C.D. UNIÓN 0 – C.D. BAIO 0
O inverno no Barbanza deixou xeados aos xogadores do Baio que fixeron no Municipal de Vilas un dos encontros con menos ocasións da temporada, pero ao final sumaron un punto fronte a un CD Unión que foi superior durante os noventa minutos pero a súa falta de pólvora condenouno a sumar un só punto na tarde de onte. Moita expectación nas bancadas a pesar do frío, e uns 200 espectadores viron un partido aburrido, que non tivo nin a emoción de grandes xogadas de ataque.
Foi dominador do balón o cadro unionista na primeira metade, e as súas achegas eran moitas veces provocadas por erros individuais dos defensas baieses, que outros compañeiros lograban arranxar, ou a falta de maldade do xove conxunto local tamén axudaba. Moita seguiridade tamén transmitía Dani, atallando todos os achegamentos dos locais, a maior parte deles lanzamentos desde fóra da área, ou xogadas a balón parado con balóns colgados á área. Apenas chegaba o Baio á meta defendida por Eloy, que na primeira parte foi un mero espectador.
Mesma tónica na segunda parte, aínda que o xogo se foi igualando un pouco por momentos, e o Baio foise achegando algo á porta rival. Ata os minutos finais, non houbo xogadas de mención, cunha intentona por parte baiesa nunha xogada por banda ata liña de fondo de Iván Rojo, que quixo dar o pase da morte para Martín MC pero interceptou o balón un defensa e logrou atrapar Eloy. E co tempo case cumprido, Pablo Reboiras foise de dous defensores e o seu tiro colocado sacouno moi ben Dani e boa estirada. Na última xogada do partido Manu Vigo recolleu un balón en boa posición dentro da área, pero o seu tiro fóiselle desviado.
Polo CD Unión xogaron: Eloy, Jony, Cristian, Borxa, Álex Conde, Villaverde, Óscar Galbán, Juanma (Rebollido 85), Mauro (Pablo Reboiras 79), Chicho e Néstor (Manu Vigo 72). Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Álex Varela, Damián, Álex Figueiras (Norberto 59 (Peke 69)), Bieito, Rubio (Sergio 79), Iván Rojo, Martín MC e Santi Díaz (Moreno 62). Con este punto o Baio mantense na cuarta praza, agora ameazado polo Tordoia e Esclavitude. A vindeira semana péchase a primeira volta e recibiremos no Platas Reinoso ao Chaián CF.

