Martín MC e só as xogadas individuais parecían levar perigo. PEro á contra foi chegando a sentenza, primeiro por medio de Samuel (min.72) e finalmente Bustelo (min.87) puxo o definitivo 4-0, sen que o Baio lograse marcar o gol da honra nas ocasións das que dispuxeron Bieito ou Martín MC.

Polo Cordeiro CF xogaron: Juan Busto,  Bodaño, Magariños (Anxo 64), Rubén García (Hugo 87), Manu Rivadulla, Isaac, Mateo, Samuel (Iván Fuentes 81), Moisés, Bustelo e Manu García. Polo CD Baio xogaron: Julián, Isaac, Yago, Peke, Pablo (Damián 46), Norberto (Álex Figueiras 46), Bieito, Sergio (Rubio 57), Moreno (Raúl 62), Porti e Martín MC. Con este resultado o Baio mantén a xa inamobible cuarta praza mentres o Cordeiro logra saír dos oito postos de arrastre que a día de hoxe hai. A vindeira semana dobre cita: o sábado Copa da Costa fronte ao Sofán e o domingo penúltima xornada de liga ante o Unión de Asados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *