S.D. ESTEIRANA 1 – C.D. BAIO 1
Tarde de sol e calor a de onte en Esteiro a pesar das datas outonais nas que nos atopamos, o que fixo que a presenza de afeccionados fose abundante, cunhas 300 persoas nas bancadas do Xosé Luís Vara. Partido con máis emoción que fútbol, que rematou cun empate que parece que lles soubo máis aos locais que aos visitantes, por aquilo da situación na táboa clasificatoria. Con todo, o resultado quedou empañado pola rotura do tendón de Javi Suárez que o vai manter de baixa unha boa temporada.
O partido comezou co Baio dominando o balón e tendo a posesión ante unha Esteirana pechada atrás e buscando o erro rival para saír nunha contra. O ritmo lento e a calor non permitiron nin que o Baio tivese ocasións nin que a Esteirana roubase e chegase á meta rival. A grande oportunidade baiesa chegou no minuto 25, cun bonito balón de Santi Díaz sobre Martín MC, que o deixa ante Álex de Yi, pero o seu remate mordido atrápao o meta sen dificultades. A defensa esteirá, coa volta de Dani Rama, conxuraba unha e outra vez as chegadas baiesas, e o ataque tímido non poñía en apuros a Dani. As baixas previas na dianteira do cadro local aumentaban coa lesión de Pablo Rama, polo que optaron por gardar a roupa ata o descanso sen que o Baio puidese interpretar como entrar na defensa local, polo que se chegou ao descanso co empate sen goles.
Iniciouse o segundo tempo co gol local, no seu primeiro disparo, ao aproveitarse Álex dunha indecisión da defensa baiesa e atoparse ante Dani, ao que bateu de tiro cruzado. O sorprendente gol tivo uns minutos noqueado ao Baio, pero axiña pechou á Esteirana na súa área, e un tiro desde a frontal de MC rozaba a parte superior do traveseiro (min.62). Intentouno tamén o Baio a balón parado, cun remate franco de Yago no segundo pau que se foi fóra, ou nun libre directo de Moreno que sacou moi ben Álex de Yi. Tamén tería unha boa oportunidade a Esteirana nas botas de Álex, que tras recortar a Damián o seu disparo é interceptado por Álex Varela. Iso foi o preludio á lesión de Javi Suárez, que volvía aos campos tras máis dun mes parado e que tivo o infortunio de lesionarse outra vez, agora de máis gravidade. Seguiuno intentando o Baio, e chegou a súa recompensa, cun balón que tras varios rexeites lle chega a Iván Rojo, que de chilena consegue meter o balón na portería local (min.89). Seguiuno intentando o Baio nos minutos de desconto, pero tan só un disparo desde a frontal de MC levou algo de perigo, mentres que nunha contra a Esteirana tivo a súa ocasión nun mal despexe de Pablo, que a piques estivo de marcar en propia porta. Ao remate empate que lles permite aos locais saír de postos de descenso directo e ao Baio manterse no grupo que opta á segunda praza por detrás dun Sigüeiro que parece que leva outra velocidade.
Pola SD Esteirana xogaron: Álex de Yi, Codesido, Dani Rama, Tobío, Raúl Lestón, Josiño Alves, Samu (Rafa Piñeiro 67), Adri, Josiño Barreiro (Íker 87), Álex (Brais 89) e Pablo Rama (Manu 37). Polo CD Baio xogaron: Dani, Peke (Isaac 76), Yago, Álex Varela, Damián, Norberto, Rubio (Moreno 52), Bieito, Iván Rojo, Martín MC e Santi Díaz (Javi Suárez 52 (Pablo 86)). A próxima semana visita o Platas Reinoso un conxunto que sorprendentemente ocupa os postos baixos da clasificación despois da gran temporada pasada, a UD Bastavales.

