C.D. BAIO 1 – FLAVIA S.D. 1
Bo ambiente no Platas Reinoso a pesar da coincidencia con fútbol televisado, pero máis de 150 afeccionados presenciaron nunha tarde chuviñenta o partido entre o CD Baio e un Flavia SD, que conta cun dos mellores planteis da categoría. Un partido que foi igualado, e que rematou nun empate que podemos considerar xusto pola escaseza de oportunidades.
E iso que o partido prometía outra cousa cando ao cuarto de hora xa se marcaran dous goles, pero non foi así. O certo é que na primeira xogada de perigo, un lanzamento desde a lateral da área de Santi Díaz introducíase no segundo pau de Diego para poñer o 1-0 (min.5); e na primeira posibilidade clara dos padroneses Salva, no segundo pau remachaba de cabeza a rede unha prolongación de Andrés (min.15). Tivo o Baio o segundo nunha xogada por banda dereita que rematou nun centro cara a Adrián Lema, pero este non puido conectar ben o testarazo (min.19). A lesión do porteiro local Dani , mediada a primeira parte, foi o máis negativo do encontro. Neste primeiro período o Flavia dominou a posesión do balón, pero só se achegaba con perigo nalgunha xogada por banda de David, en lanzamentos de media distancia e sobre todo en xogadas a balón parado, nas que o físico dos seus defensas levaba a intranquilidade á meta local.
O segundo tempo continuou polo mesmo camiño, co Flavia dominando e o Baio buscando nas contras a velocidade de Santi ou Iván Rojo. O Flavia seguía inquietando no lanzamento de córners, pero ao contrario que a semana pasada a defensa baiesa estivo concentrada nesas accións. A mellor ocasións dos padroneses veu dun libre directo botado polo veterano Padín, pero o seu lanzamento foi petar no poste da portería de Adrián (min.60). Esta acción animou aos visitantes, que pouco a pouco foron pechando aos baieses na súa área, e aínda que o perigo roldaba a portería baiesa tampouco conseguiron crear ocasións de gol claras. A entrada de Álex Pérez renovou as enerxías visitantes, pero seguían sen atopar vías para chegar á portería rival. Pola súa parte o Baio confiaba nas contras, e chegou nalgunha ocasión á área rival con perigo, mesmo houbo algún fóra de xogo protestado por parte local que impediu o man a man con Diego, pero a máis clara oportunidade veu dunha gran xogada de Isaac, que desde o lateral foi sorteando rivais ata presentarse na frontal da área e ceder para Santi Díaz, que disparou forte pero o seu lanzamento foise fóra lambendo o pau (min.81). Nos minutos finais o Flavia seguiu intentando levar os tres puntos que os achegase máis aos postos cabeceiros, pero foi con máis corazón que cabeza, mentres o Baio tratou de non perder o punto conseguido, polo que se chegou ao remate cun empate que lles permite aos dous seguir sumando.
Polo CD Baio xogaron: Dani (Adrián Vázquez min.23), Isaac, Yago, Mario, Pablo Novo, Peke, Martín (Rubio min.77), Bieito, Adrián Lema (Moreno min. 61), Iván Rojo e Santi Díaz. Polo Flavia SD: Diego, Esparís, Salva, Triñanes, Andrés, Padín, Víctor, Calderón (García min.82), Kevin, David Pérez (Gabi min.86) e Damián (Álex Pérez min.71).
O RESTO DA XORNADA
O partido máis atraínte da xornada xogouse o sábado na Pobra do Caramiñal, o derby entre o equipo local e o Unión, que acabou con vitoria do Puebla, que se adiantou no primeiro tempo con gol de Espi, que aumentaría ao pouco de comezar o segundo período Viturro, e aínda que Néstor acurtaría distancias, Piñeiro poñería o 3-1 definitivo. Pola parte alta, o Agolada viuse sorprendido polo Chaián no desconto, cando Adrián empatara un partido que xa crían gañado os locais cun gol de Álex Diéguez. Achégase a eles de novo o Piloño, que onte sufriu máis da conta para desfacerse do San Lorenzo, e máis cando quedaban cun home menos faltando media hora, pero Alberto Pardo marcaría a menos de dez para o final e deixaría os tres puntos no Camballón. Xa está terceiro o Lalín, que tamén sufría moito máis do que di o marcador, e tamén quedou cun home menos con máis de media hora de xogo ao ser expulsado o debutante Agra, pero o seu tridente volveu funcionar, e nos últimos cinco minutos marcaron Camba, Richi e Brais. Empatado co Lalín está a auténtica revelación do grupo, un Bastavales que gañou pola mínima ao At. Ribeira, aínda que a pesar de conseguir unha boa renda ao comezo cos goles de Vila e Beiroa, o tanto de Fran para os visitantes fixo incerto o resultado, pero a escaseza de banco no Ribeira non lle permitiu ter frescura no tramo final. As tres vitorias consecutivas do Soneira tamén o achegan á parte alta, e onte desfíxose dun Cordeiro grazas aos goles de Vía, Chapela e Pichi.
Dos seis últimos só puntou esta xornada o Fisterra, e facíao ademais nun enfrontamento directo, pois conseguía gañar na súa visita a Sigüeiro, equipo que sumaba a súa terceira derrota consecutiva; o gol inicial de Gabi Pazos valeulles aos fisterráns para cortar unha xeira de cinco derrotas seguidas. Pola súa parte o Tordoia vía como se lle escapaba un punto nos minutos finais ao aproveitar o Bertamiráns un penalti transformado por Pinaque para seguir medrando na clasificación. Así os locais, caen a postos de descenso, onde seguen o San Lorenzo e o Silleda, mentres que é agora o Fisterra o que estaría en zona de arrastre. Por arriba, a vantaxe do Agolada é agora de un punto co Piloño, mentres que Lalín e Bstavales están a catro puntos e o Flavia a cinco. Na táboa de goleadores o lalinenses Richi, con 17, e Camba, con 15, seguen a escapar, pois Madiop (At. Ribeira) segue con 11, e chega á cuarta praza Viturro (Puebla), con 10, mentres que con 9 están Pap (Puebla), Jaco López (Chaián), Rubén (Silleda) e chega esta xornada a eles Álex Diéguez (Agolada). E para a semana interesantes partidos en Asados (Unión-Lalín) e Padrón (Flavia-Agolada), e pola parte baixa enfrontamento directo no Tordoia-Sigüeiro.

