A salvación na man… a 1ª é nosa!!!

C.D. BAIO 2 – AT. RIBEIRA 1

Con 450 partidos na 1ª Rexional ou Autonómica ou Galicia, como se lle queira chamar, o CD Baio converteuse este domingo no club da Costa con máis partidos nesta categoría superando ao Camariñas FC. Grandes números para o club do farol, que é o segundo da Costa na Preferente (despois do Cee) e agora sobe ao liderato na seguinte categoría. É ademais o partido 1850 na historia do club, pero sobre todo era un partido transcendental para escapar dos postos de perigo e certificar a salvación. O rival era o At. Ribeira, que ocupaba o último dos postos de descenso, e que se xogaba boa parte das súas opcións no Platas Reinoso.

Máis de duascentas persoas no campo baiés nunha tarde de moita calor, nun partido que tivo dúas partes ben diferenciadas. Unha primeira na que o Baio, sen ter o control de xogo, si tivo grandes ocasións de gol e puido marcar máis que os dous que logrou, para cambiar totalmente a decoración na segunda, na que os locais desapareceron do campo, e foron varridos por un Ribeira que ben mereceu levar algo positivo. Grande imaxe do equipo ribeirense, cun bo xogo, que penaliza moito a súa faceta defensiva e no perdoa en ataque. Aínda así non foi dos peores conxuntos que pasou polo Platas Reinoso nin moito menos.

O dominio do Baio na primeira parte veu en forma de ocasións, sempre con Martín como protagonista. A primeira veu dun lanzamento de córner que saca o propio Martín para a chegada de Yago pero o seu cabezazo váiselle alto por pouco (min7). A seguinte xa foi o primeiro gol do partido, nun pase en profundidade de Martín sobre Martín MC, que se vai en velocidade, desfaise do porteiro e ten a tranquilidade de colocar o balón con dous defensas que chegaban para tapar a portería e marcar o primeiro da tarde (min.17). O At. Ribeira tiña o control do balón, pero non tiña perigo, algo que cambiou mediado o primeiro tempo, cunha internada de Josema na área e o seu duro lanzamento bate no poste da portería de Dani (min.22). As chegadas do Baio non eran continuas pero si perigosas, pois os ribeirenses deixaban descoidada a súa zaga, e a conexión Dani-MC foi un calvario en moitos momentos para eles. Pero sería Martín quen daría un pase de gol, neste caso para Santi Díaz, que parecía ter clara vantaxe para chegar ao balón pero adiantouse o porteiro e despexou o balón (min.29). Unha combinación do propio Santi Díaz con Martín MC permítelle a este irse desfacendo de defensas na frontal da área na busca dun oco para disparar, e cando o consegue coloca o balón na escuadra dun desesperado Sergio (min.32) para poñer o 2-0. E antes do remate do primeiro tempo, puido MC conseguir o hat-trick nun gran pase de Martín que lla deixou botando ante o porteiro pero a volea do pichichi fóiselle por riba do traveseiro (min.37). Vitoria folgada ao descanso para os locais que parecía que tiñan o partido onde querían e ante un rival que daba facilidades atrás.

Pero todo cambiou no segundo período, o Baio pechouse atrás e non era capaz de enfiar dous pases, nin sequera de conectar cos dianteiros para poder sacar o equipo arriba. Pouco a pouco o At. Ribeira foi cercando a meta baiesa, e con paciencia ía buscando os ocos na muralla local. A pesar do asedio tampouco eran moi claras as ocasións, pero mediado este período o medo metéuselle no corpo aos locais. Dun córner favorable chegou unha grande oportunidade nun balón conducido por Josema que chega á área baiesa, desfaise de Dani pero a estirada deste fai que o dianteiro teña que escorarse moito e perda moito ángulo de portería polo que o seu disparo no ve porta, e a defensa baiesa chega a despexar antes da chegada dos dianteiros ribeirenses (min.69). Pero isto foi o prolegómeno ao gol visitante, que chegou nun balón filtrado sobre Madiop, que encara a Dani e báteo por baixo (min.75). Desconcerto nas filas locais e ánimos renovados nos visitantes que non deixaban saír aos locais da súa área. Un balón solto na área baiesa acaba cun disparo a queimarroupa que Dani saca a córner cando o gol se vía nas bancadas (min.83). Catro minutos de engadido e no último instante o dianteiro Vicente recolle o balón no punto de penalti, e sen oposición deu a volta e rematou ante Dani, pero o seu disparo a colocar incriblemente sae fóra despois de rozar no poste. Con isto rematou o partido, co santo de cara para os baieses e a desesperación dos visitantes, que vían como deixaron de sumar nun choque transcendental para eles.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Pablo Novo, Norberto, Adrián Lema, Martín (Peke 55), Rubio, Moreno (Ramón 89), Santi Díaz (Josiño 81), Martín MC. Polo At. Ribeira: Sergio, Esteban (Juan 70), Marcos, Cameán (Treus 86), David (Vicente 46), Álvaro, Fran, Gude, Adam (Yago 70), Josema, Madiop.

O RESTO DA XORNADA

O Agolada segue dando pasos cara ao título e só o separa unha vitoria de conseguilo, e na tarde do domingo desfaciase pola mínima do San Lorenzo, que con esta derrota certificaba o seu descenso á Liga da Costa. Un gol de Canutas na primeira parte chegoulle ao Agolada para soñar co campionato, e agora ten por diante os outros dous equipos que ocupan prazas de descenso como son o At. Ribeira e o Silleda. Os perseguidores tamén fixeron os deberes coa excepción do Bastavales, que di adeus ás súas posibilidades de xogar a promoción. O Puebla segue segundo e dependendo de si mesmo para o posto de promoción, que a día de hoxe parece o máis realista. Onte venceu a un Soneira cun 3-0 que di moito da súa facilidade goleadora; Pap marcou no primeiro tempo e contra o final sentenciaron Espi e Diego Rivas. Os enfrontamentos contra penúltimo e antepenúltimo, danlle, ao igual que ao Agolada, unha gran vantaxe sobre o Piloño, que empatado a puntos con el terá que agardar un inesperado tropezón. O Piloño tivo que sufrir ante o Sigüeiro, a pesar de que á media hora tiña dous goles de vantaxe, obra de Marc e Dani Méndez, pero Álex Pri meteu no partido aos orosáns e complicaron a vida dos de Cruces.

Á expectativa destes queda o Flavia, que onte sufriu para impoñerse ao Chaián, e tiveron que saír os Brais e Álex para gañar o partido; dous minutos despois de entrar ao campo marcou Álex Pérez o único gol do encontro. O Unión tamén tivo que agardar aos últimos minutos para vencer en Bertamiráns e seguir con opcións; Bebeto e Saviola marcaron no tramo final do encontro.

Pola parte baixa, o Tordoia tivo que sufrir para impoñerse ao colista Silleda, que se adiantou no marcador cun gol temperán de Manu, pero Jorge Liñares, de penalti, e Maki déronlle a volta antes do descanso, pero a tranquilidade non chegou a Gorgullos ata o pitido final. O Fisterra puido sacar algo positivo da súa visita ao Cortizo, pero a mala sorte cebouse con el. Tras chegar ao descanso sen goles, ata cinco se marcaron na reanudación: adiantouse o Fisterra nada máis saír do vestiario, por medio de Isaac, pero en dous minutos Diego e Rubén déronlle a volta ao marcador; volveu empatar Isaac a falta dun cuarto de hora, pero a cinco para o final Dani marcou na súa portería e os puntos quedaron en Lalín. Por último, o Cordeiro certificou a súa salvación a costa dun Bastavales que parece máis centrado na Copa do Sar; Yago adiantara aos de Valga na primeira parte, e Isaac ampliou a vantaxe aos dez minutos da reanudación, pero un minuto despois Laba acortaba distancias e no 75 Julián Nieto empataba o encontro, pero novamente no seguinte minuto novo gol do Cordeiro, obra de Manuel, e Sergio sentenciaría ao final.

Con estes resultados, o Agolada suma 67 puntos, catro máis que Puebla e Piloño, e seis sobre o Flavia e sete co Unión. Pola parte baixa, co Silleda e San Lorenzo descendidos, a terceira praza parece que ten destino Ribeira, pois son 4 puntos os que o separan do Tordoia e Fisterra. Tres por arriba deste dúo está o Chaián e cinco máis teñen Baio e Sigüeiro. Na táboa de goleadores, Richi (Lalín) segue de líder con 22 goles, e os seus perseguidores son agora un trío: Camba (Lalín), Changui (Puebla) e Madiop (At. Ribeira); mentres que entra no top 5 co seu dobrete de onte Martín MC (Baio).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *