Presentábase o derbi da oitava xornada en Esteiro cunha gran noticia: recuperabamos a Javi Suárez despois dunha lesión na segunda xornada contra o Dumbría CF na que, nesa ocasión, rompera o dedo dun pé.
Este domingo Javi entraría na segunda metade, pero unha nova adversidade volvería golpealo despois de media hora no terreo de xogo: rotura do tendón de Aquiles, lesión que o levou ao quirófano esa mesma tarde mentres os seus compañeiros conseguían rescatar un punto xa secundario, pois todas as miradas estaban postas nese nocello que saía do Xosé Luis Vara en brazos con tan mal aspecto. Unha vez operado con éxito, queda por diante unha longa recuperación da que se considera unha das peores lesións dun deportista.
Xa dende a casa, tres días despois e coa perna escaiolada, Javi confirmaba esta mañá que xa ten pouca dor, e que os primeiros pasos deste calvario pasan por seis semanas sen apoiar e outras tantas cun calzado especial. É o comezo dunha evolución que de seguro será moi favorable, a xulgar pola forza que tanto demostrou neste club.
Dende esta familia confiamos en que volverá con máis forza e pronto voltaremos gozar do seu fútbol no Platas, pero de momento tócanos agardalo na grada na que estaremos todos recuperándonos con el. Forza, Javi!

