Hai que tirar! Para marcar hai que tirar

C.D. UNIÓN 0 – C.D. BAIO 0

Partido que rematou sen goles porque non houbo quen tirase ás porterías con perigo, polo que o resultado final ben se pode considerar lóxico. A tarde fría pero sen chuvia en Asados acompañou para que se achegase unha aceptable cantidade de xente ao campo das Vilas, cuns 150 espectadores nas bancadas, coma sempre moitos deles chegados desde Baio. O equipo local, terceiro na clasificación, chegaba a este partido tras unha boa xeira de resultados, mentres que os baieses romperan a semana pasada en Ribeira a boa marcha, e ademais presentábanse coas baixas do seu tridente atacante: Martín MC, Iván Rojo e Santi Díaz.

Obrigaron as baixas ao míster baiés a recompoñer o equipo, retornando Pablo Novo á titularidade tras moitas xornadas no lateral esquerdo, toda vez que o último ocupante deste posto, Adrián Lema, tivo que pasar a tarefas atacantes. Pola posición de dianteiro foron rotando ao longo do partido, Bieito, Rubio, Moreno e Josiño. Pouco que comentar da primeira parte, na que o Baio foi protagonista na posesión do balón, dominador do xogo ante un tímido Unión, pero non logrou converter as boas xogadas en perigo real. Tan só podemos mencionar mediado este período un lanzamento de falta desde a lateral da área, botada en raso por Moreno, e o balón paseouse pola área pequena sen que fose tocado nin por defensas nin por dianteiros,

Tras o descanso saíu máis enchufado o cadro local, e buscou máis a portería de Dani, pero só chegaba con lanzamentos desde fóra da área que non entrañaban moito perigo. Gañou mordente cos cambios o Unión, coa entrada de Chicho e Juanma arriba, e Pablo no mediocentro, que lle permitiron a Saviola penetrar desde a banda. Pero as súas xogadas morrían na frontal da área e os disparos non supuñan un grave aperto para Dani. O Baio tamén o intentaba nalgunha que outra contra, pero faltaba a chispa dun dianteiro nato que lle crease máis dificultades ao porteiro xuvenil Marcos. A presión sobre a área baiesa dos locais intensificouse conforme pasaban os minutos, pero as ocasións non chegaban. E curiosamente a mellor ocasión do partido chegou no desconto, cando un balón en longo sobre Josiño este chega antes que o porteiro na súa saída e consegue disparar coa punteira desde trinta metros, pero antes de que entrase chegou un defensa para sacar o balón.

Polo equipo baiés xogaron: Dani, Isaac (Ramón min.94), Yago, Mario, Pablo Novo, Fachal, Peke, Moreno (Dylan min.77), Rubio (Josiño min.81), Bieito e Adrián Lema (Martín min.58). Resultado que se pode considerar xusto, nun partido pobre de cara á portería, pero que trouxo a boa noticia do debut nas filas baiesas do cadete Dylan, que disputou o último cuarto de hora. E tamén trouxo un punto máis que sumar á clasificación que permite aumentar un pouco as distancias cos postos de descenso nesta última xornada da primeira volta.

O resto da xornada

Última xornada da primeira volta, aínda que practicamente todos os equipos teñen pendente un partido da xornada 15ª, con excepción de At. Ribeira e Baio. Segue o man a man entre o Agolada e o Piloño, que nesta xornada saíron vencedores nas súas visitas a Silleda e Fisterra, respectivamente. E a pesar de que estes ocupan postos de descenso, puxéronlles as cousas moi difíciles aos colíderes. No Outeriño os locais empezaron o partido marcando por medio de Rubén, e habería que agardar ao comezo da segunda para que empatase Álex, pero axiña Richi adiantou de novo ao Silleda, pero Aitor empataría pouco despois e no último cuarto de hora Canutas e Santi puxeron o 2-4 no marcador. En Fisterra o Piloño levou os tres puntos grazas a un solitario gol do veterano Marc Vidal, a dez minutos para o remate. Sobe ata a cuarta praza o Flavia que se impuxo no Souto ao Bertamiráns, grazas a un gol de Vaquero ao cuarto de hora da primeira parte e outro de Brais ao cuarto de hora da segunda; e a pesar da expulsión do local Víctor a falta de case media hora o Berta non só non conseguiu reducir diferenzas, senón que viu como Álex Pérez lle marcaba o terceiro.

O maior número de goles víronse nas Pedreiras, onde o Lalín conseguiu impoñerse ao pechacancelas San Lorenzo, aínda que este non deu o seu brazo a torcer. Adiantou Parafita aos locais nada máis iniciarse o partido, pero ao cuarto de hora empatou Richi; e nun gol psicolóxico Camba poñería en vantaxe aos do Deza a dous minutos para o descanso. E peor lles foron as cousas aos verdilleses na reanudación, pois nos dous primeiros minutos encaixaron outros dous obra de Pituso e Camba, e a posible reacción co gol de Brais no 74 foi cortada un minuto despois por Matelo para marcar o quinto do Lalín; Parafita no tramo final recortaría distancias para poñer o definitivo 3-5.  O duelo de rivalidade estaba na Fieiteira, no encontro entre o At. Ribeira e Puebla, que non tivo moita historia pois Viturro anotou un hat-trick na primeira metade que deixou sentenciado o choque; no desconto do partido, Espi poñería o cuarto para os visitantes e Madiop cun penalti marcaría o da honra. No Municipal de Vimianzo o Soneira cortou a súa mala xeira coa chegada do novo mister Pedro, e o Bastavales viu interrompida a súa progresión na táboa; Pichi adiantou ao Soneira na primeira parte, pero Pereira empatou tras o descanso, e pesar a xogar con 10 boa parte do segundo tempo o equipo vimiancés levaría a vitoria cun gol de De la Sierra nos últimos minutos. Tamén logrou a vitoria o Cordeiro con máis sufrimento do que contaba cando á media hora gañaba por 3-0 con dous goles de Bustelo e outro de Xenxo; pero o Sigu fixo todos os trocos no descanso e Pablo Mato e Álex Pri puxeron o medo no corpo aos de Valga. Por último, noutro partido sen goles, Chaián e Tordoia sumaron un punto que pode ser bo para a salvación final.

Na clasificación Agolada e Piloño aumentan a vantaxe sobre os seus perseguidores, pois agora o Unión está a catro puntos, mentres que o Flavia queda a cinco; a seis sitúanse Lalín e Bastavales e a sete o Puebla. Pola parte baixa os tres últimos, Fisterra, Silleda e San Lorenzo, saíron derrotados polo que non modifican as súas posicións. Por riba deles segue o Tordoia e un pouco por riba o At. Ribeira (aínda que este cun partido máis). Na táboa de goleadores, mollaron os tres primeiros, polo que Richi (Lalín) segue no máis alto con 15 goles, seguido agora máis de cerca polo seu compañeiro Camba, con 13, mentres que Madiop (At. Ribeira) leva xa 11.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *