A Historia
|
C.D. BAIO |
|||||
|
TOTAL LIGAS + COPAS |
|||||
|
P. X. |
P. G. |
P. E. |
P. P. |
G. F. |
G. C. |
|
1860 |
726 |
433 |
701 |
3054 |
3054 |
|
TOTAL LIGAS |
|||||
|
1631 |
629 |
377 |
625 |
2604 |
2683 |
|
1ª AUTONÓMICA |
|||||
|
459 |
183 |
124 |
152 |
690 |
663 |
Na oitava xornada da Primeira Galicia o CD Baio viaxa ata Esteiro para enfrontarse á SD Esteirana, club fundado en 1971 para competir na Liga da Costa. 48 temporadas ininterrompidas leva competindo o cadro esteirán, as sete primeiras na Liga da Costa, ata que o título de liga da 1977-78 permítelle xogar na seguinte na nova 1ª Rexional, baixando de novo á liga costeira. Outras 10 temporadas seguidas na Liga da Costa, ata que descende á 2ª Rexional, onde bota dous anos ata que se reforman as categorías, e entra de novo na Liga da Costa. Outros dous anos no grupo sur costeiro, e co novo cambio federativo vai xogar na nova 3ª Rexional as vindeiras 10 campañas. Xoga na Liga da Costa na 2003-04 e volve de novo á 3ª Rexional durante tres anos. Novamente só aguanta unha campaña na 2ª Autonómica e volve á 3ª. Mais é só cousa dun ano, e regresa á 2ª Autonómica, agora para botar catro temporadas, ata que na 2012-13 consegue proclamarse campión e ascender á 1ª Autonómica. Dous anos na categoría semiprovincial, e descenso á Liga da Costa, na que tras tres anos volve gañar o título ligueiro e subir outra vez á 1ª Galicia, na que se atopa neste momento. Son pois 16 as campañas nas que competiu na 3ª Rexional, 28 na Liga da Costa e esta é a cuarta na 1ª Autonómica. Os seus títulos son tres Ligas da Costa (1977-78, 2012-13 e 2017-18) e unha Copa da Costa (1974-75), con dúas finais perdidas deste torneo (1973-74 e 1976-77).
Esta é a décimosexta temporada que coinciden os dous conxuntos, tres delas na 1ª Autonómica e o resto na Liga da Costa. A primeira vez foi na temporada 1971-72, e o 27 de febreiro de 1972, no Campo do Artón o Baio vencía por 2-4. Triunfos locais nas catro seguintes temporadas, algúns por clara goleada (7-1, 4-2, 1-0 e 8-1), antes de que na 1976-77 volvese vencer o Baio (0-1). Non volverían coincidir ata a 1982-83, con nova vitoria baiesa (1-2); e moito máis tempo pasou ata que volveron cadrar. Na 2007-08 a Esteirana impúñase por 2-1; empate na 2009-10 (1-1) e vitorias locais nas dúas seguintes (2-1 e 3-2). Novo empate na 2012-13 (1-1) e nas dúas seguintes, xa na 1ª Autonómica, o Baio impúxose na primeira delas (2-3) e a Esteirana na segunda (2-0). A última vez que coincidiron foi na Liga da Costa 2016-17 e o Baio levou a vitoria do Xosé Luís Vara. Polo tanto, oito vitorias da Esteirana e cinco do Baio nos encontros xogados en terras esteirás, mentres que no global, o Baio venceu na metade dos partidos, 15, pero a Esteirana fíxoo en 12, polo que o empate non foi nunca un resultado previsible (só 3 nos 30 partidos).
O partido do domingo
A SD Esteirana ascendeu de novo á 1ª Galicia tras o campionato ligueiro colleitado a pasada temporada, e nesta campaña mantén a práctica totalidade do bloque de xogadores. Si hai cambio no banco, pois Uxío García Louro ‘Geno’ fíxose cargo do equipo tras o seu paso como segundo na SD Sofán. As baixas máis significativas foron as do capitán Dani Rama, e os máis novos Manu Estévez, Jaime e Eloy Campos. As fichaxes viñeron da man de Raúl Lestón (Dumbría), e do Outes viñeron Dani Maroñas e Elías Ruso, subindo tamén do xuvenil o porteiro Álex de Yi e o dianteiro Íker. Conta a Esteirana con 23 fichas de sénior, e ata o momento Geno dispuxo de 21 xogadores, un deles xuvenil. Con Codesido xogando todos os minutos, tamén foron titulares nas sete xornadas anteriores Josiño Alves, Simón, Álex e Elías, mentres que Maroñas e Pablo Rama fórono en seis. Raúl Lestón e Tobío tamén participaron moito de inicio, repartíndose as outras titularidades entre Samuel, Adri, Josiño Barreiro e Róber Pladur. Na portería releváronse álex de Yi e Roberto, e do banco saen habitualmente Brais, Íker ou Xián, con menos minutos para Ramiro, Manu Fernández ou Rafa Piñeiro. Actualmente ocupa a Esteirana o 17º posto na clasificación, con cinco puntos, colleitados tras unha vitoria (Cordeiro, 2-1) e dous empates (en Tordoia, 1-1, e Escravitude, 2-2); mentres que as derrotas foron contra o Unión (2-1), Chaián (0-1), Praíña (1-0) e Dumbría (1-6). Marcou ata o momento 7 goles e encaixou 14, sendo Róber Pladur, con 4 tantos, o seu máximo goleador, mentres Codesido, Tobío e Elías marcaron un cada un.
PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2
S.D. ESTEIRANA – C.D. BAIO
Domingo 21 de outubro; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 14:45 horas.
Campo: Xosé Luís Vara (Esteiro).
Árbitro: Pablo Botana Rey.
Asistentes: René Fernández Ave / Alberto Álvarez Cebreiro.

