Este sábado na Liga da Costa Xuvenil o CD Baio desprázase ata Camariñas para a disputa da 23ª xornada. Ás cinco da tarde no campo Irmás Patiño, o Camariñas FC enfróntase ao equipo baiés dirixido por Bieito e Martín MC, logo do descanso que tivemos na pasada fin de semana. Tras dúas vitorias consecutivas, que asentaron ao equipo na 12ª praza, toca esta xornada visitar o campo do pechacancelas do grupo. Un Camariñas que só conta con cinco puntos na clasificación, e que acumula oito derrotas consecutivas, mais que xa lles puxo as cousas difíciles aos baieses no partido da primeira volta. E é que contan con bos xogadores pero que acoden adoito convocados co equipo sénior, o que merma o seu potencial competitivo nas tardes do sábado. Nos 21 partidos que leva disputados só marcou 34 goles (o segundo equipo menos goleador), e pola contra leva encaixados 155 goles, o que dá unha media superior aos 7 goles por encontro. O que hai que destacar, é que dos 34 goles marcados, nada menos que 23 son obra de Adrián Bardanca, sexto na táboa de goleadores deste grupo e un fixo no once de Tono co primeiro equipo. Só trece fichas ten o conxunto camariñán, que ten que tirar do equipo cadete para completar a convocatoria. Xa que logo, non debe deixar pasar a oportunidade de seguir sumando de a tres o CD Baio para escalar posicións na táboa, pero sen confiarse pola situación clasificatoria do equipo rival, pois como xa demostrou no Platas Reinoso ten xogadores de clase e pódelle dar un susto a calquera.
XUVENIL (1ª AUTONÓMICA – GRUPO 2)
CAMARIÑAS F.C. – C.D. BAIO
Sábado 3 de febreiro; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 15:30 horas.
Campo: Irmás Patiño (Camariñas).
Árbitro: Iván Vilanova Antelo.

