Seguimos sumando

C.D. BAIO 1 – CORDEIRO C.F. 0

A pesar das inclemencias metererolóxicas e do fútbol televisado aínda se deron cita no Platas Reinoso máis de 100 afeccionados no partido que enfrontou ao CD Baio co Cordeiro CF e que supuxo unha nova e merecida do cadro local, que segue na súa boa xeira das últimas xornadas, que lle permite subir un posto na clasificación, aínda que a distancia co posto de arrastre segue sendo a mesma de catro puntos.

Estivo mellor o conxunto baiés na primeira parte, na que foi dominador ante un Cordeiro que se mostrou máis tímido en ataque. Tras varios achegamentos e xogadas combinativas de mérito, no minuto 19 veu a primeira gran ocasión, grazas a un pase en profundidade de Martín sobre Santi Díaz, que se interna na área e o seu pase da morte non chega por centímetros Moreno en boca de gol (min.19). Unha xogada similar foi a que deu orixe ao que sería único gol do partido, pois un novo pase de Martín deixou a Santi Díaz só ante o porteiro, pero Pablo conseguiu rexeitar, pero o balón caéulle a Martín MC, que seguía a xogada, e o seu remate acaba no fondo da portería con suspense tras rozar nun defensa (min.29). Varios lanzamentos desde fóra da área foron os achegamentos que tivo o Baio desde este momento ata o final da primeira parte, pero chegaríase ao descanso coa vantaxe mínima e sen ocasións de mérito que sinalar.

No segundo período e cos trocos veuse o Cordeiro un pouco arriba, o que aproveitou tamén o Baio para lanzar perigosos contraataques. Puido sentenciar Santi Díaz nun man a man con Pablo, pero o porteiro aguantou ben e sacou o balón coa perna (min.51). A través do balón parado foi como chegaron as súas mellores oportunidades visitantes . No min. 56, o central Magariños remata de cabeza un córner pero o balón váiselle alto por pouco, e seis minutos despois foi o seu compañeiro no eixo da defensa, Tourís, que tamén logrou rematar unha falta lateral en posición franca, pero Dani atallou o balón. Revitalizou o cadro local o centro do campo cos trocos, e pouco a pouco foi quitándose o dominio visitante, pero tampouco lograba enfiar boas xogadas de ataque. Tan só podemos salientar un lanzamento desde a frontal de Moreno, que sacou a córner Pablo en boa intervención. O cadro visitantes intentouno con balóns sobre a área local, pero a defensa baiesa mostrouse moi segura e Dani tamén se impuxo nos balóns colgados, polo que o partido chegou ao remate co solitario gol de MC que deixou os tres puntos no Platas Reinoso.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Pablo Novo, Norberto, Adrián Lema (Ramón min.91), Peke, Martín (Rubio min.68), Moreno (Josiño min.92), Santi Díaz (Iván Rojo min.63) e Martín MC. Polo Cordeiro CF xogaron: Pablo, Mateo, Magariños, Tourís, Gabriel, Juanjo (Yago min.86), Jesús, Isaac (Xenxo min.48), Antón, Sergio (Manu min.68), Alexandre (Bustelo min.48). Como diciamos o Baio con este resultado ascende ao 13º posto, con 31 puntos, deixando o descenso directo a oito puntos e con catro de vantaxe sobre o Tordoia, que ocupa o posto de arrastre.

RESTO DA XORNADA

O choque estelar da xornada xogábase no Hospitalillo, onde os dous primeiros clasificados se enfrontaban nun partido que rematou cun empate final, no que o Piloño se adiantou por dúas veces pero axiña igualaba o Agolada; así Marc poñía o 0-1 no min.41, pero tres despois empataba Aitor, e no min. 60 Dani Méndez volvía poñer por diante oas de Vila de Cruces, pero dous minutos despois igualaba Álex Diéguez. Con este marcador o Piloño mantén o liderato e a golaveraxe, pero tampouco é mal resultado para os locais, aos que lles queda un calendario en teoría máis favorable. Quen sacou tallada o empate foi o Puebla, que na Alta conseguíu impoñerse noutro partido sobranceiro ao cuarto clasificado, o Bastavales, que deu que facer aos barbanzanos, pero o gol de Espi aos cinco minutos foi definitivo para que os puntos quedasen na Pobra.

Agora a cuarta praza era para o Flavia, que se impuxo ao San Lorenzo pola mínima, e iso que se adiantou cedo cun gol do debutante Adrián Camiño, xogador de longa traxectoria na 3ª División e que acaba de chegar do Céltiga, e incluso poñía terra de por medio o cadro padronés á media hora con outro gol, neste caso de Andrés, pero o gol de Parafita a falta de cinco minutos trouxo a incerteza ao Souto. Tamén se achega arriba o Unión, que se desfacía sen moitos problemas do cada vez máis sentenciado Silleda; Saviola inauguraba o marcador mediado o primeiro tempo, e el mesmo marcaba o segundo tras o descanso, Mauro, tamén cun dobrete, e Pablo Reboiras elevaron a cinco a cifra de goles do equipo rianxeiro. A sete puntos da promoción colócase o Soneira grazas á súa vitoria en Bertamiráns, que pagou cara a expulsión aos cinco minutos de Emilio, e Basti e Chapela, este por dúas veces, poñían o 0-3 ao descanos; maquillou o resultado o cadro amaiense, con dous goles de Julio Díaz e Diego Vidal, este xa no desconto.

Na loita por evitar o descenso había dous choques directos, que deixaron resultados sorprendentes a teor de como transcorreron os partidos. En Augas Santas o At. Ribeira parecía que ía levar unha clara vitoria, cando chegaba ao descanso vencendo por 0-3, grazas a un dobrete de Madiop e outro de Fran; a pesar de recortar axiña Borja na reanudación, Madiop parecía sentenciar co seu terceiro gol a falta de 20 minutos, e aínda que o gol de Ángel no min.74 podía intranquilizar aos ribeirenses, a verdade que a expulsión de Álvaro no min. 82 antóllase definitiva, pois Jacobo López no 87 e de novo Borja no desconto lograron igualar o marcador. En Tordoia o equipo local recibía ao Fisterra, equipo este que se adiantaba cun gol de Roa de penalti mediado o primeiro tempo, pero dez minutos despois empataba Denís, e antes de que se chegase ao descanso os locais quedaban con dez pola expulsión de Andrade, e mesmo quedaría con nove no min.80 por un novo cartón vermello, neste caso a Liñares, pero o Fisterra non só non aproveitou a diferenza númérica, senón que vía como Denís, no amplo desconto, marcaba o gol da vitoria local. Por último, o Sigüeiro parece certificar a súa permanencia grazas á vitoria no Anexo do Cortizo ante un Lalín que segue sen carburar, e o veterano Bautista á media hora marcaba o gol que fixo que os puntos fosen cara a Oroso.

A falta de seis xornadas, o Piloño mantén o liderato con 56 puntos, pero agora ve como se lle van achegando máis equipos, pois agora o Puebla, que segue coa súa magnífica xeira de resultados, xa está a un punto deles, empatado co Agolada; a catro do líder sitúase o Flavia, e a cinco o Bastavales e o Unión. Pola parte baixa, o Silleda xa ten a salvación a 11 puntos, mentres que o San Lorenzo ve ao Tordoia xa a cinco puntos, polo que se antolla definitivo o partido en Gorgullos entre eles. Suma un punto o At. Ribeira, para chegar aos 23, pero o triunfo do Tordoia déixalle a salvación a catro puntos. Os tordoienses ocupan ese posto de arrastre, con 27 puntos, tres puntos menos dos que ten o Chaián, e a catro do Baio e a cinco do Fisterra. Sigüeiro e Cordeiro, con 35, parecen xa libres de perigo, aínda que tampouco poden descoidarse. Na táboa de goleadores seguen os lalinenses comandándoa, con Richi con 20 goles e Camba con 17, pero agora terceiro é o ribeirense Madiop grazas ao seu hat-trick, polo que chega aos 15, un máis dos que suman Parafita (San Lorenzo) e Jacobo López (Chaián).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *