Un porteiro, tres postes… e salvación conseguida

C.F. SILLEDA 1 – C.D. BAIO 1

Penúltima xornada da Primeira Galicia no seu Grupo 2, na que o CD Baio xogaba no Outeiriño ante o CF Silleda nunha tarde algo fría e ceo cuberto. Un centenar de espectadores nas bancadas, con boa presenza da afección baiesa a pesar das xornadas celebradas polo comercio baiés. No terreo deportivo, o único positivo é ese punto sumado que permite por fin asegurar a salvación, iso si, nun dos peores partidos xogados polos baieses en moito tempo, que desapareceu do campo logo do gol e o Silleda, que acumulaba dez derrotas seguidas, mereceu gañar o encontro con moita solvencia, pero a actuación sobresaliente de Dani e os postes priváronos de sumar os tres puntos.

Comezou ben o equipo baiés, con algunhas chegadas que acababan con lanzamentos desde fóra da área por parte de Santi Díaz que se foron fóra. E sería aos 8 minutos cando chegase o gol baiés nun centro desde a banda esquerda de Peke e Santi Díaz, no segundo pau, remata de primeiras cruzado e bate a José. Pouco a pouco foi desaparecendo o equipo visitante, perdendo moitos balóns e os silledenses íanse achegando á meta de Dani en lanzamentos desde fóra da área. Pero sería nos balóns parados nos que chegase o verdadeiro perigo local. No último cuarto de hora do primeiro período ata tres ocasións claras tivo o Silleda, pero non lograron convertelas. Na primeira delas, un disparo cruzado conségueo sacar Dani para a lateral e o novo centro de Ferreiro é rematado por Fondevila fóra (min.31). Despois sería unha falta ao segundo pau que remata Manu Fuentes de cabeza pero váiselle por riba do traveseiro (min.36), e a última acabaría no poste da portería de Dani, logo de que este lograse desviar coa punta dos dedos un disparo cruzado (min.40).

Non só non mellorou o Baio na reanudación senón que ofreceu máis facilidades defensivas, e ainda que na contra tivo dúas inmellorables ocasións, o certo é que o Silleda pasou por riba en todo momento. Xa aos 2 minutos un remate de Álex de cabeza petaba no traveseiro e saía fóra tras adiantarse aos defensas baieses. A primeira oportunidade de sentenciar tívoa Santi Díaz, que se foi en velocidade pero o seu disparo sacouno o porteiro na súa saída (min.59). Pero o gol roldaba a meta baiesa e Dani multiplicábase para atallar todos os lanzamentos que facían os locais. As xogadas a balón parado eran unha lotería e nunha destas obtiveron premio, ao aproveitar Gus no segundo pau unha prolongación de cabeza (min.77). Intentou reaccionar o Baio e tivo a oportunidade de gañar nun balón recuperado en medio campo por Iván Rojo, que se foi cara á meta rival pero no man a man ante José Luis, o porteiro saca unha man e saca o balón (min.85). E no último minuto, grandiosa ocasión para os locais, cun lanzamento desde a frontal sen oposición que logra desviar Dani para que o balón pegue no traveseiro e o rexeite non foi aproveitado polos silledenses que remataron fóra. Pouco despois, Miguel Ángel Vilas puxo o punto final ao partido e o Baio aseguraba a permanencia grazas ao empate do Tordoia en Asados. A vindeira semana pecharase a temporada co enfrontamento ante o Unión de Asados.

Polo CF Silleda xogaron: José Luis, Manu Fuentes, Souto, Gus, Rubén, Álex, Ferreiro (Asier 69), Richi, Fondevila, Miki, Cristian (Moha 46). Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Pablo Novo, Norberto, Adrián Lema, Fachal, Peke, Rubio, Santi Díaz (Iván Rojo 71), Martín MC.

O RESTO DA XORNADA

Xa temos campión: a SD AGOLADA conseguía o título ligueiro despois dunha magnífica temporada, na que estivo sempre nos postos cabeceiros e finalmente foi o que levou o título. A vitoria do Agolada en Ribeira certificou tamén o descenso do Atlético Ribeira, co que tan só queda por saber quen vai ocupar o posto de posible arrastre, que se xogarán na última xornada Tordoia e Fisterra. O Agolada venceu cun gol de Jemba mediado o primeiro tempo, e ao pouco de comezar o segundo Pacheco certificou o triunfo. Para o posto de promoción seguen na pelexa o Puebla e o Piloño, co Flavia agardando un dobre erro deles. O Puebla non tivo dificultade para desfacerse dun San Lorenzo que, máis centrado na Copa da Costa, xa se vía derrotado aos cinco minutos logo dos goles de Pablo e Pap; antes do descanso Xaco marcou o terceiro e no inicio do segundo tempo de novo Pap e Changui completaron a man e o triunfo. O Piloño tivo que sufrir máis para gañar os tres puntos, pois o Cordeiro púxolle as cousas moi difíciles; Isaac adiantaba aos de Valga ao cuarto de hora, pero Marc e Tuco déronlle a volta á media hora, pero no desconto do primeiro tempo, Sergio conseguía o empate. A vitoria dos de Vila de Cruces non chegaría ata o último cuarto de hora, cando Víctor consegue o terceiro e levar os tres puntos para seguir pelexando polo segundo posto. O Flavia mantense na cuarta praza grazas a súa vitoria sufrida ante o Sigüeiro, a pesar de adiantarse con gol de Damián aos dez minutos, e non puido certificar o triunfo ata os últimos minutos co gol de David Pérez. Quen perdeu toda posibilidade é o Unión co empate en Vilas ante o necesitado Tordoia, nun partido no que non houbo goles e que lle pode valer aos visitantes para escapar dese posible arrastre.

É que o Tordoia xogarase ese posto co Fisterra, que este domingo lograba derrotar no Ara Solis ao Bastavales por 2-0 con dous goles do xuvenil Isaac, que na tarde do sábado xogara medio de partido da fase de ascenso á Liga Galega Xuvenil. Quen escapou desa praza é o Chaián, que logrou impoñerse en Augas Santas ao Bertamiráns cun solitario gol marcado no inicio do segundo tempo por Jorge. Por último, no encontro no que non había nada en xogo, o Soneira e o Lalín empataron en Vimianzo; Chinda adiantou aos locais aos vinte minutos, pero á media hora empatou Brais, pero sería Chinda de novo o que adiantase ao Soneira no desconto do primeiro tempo; a dez para final do partido Rego poñería a igualada no marcador.

Con estes resultados o Agolada é campión pois suma 70 puntos, catro máis que Puebla e Piloño, que pelexarán polo posto de promoción, con vantaxe para os pobrenses que teñen a golaveraxe favorable. O Flavia, con 64, espera un improbable dobre erro dos predecesores, para o que temos que ter en conta que o Flavia ten a golaveraxe favorable co Puebla e en contra co Piloño, conxunto este que sería o beneficiado nun triple empate. Pola parte baixa, certificados os tres descensos directos coa derrota do At. Ribeira, que se une a San Lorenzo e Silleda. O posto de posible arrastre segue en poder do Tordoia, que suma 34 puntos, e ten ao Fisterra con 36 a tiro de pedra. Chaián, Baio e Sigüeiro conseguiron certificar xa a súa salvación. Para a última xornada temos que poñer o foco no Puebla-At. Ribeira, Piloño-Fisterra e Bertamiráns-Flavia para os que loitan pola promoción, e no Tordoia-Chaián e Piloño-Fisterra para o posto de arrastre, tendo en conta que aos fisterráns abóndalles cun punto, pero o seu rival tamén se está xogando moito. Na táboa de goleadores, Richi (Lalín) segue líder con 22 puntos, e agora Changui (Puebla), con 18, ponse segundo en solitario; Camba (Lalín) e Madiop (At. Ribeira), con 17, son os perseguidores e Pap (Puebla) chega ao quinto posto co seu dobrete, para sumar 16.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *