Vellos fantasmas na Escravitude

S.D. ESCLAVITUD 2 – C.D. BAIO 0

Tarde de sol e calor na Escravitude, onde se disputou o partido da terceira xornada da 1ª Galicia Grupo 2 entre a SD Esclavitud e o CD Baio. Pouca xente no Novo Campo do Doce para presenciar un partido aburrido, no que o fútbol fixo acto de ausencia e tan só os goles compensaron (ao equipo local) a presenza dos sufridos espectadores. O conxunto baiés foi de menos a menos e reviviu vellos fantasmas de temporadas anteriores de marchar do partido ante un rival que non inquietou en ningún momento, ata que viu que co mínimo esforzo podía levar os tres puntos como así fixo.

Nada que destacar do primeiro cuarto de encontro, co Baio dominando o balón pero sen perigo ante un conxunto local, que se limitaba a esperar atrás e enviando balóns ás costas da defensa para que os pelexara Darío, pero sen resultado efectivo. Nos últimos vinte minutos o Baio si aproveitou os despistes defensivos locais, e viñeron as oportunidades baiesas. Nun pase en profundidade ao que non chega nin defensa nin porteiro, Iván Rojo consegue disparar pero o seu disparo é rexeitado polo gardameta Couso, xa enriba do esférico (min.26). A piques de chegar o descanso, os mesmos protagonistas, e Iván consegue irse do porteiro pero o balón quédalle moi escorado, e chega Iván Angueira, para tirándose ao chan, cortar o balón e envialo a córner. No lanzamento de esquina, Yago, completamente só no punto de penalti, remata de cabeza e Couso logra meter a man e despexar de novo a córner.

O segundo período foi incluso peor, e o Baio perdeuse completamente no campo, incapaz de dar dous pases seguidos, con erros que propiciaron as primeiras chegadas perigosas por parte local. Pero tampouco o Esclavitud parecía ter o seu día pois as súas intentonas morrían na frontal ou con lanzamentos moi desviados. Parecíamos abocados ao cero cero, pero nun erro defensivo baiés, o balón non é despexado e Fon aprovéitase para remachar case en liña de gol e poñer o 1-0. Quixo reaccionar o Baio, pero xa levaba moito tempo fóra do partido, e non conseguiu entrar outra vez nel. Para rematar, un esvarón de Dani, nun centro lateral, permitiu que o Esclavitud anotase o segundo grazas a Juan (min.81). As únicas noticias do ataque baiés chegaron no desconto, cun lanzamento de Rubio desde fóra da área, que roza Couso e bate o balón no traveseiro, caéndolle o rexeite a Iván Rojo, que marca de cabeza, pero atopábase en fóra de xogo.

Pola SD Esclavitud xogaron: Couso, Gonzalo, Iván, Borja, Álex Gallego, Yaki, Abel (Jimmi 81), Estévez, Fon (Pichi 76), Álex Fariñas (Juan 63) e Darío (Javi Merluzo 89). Polo CD Baio estiveron no campo: Dani, Isaac, Yago, Álex, Damián (Pablo 81), Norberto (Josiño 76), Peke, Bieito (Sergio 81), Moreno (Rubio 63), Iván Rojo e Martín MC. Con esta derrota o Baio queda con catro puntos, á espera agora de dous grandes rivais que van visitar proximamente o Platas Reinoso: o vindeiro domingo o Piloño e despois o Sigüeiro. Agardemos que mellore a situación contra os rivais da zona alta.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *