Noveno empate… polos paus

BERTAMIRÁNS FC 0 – CD BAIO 0

Pouco ambiente no Municipal de Bertamiráns a pesar da tarde soleada de domingo, pois só unhas cen persoas se achegaron a ver este partido da 1ª Galicia entre o Bertamiráns e o Baio. Ao final do partido empate sen goles, nun encontro sen apenas ocasións, e que só ao remate se animou con varias oportunidades, case todas polo bando local e no que os paus se cruzaron no camiño do Baio para poder sacar un punto. É o noveno empate da temporada dos baieses que recuperaban neste partido aos lesionados Norberto e Martín MC.

A primeira parte tivo pouco que contar, cunha oportunidade inicial para Moreno, que recolleu un rexeite na frontal da área e o seu disparo foise lambendo o traveseiro (min.2). Moito centrocampismo e pouca precisión nos balóns sobre a área deste pequeno campo, no que os milímetros se fan importantes. Pasada a media hora de xogo, tivo a súa ocasión o equipo local nas botas de Pablo Souto -neto do ex-presidente baiés Jesús Souto-, pero o seu lanamento desde fóra da área fóiselle alto por pouco. A oportunidade máis clara chegou xa no desconto, nun barullo na área baiesa e o balón cáelle a Pinaque que consegue disparar pero o balón rexéitao ben Dani.

Mesma tónica no comezo do segundo tempo, sen un dominador claro, aínda que o Baio tivo máis presenza arriba coa entrada de Iván Rojo, pero pouco a pouco foise apagando no seu xogo o equipo baiés, aínda que tivo a súa ocasión nun balón en profundidade de Martín MC para Iván Rojo, pero o disparo deste inquietado por Kevin foise ao lateral da rede (min.77). O triple cambio de Moscoso deulles un impulso aos locais nos minutos finais, nos que se viñeron arriba con varias ocasións. Unha contra levada por Julio Díaz por banda esquerda, na que se internou na área e disparou ao pau da portería baiesa, o rexeite cáelle na frontal a Richi que dispara ao traveseiro, e no novo rexeite manda alto, xa moi forzado (min.81). E dous minutos despois unha xogada pola dereita dos locais, con balón  raso enviado ao punto de penalti, no que de novo Julio Díaz envía ao traveseiro. E na xogada seguinte, un balón recuperado por Ces en liña ofensiva, que non o pensa para disparar e Dani nunha boa intervención despexa a córner un balón se coaba pola mesma escuadra. Acabou pedindo a hora o conxunto baiés ante estas xogadas de perigo do Bertamiráns no treito final, pero ao final non se moveu o marcador e suma o Baio un punto máis na clasificación.

Polo Bertamiráns FC xogaron: Pouso, Saúl, Kevin, Juan, Sande, Iván (Ces min.80), Pablo Souto (Richi min.67), Meijide (Erik min.67), Álex Boo (Diego Vidal min.67), Julio Díaz e Pinaque. Polo CD Baio xogaron: Dani, Ramón (Isaac min.66), Mario, Norberto, Pablo Novo, Peke, Moreno, Bieito, Santi Díaz (Rubio min.66), Martín MC e Adrián Lema (Iván Rojo min.53).

O RESTO DA XORNADA

Resultados raros nesta xornada, na que só gañou un dos cinco primeiros clasificados (Bastavales) e só perdeu un dos sete últimos (Silleda). O partido da xornada xogouse no Souto, e nel o Flavia adiantouse cun penalti convertido por Brais no primeiro tempo, pero a falta dun cuarto de hora empatou Bryan para un Agolada que quedou con dez un minuto despois pero logrou sumar un punto que o mantén no liderado. Non aproveitou o empate do líder o Piloño, que só sacou un empate da Fieiteira II, e grazas, por o gol de Queiruga para os locais, só puido ser igualado por un mermado en efectivos Piloño cun penalti transformado por Marc a pouco do final. A dous puntos do líder está o gran beneficiado da xornada, un Bastavales que tivo que remontar no Outeiriño o gol inicial de Alan para o Silleda, pero Laba á volta do descanso e Julián Nieto nos minutos finais certificaron o triunfo dos brioneses. En Asados, o Unión, grazas a un gol de Adrián ao cuarto de hora, acabou coa xeira do Lalín de catro vitorias seguidas. Agora, lalinenses e padroneses ven como os atrapou o Puebla, que soubo sentenciar o seu partido en Chaián en pouco máis de media hora con goles de Viturro e dobrete de Espi; recortaría Dani López antes do descanso, e no desconto do partido Jaco López poñería algo de emoción co segundo gol.

Pola parte baixa, o partido estaba en Gorgullos entre o Tordoia e o Sigüeiro, pero o encontro acabou sen goles e con moitos cartóns, incluído un vermello para os locais, que xogaron case todo o segundo tempo cun home menos. No derby da Costa, o Fisterra deu a sorpresa ao vencer en Vimianzo a un Soneira que encadeaba unha xeira de tres triunfos seguidos; coma a semana pasada un solitario gol de Gabi Pazos valeu tres puntos para os de Noé. Tamén gañou outro equipo costeiro que estaba en postos de descenso, o San Lorenzo, despois de nove xornadas volvía vencer, neste caso ante o Cordeiro; Dani Pena adiantaba aos de Verdillo pero Pablo xusto antes do descanso empataba, quedaban con dez os locais a falta de media hora pero non foi óbvice para que Parafita marcase o gol do triunfo dez minutos depois.

Apértase a clasificación pola parte alta, na que segue de líder o Agolada, cun punto de vantaxe sobre Piloño e dous sobre Bastavales; a cinco están Lalín, Puebla e Flavia, e xa a seis o Unión. Pola parte baixa, segue o San Lorenzo de pechacancelas, pero agora ten a un punto o Silleda; o terceiro posto de descenso é para o Tordoia que suma catro puntos máis que os verdilleses e con dous puntos por riba do descenso directo están Fisterra e At. Ribeira (estes cun partido máis). Na táboa de goleadores apenas houbo cambios, pois os lalinenses Richi (17) e Camba (15) non marcaron, pero Viturro (Puebla) alcanzou a Madiop (At. Ribeira), con 11 goles, e Jaco López (Chaián), con 10, está quinto en solitario, cun tanto máis que Álex Diéguez (Agolada), Pap (Puebla) e Rubén (Silleda).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *