Ser segundo indo por camiño pedregoso

C.D. BAIO 2 – BERTAMIRÁNS F.C. 1

Mellorou o día e deixou unha tarde apracible para a práctica do fútbol, pero os máis de 150 espectadores que se deron cita no Platas Reinoso non tiveron moita ocasión de velo. Mal partido o visto esta tarde, no que o Baio acabou levando os tres puntos máis por accións individuais que por un xogo, que foi malo por momentos. O Bertamiráns dominou boa parte do encontro, e demostrou que a súa falta de gol explica a súa baixa clasificación, pero ben puido levar algo positivo de Baio.

Tras uns minutos iniciais de tanteo, chegou o primeiro gol do partido, grazas a unha condución de Santi Díaz, que continúa cun bonito pase sobre a internada de Martín MC, que resolve de primeiras cun lanzamento que entra logo de bater no traveseiro (min.6). Despareceu o cadro local do campo despois deste gol e o Bertamiráns roldou a meta de Julián, e tivo boas ocasións que unha e outra vez estragaba con lanzamentos desviados. Unha boa intervención de Julián, cun posterior rexeite que Jairo non aproveita foi a máis clara. A segunda e última chegada baiesa no primeiro tempo veu dun balón roubado por Norberto, que fai a parede con MC, e o seu centro non o remata de cabeza Santi Díaz en boca de gol. Seguiu buscando o empate o Bertamiráns e atopouno nun excelente lanzamento desde fóra da área de Julio Díaz, que se coou pola escuadra da portería local (min.41). Con este resultado chegouse ao descanso, quizais para alivio da bancada baiesa.

Seguiu polo mesmo camiño a segunda parte, co Bertamiráns dominando o balón e o Baio que quería pero non podía. Aínda así, os visitantes careceron de perigo, e pagárono coa primeira ocasión baiesa, que naceu dun eslalom de Santi Díaz por banda esquerda, que consegue introducirse na área e desde a liña de fondo cede para Martín MC, que fusila a portería de Vieites (min.60). O gol deulle tranquilidade ao cadro local, que mellorou algo o seu xogo, e chegou con máis claridade á meta visitante. Puido sentenciar en dúas ocasións Santi Díaz, en senllos mans a mans co porteiro visitante, e tamén MC tivo a oportunidade do hat-trick, pero tras roubar o balón en medio campo e irse de varios rivais o seu lanzamento saíulle fóra; e xa no desconto Josiño engatillou un bo disparo que se lle foi alto. O Bertamiráns intentouno nos minutos finais con menos claridade, e nin a presenza do central Kevin como improvisado dianteiro centro, lle permitiu lograr a igualada.

Polo CD Baio xogaron: Julián, Yago, Peke, Álex, Damián, Norberto, Rubio (Iván Rojo 70), Moreno (Sergio 51), Bieito, Martín MC e Santi Díaz (Josiño 88). Polo Bertamiráns FC: Vieites, Saúl, Kevin Juan Vázquez, Álex (Manu Bouzas 85), Meijide, Joel (Jacobo 71) , Cea (Ricardo 71), Ángel, Julio Díaz e Jairo (Vila 81). Con esta sufrida vitoria o Baio logra ascender ata a segunda posición en solitario, nun encontro que non pasará á historia máis que polo debut en 1ª Galicia do porteiro Julián. A vindeira semana teremos que desprazarnos ata a ría de Muros para enfrontarnos á SD Esteirana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *