C.D. BAIO 2 – S.D. ESCLAVITUD 0
Despois dunha semana de tempo desapracible o día presentouse bo para a práctica do fútbol, sen que a auga fixese acto de presenza, polo que foron máis de 200 os afeccionados que se deron cita no Platas Reinoso para presenciar o partido de fútbol entre o CD Baio e a SD Esclavitud, que contou co apoio de bo número de seareiros que se fixeron oír nas bancadas. Partido moi igualado, pero moi serio por parte local, que ao igual que o domingo anterior en Dumbría soubo estar colocado no campo e agardar as súas oportunidades. E coma a semana pasada logrou levar o gato á auga con dous goles que permiten que neste inicio da segunda volta sumemos os nove puntos dos nove en xogo.
Contaba o cadro baiés coa importante baixa -entre outras- do seu dianteiro goleador Martín MC, polo que tivo que modificar a súa posición Iván Rojo para xogar en punta, e Moreno na banda. Os primeiros minutos foron de tímido dominio local, con escasas chegadas, a maior parte delas pola banda esquerda con Santi Díaz; mentres que o Esclavitud buscaba con balóns longos a Darío, e as oportunidades tamén eran escasas. Desnivelou a contenda unha xogada a balón parado, na que a defensa visitante non despexou ben, e o balón quedoulle franco a Norberto en área pequena que definiu ante Diego Couso (min.34). Pouco máis que contar dun primeiro período, que foi igualado pero que o gol daba tranquilidade ao cadro local.
Comezou o segundo tempo máis ou menos co mesmo guión, o Baio tratando de ter a posesión do balón, sen arriscar en exceso, mentres que era o Esclavitud o que intentaba agora asumir algún risco máis en busca da igualada. Pero foi mediada a segunda parte cando unha bonita combinación do equipo baiés saíndo desde atrás por banda esquerda con Damián, que cede no extremo para Iván Rojo, que pon o centro atrás e Santi Díaz chegando envía o balón ao fondo das redes, tras coller a contrapé ao Couso (min.67). Un minuto despois producíase o debut de Porti nas filas baiesas, que deixou algúns detalles de calidade, e sacou un par de contras perigosas que non chegaron a fructificar, pero tivo o infortunio de terse que retirar mancado. Tivo o gol nas súas botas Bieito cun lanzamento desde a frontal, pero o seu tiro colocado sacouno a córner o porteiro padronés (min.76). Logo do segundo gol local o Esclavitud arriscou máis poñendo a Iván Angueira en posicións ofensivas, e a piques estivo de lograr o gol, nunha falta lateral que cabeceou adiantándose a Dani, pero o balón fóiselle fóra (min.87), e tamén Darío tería ocasión de recortar distancias, pero logo de gañar por velocidade disparou con pouco ángulo ao lateral da rede (min.90). A última e máis claro foi xa no engadido, cando Iván Rojo se presentou só ante o porteiro rival, pero a súa vaselina fóiselle fóra.
Con esta vitoria o Baio aséntase no cuarto posto, achegándose ao líder, que agora está a cinco puntos, mais segue inmerso nesta costa de xaneiro-febreiro, na que agardan agora dúas xornadas consecutivas como visitante, o vindeiro domingo iremos a Vila de Cruces xogar contra o Piloño e despois o Sigüeiro. Polo CD Baio xogaron: Dani, Rubio, Yago, Peke, Damián, Norberto, Álex Figueiras, Bieito (Sergio 76), Moreno (Pablo 89), Iván Rojo e Santi Díaz (Porti 68 (Josiño 85)). Pola SD Esclavitud: Diego Couso, Gonzalo, Iván Angueira, Borja, Estévez (Hugo 73), Álex Gallego, Juanito (Jorge 62), Abel, Pichi (Miguel 46), Andrés (Álex Fariñas 57) e Darío.

