Remata a Liga da Costa Xuvenil e o C.D. Baio vai recibir no Platas Reinoso a un dos grandes conxuntos desta liga, a SD Esteirana. Tras o magnífico partido disputado en Corcubión o pasado sábado o conxunto baiés conseguiu chegar ao 10º posto da clasificación. Logo dun irregular primeiro tempo, no segundo período os baieses pasaron por riba dun Corcubión e mesmo lograron unha ampla vitoria que lles dará moral para o vindeiro torneo copeiro. Pero para manter ese décimo posto necesitan un triunfo ante unha Esteirana que tamén se xoga moito, pois está en xogo o segundo posto da clasificación que dá dereito a disputar a fase de ascenso. Para iso os esteiráns teñen que vencer no Platas Reinoso e agardar que non o fago o Fisterra no seu partido contra o Ponteceso. A Esteirana está pagando as derrotas que colleitou mediada a primeira volta, pois a segunda é inmaculada (dos 70 puntos que leva, 38 son na segunda volta), e neste momento acumula 16 xornadas sen perder (14 vitorias e dous empates). É o segundo equipo máis goleador do grupo, con 134 goles, mentres que só encaixou 40. O seu máximo goleador é Carlos Lestón, con 25 goles, pero moi preto del están Iker, con 24, ou Roberto, con 22; mentres que Jaime, con 16, queda máis lonxe. Nin que dicir ten que varios dos xuvenís foron utilizados no primeiro equipo que acaba de gañar a Liga da Costa. Xa que logo, un duro rival para o CD Baio para pechar a liga, pero xa sabemos como se crecen os rapaces baieses cando se enfrontan a equipos da parte alta. A ilusión de acabar entre os 10 primeiros axudaralles a competir aos rapaces de Bieito e MC.
XUVENIL (1ª AUTONÓMICA – GRUPO 2)
C.D. BAIO – S.D. ESTEIRANA
Sábado 28 de abril; 18:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: David Cancela García.

