Moito ambiente, moita igualdade, ningún gol

C.D. BAIO 0 – SONEIRA S.D. 0

Tarde fría e invernal, a pesar de que a chuvia aguantou no primeiro tempo, a que se viviu este domingo no Platas Reinoso para presenciar un novo derbi da 1ª Galicia entre o CD Baio e o Soneira SD. Con todo, as condicións climatolóxicas non botaron a xente para atrás e unhas 400 persoas achegáronse ata o campo para presenciar un partido que se resolveu sen que se movese o marcador. Empate nun encontro que tivo moita loita, varias chegadas ás áreas con perigo e moito medo a perder, polo que ao final os dous equipos deron por bo a igualada.

O primeiro tempo foi moi táctico, con dous equipos ben posicionados, pero remisos á hora de chegar arriba, o que deixaban para os dianteiros, que se tiñan que buscar a vida eles sós, ou para as xogadas a balón parado, ao que fiaron a súa sorte os dous conxuntos. A mellor oportunidade caeu de parte baiesa, tras un balón que recibe Martín MC e o seu disparo coa zurda pega no poste dun batido Javi Souto (min.27).

Máis animado estivo o segundo período, con máis espazos e máis idas e voltas, pero as accións perigosas non chegaban á súa fin por apágarselles as luces aos dianteiros unha vez na área. Igualou o número de balóns aos postes o Soneira grazas a unha falta botada por Pichi que golpeou o pau da porta de Dani (min.59). E tivo Martín MC unha boa oportunidade pero non chegou a alcanzar un centro de Damián tras unha boa internada deste (min.67). Nos últimos minutos viñeron as mellores ocasións, a máis clara nas botas tamén de Martín MC, que quedou só ante Javi Souto, e disparou picándolle o balón na saída do porteiro, pero o coiro foise fóra a rentes do pau (min.87). E xa no desconto, o xuvenil Fran desfíxose do seu par e lanzou colocado, pero Dani sacaría unha boa man para afastar o perigo.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Norberto, Damián, Álex Figueiras, Peke (Sergio 75), Bieito, Iván Rojo, Martín MC e Santi Díaz (Moreno 39). Polo Soneira SD: Javi Souto, Samuel (Fran 82), Sito, Aarón, Adrián Pose, Taibo (Nazo 75), Alemán, David Agra, Sandelo (Brais 86), Pichi e Basti (Darío 66). Con este empate o Baio continúa na 5ª praza, mentres que o Soneira sobe unha posición, para ser 13º. A vindeira semana o CD Baio visita ao Tordoia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *