S.D. SAN LORENZO 3 – C.D. BAIO 0
Máis de duascentas persoas nas Pedreiras para ver o partido da 1ª Galicia entre o SD San Lorenzo e o CD Baio na tarde do domingo, con sol aínda que lixeiramente fría. O partido foi un monólogo do equipo local na primeira media hora, pois parecía que os baieses aínda estaban no autobús, e cando chegaron ao partido xa perdían por dous goles de diferenza e estaban cun xogador menos. Aínda así, tiveron os baieses oportunidades de meterse no encontro, pero ben por erros na definición ou pola brillante actuación de Javi Souto o partido decantouse de lado verdillés.
Presentábanse os locais con moitas baixas, polo que formaron varios non habituais de inicio, pero non foi obvice para que fosen superiores a un Baio que viña de varios partidos sen perder, pero que non era quen de atallar as chegadas dos locais nin de crear chegadas á meta rival. E o protagonista dos primeiros minutos foi o dianteiro Yago, que aproveitou dúas oportunidades para marcar dous goles; o primeiro veu dun disparo desde a esquina da área grande que conseguiu introducir por toda a escuadra dun sorprendido Dani (min.11), e o segundo ao recoller un mal despexe da defensa baiesa, que lle deixa o balón botando na frontal e fusila ao porteiro baiés (min.15). A primeira chegada dos baieses veu no minuto 20, nunha combinación entre Iván Rojo e Adrián Lema, que acaba cun pase atrás deste para a chegada de Iván, que coa zurda dispara a rentes de pau. Pero esta pequena reacción foi cortada coa expulsión de Fachal (min.23), que deixou un pouco tocados aos xogadores visitantes. Con todo, pasada a media hora o San Lorenzo deixou de presionar e botouse un pouco atrás, o que aproveitou o Baio para achegarse con perigo. Tivo o gol Martín MC nun balón que lle chegou rexeitado, pero en posición algo escorada, disparou ao pau de Javi (min.30). E cinco minutos despois é Martín quen dispara desde a frontal, pero Javi saca unha man que quita a pelota do ángulo para enviala a córner.
Saíron na reanudación os dous equipos cos mesmos parámetros cos que rematara a primeira parte, co San Lorenzo pechado atrás e o Baio intentando crear perigo, pero este morría todo nas proximidades da frontal. Incluso puido ampliar a renda o equipo local nunha contra, na que o debutante xuvenil Brais Rey se internou na área, pero o seu disparo atallouno Dani sen problema (min.60). Pouco despois Martín MC puxo a nota negativa ao ter que retirarse lesionado, pero o equipo seguiuno intentando. Nunha xogada embarullada na área local, chegou un penalti que se encargou de lanzar Iván Rojo, pero Javi Souto logrou desviar o balón (min.72). Era unha nova oportunidade de meterse no partido que voiaba e os minutos ían ditando sentenza. Tería a ocasión de resarcise Iván cun bo lanzamento desde a frontal, pero aí apareceu de novo Javi Souto para facer un paradón e enviar a córner (min.85). E pouco despois foi Brais Cancela quen se foi nunha contra, pero disparou alto. Xa co partido rematado, nova contra local, e o balón chega a Dani Pena, que tras regatear a Dani, marca o 3-0 que sería definitivo.
Con este resultado o Baio volve meterse en problemas, pois ten o descenso a seis puntos, posto que ocupa o At. Ribeira, rival que o vindeiro domingo visita o Platas Reinoso. Pola súa parte, o San Lorenzo consegue ver unha luz ao final do túnel, e ten a salvación a cinco puntos. Polo SD San Lorenzo xogaron: Javi Souto, Juanjo (Pablo Díaz 46), Baneira, Samu, Luciano, Anxo, Pablo Garrido, Dani Pena, Mario (Brais Cancela 68), Diego Varela (Cotelo 71), Yago (Brais Rey 51). Polo Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Pablo Novo, Fachal, Adrián Lema, Martín, Rubio, Moreno (Josiño 79), Iván Rojo (Raúl 89), Martín MC (Santi Díaz 64) .
O RESTO DA XORNADA
Escapa o Agolada ao fronte da clasificación ao gañar en Vimianzo e non facelo o Puebla en Fisterra nin o Flavia en Asados. Os da terra do Deza impuxéronse nos últimos minutos ao Soneira, que se adiantara cun penalti convertido por Chapela no 80, pero Jemba empatou ao minuto seguinte e no desconto deulles os tres puntos aos agoladenses. O Puebla comezou gañando en Fisterra cun gol de Changui aos 15 minutos, pero axiña empatou Gabi Pazos e Jesús pasada a media hora remontou, pero Changui volveu poñer a igualada aos dez minutos da reanudación e xa non se movería o marcador. Nun dos choques da xornada o Unión logrou vencer ao Flavia; Xavi adiantou aos rianxeiros á media hora, pero antes do descanso David logrou a igualada, para marcar Néstor o definitivo 2-1 a falta de 15 minutos e meter de novo ao Unión na pelexa. O outro partido destacado estaba no Camballón, e o Piloño desfíxose do Bastavales ao igual que fixera o ano pasado na final da Copa do Sar; Zequi marcou na primeira parte, e nos últimos 15 minutos Matías e Javi sentenciaron, para marcar no desconto Raúl Insua o da honra e para manter igualada a golaveraxe.
Pola parte baixa tamén había un interesante At. Ribeira-Tordoia, entre o terceiro e cuarto pola cola, que caeu de lado local cun gol de Madiop no último minuto da primeira parte e sentenciou no desconto do partido o xuvenil Yago, para tamén igualar a golaveraxe. O Cordeiro só sumou un punto nos últimos catro partidos e complícase a vida; onte perdía na casa contra o Lalín, ao que lle chegou un gol de Rego ao inicio do partido para levar os tres puntos de Baño. Sigüeiro e Chaián xogábanse certificar a permanencia e acabouna asinando o equipo orosán, que cun novo gol do veterano Bautista na segunda parte, obriga ao Chaián a seguir loitando. Por último, o Silleda encaixaba unha nova derrota, e onte era o Bertamiráns o que levaba os tres puntos do Outeiriño cunha goleada, que se iniciou na primeira parte e certificouse na reanudación, cun dobrete de Julio Díaz, e outros de Pablo Souto e Ricardo.
A clasificación está comandada polo Agolada, con catro puntos de vantaxe sobre Puebla e Piloño, e seis xa sobre o Flavia. Bastavales e Unión están a sete do líder pero só a tres da promoción, polo que seguen pelexando polo ascenso. Para o descenso, co Silleda sentenciado, o San Lorenzo ten a salvación a cinco puntos, mentres que o At. Ribeira xa a ve máis preto, pois o Tordoia só lle quita un punto. O Fisterra suma catro puntos máis que os ribeirenses e o Baio seis, quedando o Cordeiro e Chaián a sete puntos do descenso e a seis do posible arrastre. Na táboa de goleadores segue Richi (Lalín) en cabeza, con 22, e Changui (Puebla) xa igualou os 17 de Camba (Lalín), mentres Madiop (At. Ribeira) chega detrás, con 16.

