C.D. BAIO 2 – S.D. ESTEIRANA 0
Bo ambiente nas bancadas do Platas Reinoso a pesar da tarde nubosa do domingo que non obstante non deixou auga e permitiu que máis de 250 persoas se congregasen no campo baiés. Partido de rivalidade entre dous equipos da Costa que acabou levándose o Baio, que dispuxo das máis claras ocasións, dentro das escasas oportunidades claras de gol que houbo no encontro. Chegaba o conxunto local moi xusto fisicamente, e empeoraba coa recaída de Damián no quecemento, e despois o seu substituto Pablo tamén quedaba lesionado ao comezo do segundo tempo. Todo isto, e xuntándolle os efectos colaterais da Mikaela, non auguriaba bos presaxios para o equipo baiés, que aínda así levou o peso do partido no primeiro período, para baixar fisicamente no segundo.
O Baio comezou o encontro coa posesión do balón, mentres a Esteirana agardaba repregada atrás, sen que nos primeiros minutos houbese xogadas que destacar. Non lograba o Baio fiar xogadas nos últimos metros, e os visitantes intentábano a través de Álex por banda dereita ou balóns en longo a Pladur, que obtiñan sempre boa resposta da defensa local. A primeira grande ocasión veu dun libre directo que executou Porti, e que sacou MJ en boa intervención. Precipitábase o equipo local no último pase, e as ocasións perdíanse na liña de tres cuartos, ata que unha combinación de Santi Díaz con Álex Figueiras, permitiulle a este presentarse ante MJ e batelo de tiro cruzado (min.26). Tivo o segundo minutos despois Rubio, cunha boa combinación con Martín MC, pero a súa vaselina foise fóra. A pesar de ir por detrás no marcador a Esteirana non variou o seu plan de partido, e os balóns buscaban a Álex, que unha e outra vez era ben tapado pola zaga local, co que as ocasións eran escasas. Sen moitas máis xogadas reseñables chegouse ao descanso.
Cambiou a decoración no segundo tempo, coa Esteirana máis animada a ir arriba coa entrada de Adrián no medio do campo, e un Baio que pouco a pouco foi perdendo folgos e esperando máis atrás, aínda que tampouco sufría en exceso, tan só en tiros desde fóra da área, que non supuxeron moito problema para Dani. O equipo visitante, co paso dos minutos, foise máis arriba pero o que lograba era deixar máis espazos atrás que a falta de claridade nos xogadores baieses impediu sacar proveito. A expulsión de Josiño Barreiro a falta dun cuarto de hora foi a sentenza definitiva a un partido, cuns Álex e Róber xa moi cansados, aínda que os baieses seguían sen aproveitar a situación e precipitábanse no último tramo do campo. Co tempo cumprido, unha patada do porteiro visitante sobre Sergio cando tiña o balón na man, custoulle a expulsión e o conseguinte penalti, que transformou Martín MC, no definitivo 2-0 (min.93).
Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Peke, Pablo (Iván Rojo ), Norberto, Álex Figueiras, Rubio, Porti, Santi Díaz (Sergio 86) e Martín MC. Pola SD Esteirana xogaron: MJ, Codesido, Dani Rama, Tobío (Adrián 46), Simón, Maroñas (Samu Pensado 67), Raúl Lestón, Pablo Rama (Manu de Yi 80), Josiño Barreiro, Álex Rama (Elías 72) e Róber Pladur (Álex de Yi 92). Con esta vitoria o Baio mantén a cuarta praza, recortando un pouco a distancia co terceiro, o Flavia, que agora está a seis puntos, mesma vantaxe que lle leva ao quinto, o Esclavitud. A vindeira semana visita ao Bastavales, no Campo Municipal de Brión.

