Previa: SD Esclavitud-CD Baio

A Historia

C.D. BAIO

TOTAL LIGAS + COPAS

P. X.

P. G.

P. E.

P. P.

G. F.

G. C.

1855

721

433

701

3044

3049

TOTAL LIGAS

1626

626

377

623

2600

2676

1ª AUTONÓMICA

454

180

124

150

682

656

Terceira xornada e o CD Baio vaise desprazar ata A Escravitude para disputar no Novo Campo do Doce o partido da 1ª Galicia Grupo 2 ante a S.D. Esclavitud. Equipo fundado en 1968, disputa na actualidade a 52ª temporada. O equipo padronés iniciou a súa vida competitiva na Liga do Sar na campaña 1967-68, na que logrou chegar á final da primeira edición da Copa do Sar (perdeuna co Padrón), resultado que repetiría na seguinte (caeu co Laíño). As sete primeiras temporadas estivo na Liga do Sar, ata que na 1974-75 se crean as actuais categorías e o Esclavitud foi encadrado na 3ª Rexional. Proclamouse campión e ascendeu á 2ª Rexional, pero na 1976-77 xa estaba de novo na 3ª, categoría na que seguiría tres campañas máis. Na 1980-81 e seguinte estivo na 2ª Rexional, pero a formación de dous grupos na 1ª Rexional fai que na 1982-83 xogue nesta categoría semiprovincial, ao igual que ao ano seguinte. Dúas temporadas na 2ª Rexional, e nova reestruturación federativa, que subdivide os dous grupos da 1ª Rexional en catro, polo que o Esclavitud volve á 1ª Rexional, na que vai estar as cinco campañas que dura esta división. Na 1991-92 vólvese a un único grupo provincial na 1ª e o equipo padronés xoga na 2ª Rexional, e o mesmo fai na 1992-93, antes de descender á 3ª. Na segunda das temporadas na categoría máis baixa proclámase campión e ascende á 2ª Rexional, que nesa 1995-96 repite e obtén o título. Ascende á 1ª Rexional provincial, pero só agunta esta temporada 1996-97. Nove temporadas seguidas na 2ª Rexional, ata que na 2005-06 se proclama de novo campión e volve á 1ª Rexional. Outra vez só un ano na categoría provincial, para xogar dúas seguidas na 2ª Autonómica, para ascender logo do subcampionato da 2008-09 pola desaparición do campión Ciudad de Santiago; o ascenso fora concedido á última hora e o equipo só sumaría 1 punto na 2009-10 nesa difícil 1ª Autonómica. Volveu para a 2ª, na que estivo seis temporadas consecutivas, proclamándose campión na 2015-16. O ascenso á 1ª Autonómica semiprovincial foi tamén cousa dun ano, e volveu á 2ª Autonómica. Na 2017-18 foi subcampión, o que lle deu a oportunidade de xogar a liga de ascenso co Mazaricos e San Mamed, logrando o ascenso tras marcar o gol da vitoria ante os vedrenses no tempo de desconto. Esta vai ser a súa 12ª temporada na 1ª Autonómica (3 provincial, 4 semiprovincial e 5 do Sar); as outras campañas repártense entre as 7 da Liga do Sar, outras 7 na 3ª Rexional, e 26 da 2ª Rexional. Logrou dous títulos da 3ª Rexional (1974-75 e 1994-95) e tres da 2ª Rexional (1995-96, 2005-06 e 2015-16) -cada dez anos xustos!!!-. Tamén logrou gañar a Copa do Sar na temporada 1985-86 (ante o Airiños do Ulla), perdendo tres finais (as xa referidas do inicio e a terceira na 2011-12 fronte ao Villestro).

Tan só nunha temporada coincidiron o CD Baio e SD Esclavitud. Foi na 1983-84, na 1ª Rexional Grupo 2, na que o Baio se impuxo no Balsiño por 4-1 o 11 de decembro de 1983, e o 1 de maio de 1984, no Campo do Doce, empataron (1-1), nun dos partidos da crónica negra arbitral que figuran na memoria colectiva baiesa, pois ese empate fíxolle perder o título ligueiro ao equipo daquela adestrado por Manín.

O partido do domingo

A SD Esclavitud acaba de ascender de novo á 1ª Galicia, e mantén o bloque da temporada pasada, unha vez renovado o seu técnico Juanvi Cameán. As baixas de Carlos, Martín, Arantón, Gonzalo Cohen, Maneiro ou Lula foron reemprazadas catro fichaxes. Na portería retornou Diego Couso, logo de que mediada a temporada pasada fose para o Negreira, e xunto a el veu Estévez do Ordes B, Miguel do Boiro Xuvenil e Alexandre do Xuventú de Aguiño. A base do equipo vén dada por xogadores como Iván, Gonzalo, Abel, Yaki, Álex Gallego, Pichi, Fariñas ou Darío. Este foi o máximo goleador do equipo a temporada pasada, na que logrou marcar 20 goles, o dobre dos que logrou Pichi. Nas dúas primeiras xornadas, nas que logrou un gran triunfo en Dumbría (0-2) e unha avultada derrota na casa co Piloño (0-4), repetiu aliñación, con Couso, Gonzalo, Iván, Abel, Estévez, Juan, Álex Gallego, Andrés, Pichi, Fon e Darío.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

S.D. ESCLAVITUD – C.D. BAIO

Domingo 16 de setembro; 18:00 horas.

Campo: Novo Campo do Doce (A Escravitude).

Árbitro: Borja Buján Vidal.

Asistentes: Sergio Miguéns Álvarez / Diego García Agra

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *