FISTERRA SD 1 – CD BAIO 2
Magnífico ambiente no Ara Solis nesta tarde de domingo na que o tempo acompañou e permitiu que se achegasen preto de 400 persoas a presenciar un encontro máis emocionante que entretido. Como adoitan resultar os derbys o xogo non foi o esencial, e neste caso a importancia dos puntos en xogo deste tramo final da temporada, fixo que as precipitacións fosen constantes. Rematou gañando o Baio para prolongar a súa boa xeira, e complícase un pouco a vida o cadro fisterrán, que acumula varios reveses cando parecía que a salvación estaba cerca. É a cuarta vitoria nos 26 partidos que o CD Baio xogou en Fisterra en torneo ligueiro, o que dá mostra do dificultoso que foi sempre este terreo para os baieses, polo que o triunfo ten un sabor especial.
Un inicio cun Fisterra dominando o balón e o Baio máis repregado, aguantando ben as acometidas dos locais, e saíndo sempre que se podía á contra en balóns sobre Santi Díaz e Martín MC. Pero o gol chegaría despois dunha xogada a balón parado, nunha falta lateral que bota Martín e rexeita a defensa fisterrá, o balón cáelle en medio campo a Adrián Lema que colga o balón á área e Yago acode presto a baixar o balón, e aproveitando a mala saída dun defensa local queda só ante Paulo e marca con serenidade (min.26). Reaccionaron os locais coa calidade de moitos dos seus centrocampistas, e un deles, Pablo Lestón, fixo un eslalon desde medio campo internándose na área e o seu disparo rexéitao ben Dani, e Jesús volve intentalo pero novamente Dani tapou ben o disparo do fisterrán (min.31). Sería o propio Pablo Lestón o que tivese unha nova oportunidade ao recoller un balón solto na área baiesa, pero o seu disparo coa zurda fóiselle moi desviado cando estaba en posición vantaxosa (min.44). Tamén a tivo o Baio no último minuto nun balón enviado en profundidade sobre Santi Díaz, pero chegou moi forzado e só puido meter a punteira e non logrou superar a saída de Paulo, e mesmo sufriría un pinchazo e non puido saír na continuación.
Logo do descanso, no que a directiva local aproveitou para facerlle unha homenaxe ao seu ex-porteiro Norberto -nacido na canteira baiesa-, que tras varias temporadas cheas de éxitos colgaba as botas. En canto ao fútbol en si, os fisterráns saíron con ansias renovadas en busca do gol da igualada, e non tardaron en lograla. Foi nun córner botado por Roa e Breixo no punto de penalti enganchou o balón para levalo ao fondo da portería de Dani (min.51). Pero axiña chegaría a resposta baiesa, nacida na repetida combinación Dani-Martín MC, nun balón que o porteiro poñía nos pés do dianteiro, e Martín MC desde a liña de banda dispara á portería e o balón non logra detelo Paulo e tras petar no pau entra na portería local (min.53). Foi un golpe duro para os locais, que estiveron uns minutos desesperados sen saber como penetrar na defensa baiesa. O cambio táctico de Noé coa presenza do central Breixo como dianteiro centro, permitiulles aos locais explorar unha nova vía, e este tivo o empate nas súas botas tras revolverse ben na área pero o seu remate mordido atallouno ben Dani (min.77). O Baio limitouse a gardar a roupa e as saídas viñan de balóns en longo sobre Martín MC, que tiña que pelexar con toda a defensa local para lograr chegar con perigo á área local. Nun deses balóns en longo o dianteiro baiés logrou forzar un córner, que el mesmo sacou e intentou sorprender de novo ao meta local, pero este reaccionou moi ben sacando a córner de novo (min.79). Os intentos do Fisterra morrían unha e outra vez na defensa baiesa ou nas mans de Dani, como sempre moi seguro neses balóns colgados, e o paso dos minutos precipitaban máis as accións atacantes. Ao final, os puntos voiaron para Baio, que segue sumando nas últimas xornadas, e son xa catro vitorias consecutivas que permiten respirar un pouco.
Polo Fisterra SD xogaron: Paulo, Piti (Noé min.76), Breixo, Ayose, Dani, Roco, Roa, Jesús, Edu (Ezequiel min.75), Pablo Lestón (Fabián min.67), Isaac (Gabriel Vigo min.31). Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Norberto, Peke, Adrián Lema (Ramón min.91), Fachal, Martín (Eloy min.75), Moreno (Rubio min.62), Santi Díaz (Iván Rojo min.46), Martín MC. Con este triunfo o Baio supera ao Fisterra na clasificación e chega ao 12º posto, mentres que os fisterráns baixan dous postos e queda 14º.
O RESTO DA XORNADA
Troco de líder no Grupo 2 da 1ª Galicia, cun Puebla impresionante que acumula xa 18 xornadas sen perder (12 vitorias e 6 empates). O cadro barbanzán logrou vencer no partido da xornada disputado no Camballón ante o ata agora líder Piloño. É nestes partidos nos que a calidade de Changui se deixa notar e un gol seu no primeira parte puxo ao Puebla por diante despois de fallar antes un penalti, e no segundo tempo as expulsións mermaron aos locais, e con dous homes menos vían como o Puebla marcaba dous goles máis nos minutos finais, obra de Pap e Changui. Empatado co Puebla no alto da clasificación está o Agolada, que se impuxo con dificultade ao Cordeiro no campo de Baño; Santi adiantou aos visitantes mediada a primeira parte, pero Tourís empatou ao comezo do segundo tempo, e nos minutos finais marcou David García para levar os tres puntos para a vila dos pendellos. Unha soa derrota na segunda volta e os reforzos de calidade levan ao Flavia a ser un verdadeiro candidato a loitar polo ascenso. Con todo, este domingo tivo máis problemas dos previstos para desfacerse do At. Ribeira, pero ao quedar con dez pola expulsión de Víctor mediada a primeira parte, tivo que suar para sumar os tres puntos, pero cando chegaron xa sentenciou: dobrete de Álex Pérez e outro de Damián para un 0-3 na Fieiteira. O Bastavales segue a súa boa xeira e impúxose en Brión ao Lalín, marcando un gol aos cinco minutos de cada período, obra de Dani Santos no primeiro e de Pereira no segundo, pero despois deste axiña recurtou Richi, e non chegaría a sentenza ata que faltaban dez minutos, nun golazo de Maikel Danuite desde 30 metros. Tres vitorias consecutivas permítenlle ao Unión seguir na loita, e este domingo impúxose en Sigüeiro con dous goles na primeira media hora, obra de Juanma e Jorge, pero axiña recurtaría o veterano Bautista; outro clásico como Mauro puxo a sentenza na segunda parte.
Pola parte baixa, perderon os catro últimos, polo que a súa situación non varía, ou si, porque agora teñen a salvación máis lonxe se contamos co posible arrastre. O Silleda pouco a pouco vai asinando a súa sentenza de morte, e xa na primeira parte vía como se lle ía o partido ante un Chaián tamén moi necesitado dos puntos. En menos dun cuarto de hora, Dani López e Carracedo xa marcaran para os visitantes, e nada máis saír dos vestiarios Juancar sentenciaría. O San Lorenzo vía como o Bertamiráns levaba os tres puntos de Verdillo con dous goles de Pinaque mediado o primeiro tempo, e aínda que Mario meteu ao San Lorenzo no partido ao comezo do segundo tempo, Julio Díaz marcaría o terceiro quince minutos despois. Xa vimos que o At. Ribeira aguantou moitos minutos ante o Flavia e acabou perdendo, como tamén caeu o Tordoia na súa visita sabatina a Vimianzo, onde tivo mellores oportunidades na primeira parte, pero na segunda o Soneira impúxose grazas a un gol de Nazo.
Logo destes resultados, o Puebla e Agolada comandan a clasificación, con 58 puntos, dous máis que o Piloño e tres sobre o Flavia; o Bastavales e o Unión están a catro puntos e algo máis lonxe está o Soneira, con 51 puntos, logo de sete xornadas sen perder. Pola parte baixa, o Silleda está a 11 puntos da salvación, polo que a vindeira semana pode ser equipo de Segunda; o San Lorenzo suma 22, un máis ten o At. Ribeira, mentres que a salvación séguea marcando o Tordoia, con 27. Do posto de arrastre que agora ocupan os tordoienses, tratan de escapar o Fisterra, con 32, o Chaián, con 33, e o Baio, con 34 puntos. Na táboa de goleadores, Richi (Lalín) aumenta a súa vantaxe, con 21 goles, sobre o seu compañeiro Camba, que con 17 ve como se lle achega Changui (Puebla), que iguala co ribeirense Madiop, os dous con 15 goles. Con 14 seguen Parafita (San Lorenzo) e Jacobo López (Chaián).

