SIGÜEIRO FC 2 – CD BAIO 0
Moi boa tarde a que quedou en terras de Oroso para presenciar un partido de fútbol entre dous dos equipos cabeceiros da clasificación, cunha das mellores entradas do ano no Lino Balado, con case dúascentas persoas nas bancadas, a maior parte delas chegadas desde Baio. Ao remate do encontro impúxose a lóxica e o equipo local, que conta con xogadores doutras categorías, levou o gato á auga logo de romper Astray un encontro que ata o momento fora moi igualado.
Moita presión e moito respecto nos primeiros minutos, no que predominou o centrocampismo, con ataques rápidos sen perder a posición no campo. As ocasións do primeiro tempo poden contarse cos dedos dunha man, con Álex Figueiras como primeiro protagonista ao rematar colocado á base do poste, pero sacou moi ben Dani a córner. Foi Astray quen puxo a réplica con dous lanzamentos cruzados tras internarse na área, pero respondeu ben Dani Varela. A mellor do período inicial estivo nas botas de Bieito, que lanzou desde a frontal e Dani sacou o balón da escuadra. E por último podemos citar un remate forzado de Adán no segundo pau que non colleu portería como exemplo de xogadas con perigo.
Todo cambiou na reanudación, pois practicamente no primeiro achegamento ás áreas Astray revolveuse ben na área e lanzou un zurdazo que se coou polo ángulo da porta baiesa (min.48). O gol rompeu o encontro, e o Sigüeiro fíxose dono do encontro, cun Astray en estado de graza, que creaba continuo perigo nas inmediacións da área visitante. A entrada no cadro local de Brais doulle aínda máis profundidade e puido sentenciar nunha contra Juan Castro, que rematou só no punto de penalti, pero atallou moi ben Dani Varela. Moi segura a defensa orosá neste período que non permitiu ningunha concesión, e o Baio non lograba combinar para obter posibilidades de remate claras. Cando o partido esmorecía cos baieses envorcados na área rival, nunha contra Calderón foise por velocidade e bateu a Dani Varela no man a man (min92).
Polo Sigüeiro FC xogaron: Dani, Jesús, Juan Caneda, Jacobo, Iván López, Chema, Jorge, Juan Castro (Calderón 83), Juanito (Íñigo 73), Adán (Brais Rodríguez 63) e Astray (Darío 89). Polo CD Baio xogaron: Dani, Rubio, Yago, Peke, Damián, Norberto, Álex Figueiras, Bieito, Moreno (Santi Díaz 59), Iván Rojo e Martín MC. Mantén con este resultado o CD Baio a cuarta praza, pero agora os tres de arriba están tres puntos máis lonxe, pero este equipo demostrou hoxe que non dixo a última palabra. A vindeira semana recibimos no Platas Reinoso ao Val do Ulla.

