Previa Xuvenil: Ponteceso SD-CD Baio

Volve a Liga da Costa Xuvenil despois do parón da fin de semana pasada, e o CD Baio visita O Pinguel para enfrontarse ao Ponteceso SD. Tras os dous partidos da semana anterior, nos que se viu un dobre Baio estamos expectantes a ver que Baio é o que se presenta en Ponteceso. Hai quince días o equipo baiés xogou un mal partido ante o Muxía que resolveu só pola súa superioridade física no segundo tempo, mentres que o mércores seguinte, no partido aprazado ante o San Lorenzo, os rapaces baieses fixeron un partidazo ante un dos grandes desta liga, e a piques estiveron de levarse o partido, que non obstante perderon no último minuto por unha desafortunada decisión arbitral que concedeu o gol visitante a pesar de que o balón saira xa pola liña de fondo antes do pase da morte do dianteiro berdillés. Mais o que importa é que este partido demostrou que os baieses se queren teñen capacidade para facerlle fronte a calquera, pero parece que esa capacidade só a demostran cando o rival é na teoría superior.

E este sábado o rival está situado na 7ª posición, con 42 puntos sumados en 27 partidos, dos que 17 puntos corresponden aos 11 partidos desta segunda volta. Móstrase polo tanto irregular como tantos outros equipos desta liga, e chega a este encontro tras tres vitorias seguidas ante Coristanco, Sofán e Laxe. Leva 66 goles a favor, polo que só supera neste aspecto aos cinco últimos, pero tampouco encaixa moitos, pois os 45 en contra que leva son a 5ª mellor marca do grupo. O seu home gol é Iván, que suma 22 goles, quedando Carlos, con 9, xa lonxe del. Os rapaces de Bieito e Martín MC teñen unha boa oportunidade de demostrar a súa valía e sacar algo positivo da súa visita ao Pinguel e rematar a temporada da mellor maneira posible, subindo algún posto na clasificación.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA – GRUPO 2)

PONTECESO S.D. – C.D. BAIO

Sábado 7 de abril; 18:30 horas.

Saída de Baio ás 17:15 horas.

Campo: O Pinguel (Ponteceso).

Árbitro: Carlos Señarís Balsa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *