Derby intenso, un punto máis

C.D. BAIO 1 – SONEIRA S.D. 1

Tarde primaveral no Platas Reinoso para a celebración deste derby comarcal, que trouxo conforme foi pasando a tarde numeroso público ao campo, superando os 400 espectadores. A pesar de ser un encontro de rivalidade viuse un bo espectáculo, con bastantes ocasións, moita loita e unha máis que discutible actuación arbitral con máis cartóns que faltas houbo e moitos erros nos fóras de xogo. Puido gañar calquera dous dous, aínda que foi o cadro visitante o que tivo o control do partido durante máis minutos, e o que contou coas mellores ocasións.

A primeira media hora foi de total dominio visitante, que xa no primeiro minuto se puido adiantar nun balón en longo sobre Basti, pero o seu disparo de volea fóiselle por riba do traveseiro. Contestou o Baio dez minutos despois nun balón sobre Martín MC, que co seu control desfíxose do defensa pero o seu disparo coa zurda atrápao Anxo pegado ao poste. Pero a grande ocasión veu no minuto 14, cando Basti gaña por velocidade á defensa baiesa e pon o pase da morte para a chegada de Pichi que remata desde o punto de penalti, pero Dani saca unha man incrible e evita o gol que xa se cantaba na bancada. Pouco a pouco foi axustando o seu sistema defensivo o Baio e as chegadas do Soneira eran menos perigosas, pero aínda así seguía movendo o balón en busca de ocos na defensa local. O cadro local espertou no último tramo da primeira parte, pero a única oportunidade salientable foi un balón sobre Martín MC ao que chega a duras penas Anxo, e o balón sae rebotado cara á frontal pero chega antes Aarón que Iván Rojo e despexa o balón.

O segundo período comeza como rematou primeiro, sen dominador claro, pero axiña chegou o primeiro gol do partido, nun balón en profundidade de Yago sobre Martín MC, que supera a Josiño na súa saída (min.48). Puido empatar o Soneira nun grave erro defensivo, nunha cesión cara aos centrais que vai a Basti, pero o seu disparo mordido atállao Dani (min.53). O Baio dedicouse a gardar a renda colleitada e o Soneira fíxose de novo co control do partido, desarbolando o centro do campo baiés. E mediada a segunda parte chegou unha nova xogada polémica, cun penalti sinalado polo xuíz de liña, que lle custou o segundo cartón a Norberto nun rifirrafe con Pichi, e posteriormente o gol de Aarón ao transformalo (min.65). Con dez homes o Baio pechouse definitivamente atrás, pero aínda así tivo unha enorme ocasión, cun balón que se leva Iván Rojo, e unha vez dentro da área remata mal e desviado cando estaba diante do porteiro e con Martín MC só para empurrala (min.67). Apertou o Soneira nos minutos finais, pero o Baio foise defendendo con orde, e xa no desconto chegou a compensación coa expulsión de Pichi por dobre amarelo. Xa pasados cinco minutos, tras unha falta lateral botada por Álex Figueiras, Pablo Novo desvía o balón cara á súa portería e o balón sae fóra tras petar na parte superior do traveseiro.

Un punto para cada un ao remate, que supón dicir adeus ás xa poucas posibilidades do Soneira de chegar aos postos de ascenso, e para o Baio seguir sumando na loita por escapar do descenso, aínda que cos resultados da xornada dominical, é superado polo Chaián, e Tordoia e At. Ribeira achéganse dous puntos máis. Polo CD Baio xogaron : Dani, Isaac, Norberto, Pablo Novo, Yago, Adrián Lema, Fachal, Martín (Rubio min.68), Moreno, iván Rojo (Raúl min.83), Martín MC. Polo Soneira SD: Anxo (Josiño min46), Rubén Forján, Jota, Aarón, DArío (Chinda min.83), De la Sierra (Nazo min.69), Sandelo, Álex Figueiras, Chapela, Pichi, Basti.

O RESTO DA XORNADA

Novo troco de líder tras o sorprendente empate do Puebla no seu campo fronte ao Cordeiro, e grazas, porque o gol inicial de Gabriel non o puideron igualar os barbanzáns ata os últimos minutos, grazas a un penalti convertido por Espi. O novo líder é o Agolada SD, que volve ao máis alto da clasificación coa súa vitoria ante o Fisterra, que aguantou unha hora, pero dous goles seguidos, de Rivas e Álex Diéguez, acabaron por inclinar a balanza; as posteriores expulsións de Pablo Lestón e Breixo, deron paso ao postreiro gol de Pacheco para pechar o marcador. Á terceira praza sobe o Flavia, que co seu brillante fin de campaña é un dos candidatos máis sólidos ao campionato. Onte desfíxose sen problema dun xa descendido Silleda, que se presentou no Souto cos seus tres porteiros na aliñación titular; Padín e Damián, cun dobrete, sentenciaron xa nos primeiros vinte minutos, e na segunda parte, unha das novas fichaxes, o ex do Muros, Yanki facía o cuarto e Padín o quinto e definitivo. Segue na loita o Bastavales, que tivo que remontar para gañar o partido, a pesar de que se adiantou cun gol de Julián, axiña chegou o empate nun autogol de Márquez e posteriormente Isma puxo en vantaxe aos de Oroso; Julián empatou co seu segundo gol, e Mirazo a dez para o final deixou os tres puntos en Brión. Quen perde folgos é o Piloño, que tiña unha difícil saída no derby co Lalín, o equipo da capital do Deza adiantouse cun gol de Pituso ao pouco de comezar, pero non tardaron en darlle a volta os cruceños con goles de Imanol e Javi, pero a dez minutos para o remate Richi poñía a definitiva igualada.

O Unión parece que se descolga da pelexa, pois a súa derrota en Chaián ante un necesitado cadro local pon xa varios puntos de distancia co liderado. Os locais, con goles de Juancar, no primeiro cuarto de hora, e de Antón ao pouco da reanudación, suman tres valiosísimos puntos. No choque máis destacado pola parte baixa o Tordoia deu boa conta dun San Lorenzo que agora ten máis complicada a salvación; axiña chegaron os dous primeiros goles para os locais, obra de Liñares, de penalti, e Denís, e o propio dianteiro tordoiés marcaría de novo antes do descanso, no que sería o 3-0 definitivo. Tamén sacou boa tallada o At. Ribeira na súa visita a Bertamiráns, con tres puntos que manteñen a distancia coa salvación; tres goles seguidos no primeiro cuarto de hora: adiantouse o Ribeira, con gol de Josema, empatou Pinaque e novo gol ribeierense de Fran, deixou para a segunda parte a sentenza, grazas a un gol do ex do Palmeira, Vicente.

Con estes resultados, o Agolada encabeza de novo a táboa, con dous puntos sobre o Puebla e  tres sobre o Flavia; Bastavales e Piloño están a catro e xa o Unión queda a sete puntos. Pola parte baixa, co Silleda descendido matematicamente, o San Lorenzo ten agora a salvación a oito puntos se non hai arrastres; o At. Ribeira segue no terceiro posto de descenso, con 26 puntos, catro menos que o Tordoia, que con 30, segue no posible arrastre. Por riba del está agora o Fisterra, que segue cos 32 desde hai varias xornadas; suman 35 o Baio e o Sigüeiro, e 36 o Chaián e Cordeiro. En canto aos goleadores, só o líder conseguiu marcar entre os seis primeiros, polo que aumenta a súa diferenza: Richi (Lalín) leva 22, por 17 de Camba (Lalín), Madiop (Ribeira) e Changui (Puebla) suman 15. Bonitos duelos para a vindeira semana, tanto por arriba, co Unión-Flavia ou Bastavales-Piloño, como por abaixo, co At. Ribeira-Tordoia, San Lorenzo-Baio ou Sigüeiro-Chaián.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *